A diocese será a depositaria da biblioteca persoal da poeta Julia Uceda

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, acompañado do bispo da Diocese de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos, e do concelleiro de Cultura, José Ponte Far, revelou que a biblioteca da poetisa Julia Uceda, falecida o pasado mes de xullo, quedará en Ferrol. “Anunciamos algo importante para a cidade como é apostar pola cultura e nesta iniciativa unímonos o Concello de Ferrol e Diocese de Mondoñedo-Ferrol”. Xuntos- avanzou o rexedor- levaremos a cabo importantes proxectos de recuperación do patrimonio e tamén de conservación do mesmo, no que podemos incluír esta doazón da biblioteca de Uceda.


José Manuel Rey: «Un verdadeiro tesouro para compartir con futuras xeracións»

Rey Varela agredeceu as xestións levadas a cabo polo concelleiro de Cultura para que estes fondos quedaran na cidade. “Non hai nada máis bonito que recibir esta biblioteca, grazas a Julia e á súa familia por este acto tan xeneroso”. E sinalou que “a biblioteca que estamos a acoller non é só un simple conxunto de libros, senón un verdadeiro tesouro que nos permitirá seguir compartindo as palabras e os pensamentos de Julia con futuras xeracións”. A poeta, Premio Nacional de Poesía, tiña na súa casa de Serantes unha gran biblioteca, variada e diversa, propia dunha lectora ávida, desexosa de seguir aprendendo cada día. Rey Varela revelou que lle gustaban os autores clásicos e modernos, e “podemos ver que unha parte importante dos seus fondos estaban adicados á poesía cunha selección de obras do escritor Ramón J. Sender, un dos seus favoritos, e de José Hierro, o seu poeta máis preciado”. Entre os exemplares atópanse os libros máis antigos e fundamentais para a cultura da humanidade como a Epopeya de Gilgamesh, El Mahabarata, a Biblia ou Corán, entre outros, ademais de libros en castelán e en inglés. Tamén libros infantís, de cociña, sobre a música, xeografía, filosofía, política, ciencias sociais, arte, pintura…


José Antonio Ponte: «Non hai ninguén mellor que a diocese para albergar estes fondos»

Pola súa parte, o concelleiro de Cultura, José Antonio Ponte Far, revelou que na casa da poeta “había catro estanterías cheas de libros moi interesantes e importantes e todos non cabían en dependencias municipais”. Por iso, “en vez de fragmentar a biblioteca, decidimos buscar a alguén que se fixera cargo de toda ela, e non hai ninguén mellor que a diocese para albergar todos estes fondos”, avanzou. Así compartirán espazo cos libros xa donados á diocese polo escritor Fernando Bores, íntimo amigo de Julia Uceda e ambos promotores do Premio Esquío de Poesía de Ferrol, e tamén haberá un espazo para os libros de medicina do psiquiatra Rafael Palacios, esposo de Julia Uceda, que faleceu hai anos.


Mons. Fernando García: «A diocese seguirá servindo á cidadanía e á cultura desde a fe»

Na súa intervención, o bispo diocesano, monseñor Fernando García Cadiñanos, mostrou a súa alegría porque este legado «quede entre nós». Remarcou que a Igrexa «veu realizando un importante servizo para a cultura ao longo da historia (…) e a nosa diocese seguiuno mantendo a través das súas importantes bibliotecas: a do Seminario e a catedral, en Mondoñedo, e a de «Estudios Mindonienses» en Ferrol. Confirmou que «estamos a traballar para ampliar estes espazos noutros lugares, pero mentres chega esta posibilidade, a biblioteca de Julia Uceda instalarase na Domus Ecclesiae de Ferrol, onde se tratará documentalmente, ofrecendo así á cidadanía este fondo tan valioso«. «Oxalá que sexa unha boa noticia para a cultura da cidade e que a nosa diocese siga facendo ese servizo tan importante á cultura desde a fe«, concluíu.


Outras donacións

Ademais desta nova doazón, formada por setenta caixas de libros e que onte foi recepcionada polos técnicos do bispado, a diocese recibiu durante os últimos meses outras importantes bibliotecas: a da relixiosa e escritora cambadesa Engracia Vidal, fundadora e primeira directora da revista Encrucillada; a do arquitecto técnico ferrolán Fernando Bores, impulsor da Colección Esquío de Poesía; e a de Juan José Caruncho, exseminarista e profesor de latín e grego no instituto Concepción Arenal de Ferrol. A elas iranse sumando as do teólogo Segundo Leonardo Pérez, de máis de 40.000 volumes, e a do profesor de Instituto Teolóxico Compostelán e director do anuario diocesano Estudios Mindonienses, Benito Méndez.

Fonte: Concello de Ferrol/Diocese


Tamén che pode interesar

Bibliotecas de Mondoñedo-Ferrol
As bibliotecas diocesanas comezan a catalogación do seu fondo moderno
La biblioteca de la Domus Ecclesiae finaliza el inventariado de su fondo antiguo
A biblioteca «Estudios Mindonienses» de Ferrol intégrase na Rede de Bibliotecas de Galicia

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas