Santos da outra banda

Con dúas clases de santos téñome eu atopado na vida. Da primeira moitos máis que da segunda. Por unha banda, téñome atopado con aqueles dos que a xente fala marabillas. Das súas calidades, feitos e verbas, sona e milagres. Se un se mira no seu espello verase cativeiro de todo. O mundo non fala de calquera. Fala dos mellores para ben e mais para mal. Pero eu, destes, non falo. Imitándoos, sei de non poucos que, co tempo, convertéronse no que non eran e non chegaron a ser aquilo ao que estaban chamados: santos da outra banda.

Santos da outra banda son os que non son coñecidos polos seus feitos, senón polos seus froitos. Como da flor sae o froito e recóllense da árbore os froitos e non as flores, dos santos da outra banda lémbranse os seus froitos mais aínda cos seus feitos. O mesmo Salvador do mundo comezou o seu ministerio poñéndose nas mans dun destes santos, Xoán o Bautista. Xoán non pasou a historia polos seus grandes feitos, senón por prepararlle o camiño ao Señor. De feito, non só a el. Tamén llelo preparou dalgunha maneira a cantos acudiron ao Xordán para recibiren o bautismo na auga coma sinal de conversion e perdoanza. Ían xunta del homes podentes de Xudea e Xerusalem e a todos lles dicía o mesmo: que abrisen aos outros os camiños que eles mesmos lles pecharan.

Velaquí os froitos de conversión que Xán o primeiro e logo Xesús agardan de nós. Non grandes feitos dos que a xente poida falar, senón pequenos xestos de acollemento ao que vén xunto de nós e agarda unha oportunidade, un camiño, unha palabra de alento. Se o Salvador do mundo se puxo na ringleira dos pecadores á outra banda do Xordán, onde Xoán bautizaba, non foi senón para que alí mesmo, no medio das augas, o Espirito Santo dixera aquilo que nel, cabeza da Igrexa, dirase tamen dos seus membros:
"Ti es o meu fillo benquerido, o meu predilecto" (Mc. 1, 11).

«Non grandes feitos dos que a xente poida falar, senón pequenos xestos de acollemento ao que vén xunto de nós e agarda unha oportunidade, un camiño, unha palabra de alento»

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas