O pasado venres 28 de xuño, no entorno de Hospital de Bruma, o voluntariado da Pastoral Penitenciaria das dioceses de Santiago e Mondoñedo-Ferrol tivo unha xuntanza para facer balance do curso que remata e preparar a programación de cara a setembro.
No ano 2023, a Pastoral Penitenciaria continuou a súa misión de apoio e acompañamento aos internos e internas do Centro Penitenciario de Teixeiro, así como ás persoas en transición cara á liberdade. Grazas ao traballo de 33 persoas voluntarias, logramos crear un ambiente de solidariedade e esperanza para aqueles que máis o necesitan.
O noso voluntariado, xunto coa colaboración de parroquias e outras entidades, fixeron posible unha ampla variedade de programas e actividades, sempre enmarcadas no coidado espiritual da persoa. Dentro da prisión, ofrecéronse servizos relixiosos, formación catequética, apoio educativo e programas específicos para mulleres, sobre o uso do móbil e preparación para primeiros permisos. A través destas iniciativas, conseguimos que máis de 150 internos participasen regularmente nas nosas misas e actividades.
Ademais dos servizos relixiosos, centramos os nosos esforzos en atender as necesidades sociais e sanitarias das persoas privadas de liberdade. A través dun convenio con Cáritas, proporcionamos asistencia bucodental e óptica a numerosos internos, así como apoio xurídico a quen o precisou. Estes servizos foron esenciais para mellorar a calidade de vida dentro do centro.
O noso labor non se detén nas portas do cárcere. Fóra do recinto, ofrecémoslles apoio a internos que saen de permiso ou en liberdade, asegurándonos non só de que teñan acceso a recursos básicos senón tamén a un entorno de acollida. As casas xestionadas por Cáritas Diocesana son fundamentais para que as persoas que non teñen unha rede familiar ou de amizade poidan ir integrándose na sociedade paulatinamente.
Un dos momentos máis destacados do ano foi o Camiño de Santiago, no que participaron internos e internas, funcionarios e voluntariado. Esta peregrinación, organizada en coordinación coa Pastoral de toda España, culminou cunha misa na catedral de Santiago, simbolizando un camiño cara á liberdade, unha liberdade que vai máis alá do feito de deixar de estar entre rexas.
Tamén fomentamos a sensibilización acerca do mundo penitenciario na sociedade a través de diversas actividades, como visitas ao centro e encontros en parroquias. Estes eventos axudan a promover unha maior comprensión e apoio cara ás persoas privadas de liberdade, que normalmente están estigmatizadas só polo feito de estar no cárcere e que precisan ser acollidas e tratadas con toda a dignidade que nunca perden.
No ano 2023, seguimos organizando xornadas interdiocesanas formativas. Nesta ocasión, abordamos as alternativas á condena tradicional, reflexionando sobre o que implica entrar no cárcere para cumprir unha pena e afondando en outras penas como a suspensión de condenas e traballos en beneficio da comunidade. Estas xornadas, ademais, son un espazo de encontro para persoas de distintos ámbitos.
A nosa misión segue adiante grazas ao esforzo conxunto de todas as persoas voluntarias, colaboradoras e entidades que nos apoian. O noso compromiso é seguir traballando para ofrecer un apoio integral ás persoas privadas de liberdade, axudándoas a atopar un camiño de esperanza e reintegración na sociedade.
Fonte: Arcebispado de Santiago de Compostela
🫂💜 Reflexión sobre o labor da #PastoralPenitenciaria en #Galicia
3⃣3⃣ persoas voluntarias das dioceses de @DioceseSantiago e @mondonedoferrol pecharon o curso no entorno de Hospital de Bruma
💬 «O noso labor non se detén nas portas do cárcere»
https://t.co/KjAaifzV17 pic.twitter.com/Ho6aW9HoRX— Diócesis de Mondoñedo-Ferrol (@mondonedoferrol) July 5, 2024