Vilalba homenaxea a Uxío García Amor

O Colectivo Egeria e o Concello de Trabada veñen de crear una páxina web en homenaxe á figura do crego, prelado de honra da Saúa Santidade

A igrexa de Vilalba acolleu onte domingo unha homenaxe ao profesor e músico Uxío García Amor, que se despide da capital da Chaira para volver a Mondoñedo. O acto consistiu nunha lembranza dos seus anos como profesor, coa intervención de diferentes persoeiros, seguido dunha eucaristía. O sacerdote trabadense Uxío García Amor é director da Polifónica Vilalbesa e exerceu como profesor en Mondoñedo, onde ocupou diferentes cargos na diócese a longo da súa vida.

Pola súa banda, o Colectivo Egeria e o Concello de Trabada veñen de crear una páxina web en homenaxe á figura do crego, prelado de honra da Saú Santidade. Nela atoparades infinidade de testemuñas, fotografías, referencias á súa obra literaria e musical, vídeos e unha ampla biografía. 
 

Don Uxio, santo de amor, por Xulio Xiz

Devotos de Uxío García Amor, co apoio do seu concello de Trabada, gardabámoslle un agasallo para cando en novembro cumprise 94 magníficos anos, pero a súa partida de Vilalba a Mondoñedo, onde posúe a Medalla de Ouro da cidade, fíxonos adiantar a apertura de www.uxiogarciaamor.org, onde seguiremos recollendo testemuñas sobre este persoeiro especial.

Con esta web proclamamos que hai un crego que mereceu ser “Prelado doméstico da Súa Santidade”; home de Deus que naceu en Sante ao que Trabada declarou “Fillo predilecto”; profesor ao que os antigos alumnos gardan culto de dulía por terlles aberto camiños de cultura e de vida; traballador infatigable que baseou a súa vida na caridade e a música, o sorriso, a compañía e o empuxe… veterano loitador que vence coa entrega, entusiasmo, inocencia e exemplo.

En Trabada ou Roma, Muras ou As Pontes, Mondoñedo ou Vilalba, deixou un regueiro de agradecementos froito da súa semente de bonhomía e agarimo, ledicia e ánimo… Entrega permanente a todo o que é bo e a todos aos que se achega.

En Vilalba saben da súa entrega a asociación de Viuvas ou Manos Unidas, María Mediadora ou Cáritas, a Parroquia ou a Coral Polifónica, que grazas a el seguiu viva cando Jesús Gómez faltou. Grazas a el o Belén de Begonte cumpre agora medio século de existencia… O Iescha teno nomeado Socio de Honra, e para Xermolos-Irmandade Manuel María é Chairego de Honra. Nel, todos os vilalbeses temos un singular espello no que mirarnos.

Cando no anoitecer da vida terrea o examinen do amor, os que o sobrevivan poderán afirmar: “Era un santo”. Por se acaso non chego aló, afirmo aquí que se ten accións de santo, entrega de santo, sona de santo… Santo do AMOR ten que ser Don Uxío.
 

DON UXÍO, O HOME SABIO E SERVIZAL, por MANUEL RIVAS GARCÍA

Coñecín a Don Uxío García Amor polos anos sesenta. No ano 1962, en concreto, dábanos unha materia denominada “Preceptiva literaria” que nos ía introducindo na literatura española, nos xéneros literarios, na prosa e na poesía.

Á vez presentabamos os alumnos -quizais semanal ou quincenalmente- un relato curto sobre un tema que el suxería ou que nos escolliamos libremente. Traía os cadernos puntualmente corrixidos a clase e lía e comentaba tanto os vicios e vulgarismos como o bo uso da linguaxe que aparecían alí reflectidos, pero sen mortificar a ninguén. Naquel tempo en que a educación utilizaba métodos coercitivos de aprendizaxe, don Uxío, en cambio, empregaba máis a persuasión.  Nunca pronunciou unha palabra máis alta ca outra nin se burlou xamais de ningún alumno. Nalgún caso saíanlle as cores esforzándose para non ferir a sensibilidade de ninguén. A veces sufría el máis ca o propio interesado. Era un profesor esixente, pero as súas clases eran amenas e ben preparadas. Sempre sabiamos a que aterse.Tamén extractaba anacos de literatos e poetas clásicos españois para que nos serviran de inspiración á hora de facermos unha redacción ou tentar compoñer algún poema. Nalgunha digresión que a veces facía para distender, contounos unha vez que cando chegara de Roma ao Seminario de Mondoñedo, como profesor, viña cun baúl cheo de ilusións, pero co tempo tivera que ir aterrando na realidade. Un xoven estudante brillante, licenciado en Filosofía e Teoloxía pola Universidade Gregoriana de Roma onde se formaba o máis selecto do clero católico da Igrexa, e chegar como profesor a un Seminario diocesano pouco aberto a novidades, supoño que tivo que producirlle unha certa frustración. Sen embargo, don Uxío nunca se queixaba. Era un home delgado, áxil e inasequible ao cansazo. Non tiña medo algún  ó traballo.

Co tempo fomos descubrindo o seu extenso horario académico. Non só daba clases de Lingua e Literatura en varios cursos senón tamén de Música e Canto gregoriano e mesmo de Escritura en Teoloxía. Creo recordar que tamén fixo durante algún tempo de Xefe de Estudos.  A pesar disto sempre se mostrou xovial e servizal. Sempre estaba disposto a escoitar e botar unha man en todo o que podía.

Remiso a honores e gabanzas, chegou, sen embargo, a ocupar os postos de maior responsabilidade da Diocese mindoniense , como Secretario do Bispo, Vicario Xeral o Administrador diocesano.  No 2011 foi nomeado Prelado de Honra do Papa. O seu talante humilde sempre lle facía refugar calquera posto que o tratase de enxalzar. Algún compañeiro mesmo afirma que el rexeitou  figurar na candidatura para Bispo porque prefería seguir sendo un humilde sacerdote.

Cando don Uxío veu a Vilalba, os chairegos que o coñeciamos tivemos unha gran ledicia. Sabiamos que alí chegaba un gran crego, sabio, prudente e amante da música, quizais a  outra gran vocación de Uxío. El dirixiu no Seminario a “Schola Cantorum” durante moitos anos, O Orfeón de Mondoñedo e finalmente a Polifónica Vilalbesa. Amante da música clásica e da sacra, don Uxío soubo fomentar nos mozos ese afán polo canto ao que dedicou gran parte da súa vida ensinando nas aulas e dirixindo importantes coros, como acabamos de sinalar.

A beleza de Vilalba tamén feriu a  imaxinación poética de don Uxío: O Castelo, A Pravia, o río Madalena, ou a Xira foron inmortalizados nos seus fermosos poemas, formando xa parte para sempre da inmorrente Escola poética da Chaira a carón de grandes vates que  sobrancean, como o tamén crego Chao Ledo que lle canta á Virxe de Tardade, “Pombiña a quen baña ós seus pes o seu Trimaz”.
 

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas