Os sicólogos axúdannos a dicir que non. Segundo eles dicir que non non é doado. Doado é dicir que si a todo ou a todos, por medo a dicilo que verdadeiramente pensamos, ou sexa, que non. Non sei se é por iso que oporse ou estar en desacordo -dicir que non- semella hoxe un dereito fundamental do que depende a saúde do noso sistema de liberdades. Para sermos libres temos que ter dereito a dicir que non. Se non podemos dicilo non somos libres.
Pero eu non estou de acordo nisto cos sicólogos nin cos políticos. Eu coido que o dificil non é dicir que non. O difícil é dicir que si. Dicir que non é certamente un dereito fundamental. Pero a liberdade non é só un dereito. A liberdade é moito máis ca un dereito. É a loita polos dereitos, o longo camiño que nos leva a sermos o que aínda non somos e a ter o que aínda non temos. Dicir que non non sempre ten consecuencias. Consecuencias tenas sempre dicir que si. Dicir que si pódenos traer moitos problemas e complicacións. Pero é a nosa verdadeira liberdade. Os dereitos veñen despois da loita e o camiño que nos levou a sermos o que somos e a termos o que temos.
A Igrexa contempla na Virxe María e no misterio do seu "sí" a mensaxe do anxo Gabriel, a imaxe do que ela mesma quere ser no medio da xente: mensaxeira da liberdade que Cristo ven traer o mundo. O "si" de María á mensaxe do anxo trouxo moitas complicacións a súa vida. Ela non vivía illada no seu mundo. Nazaré, a súa vila, Xosé, o home ao que estaba prometida, o feito de non ter aínda relación con el… todo isto e moitas outras circunstancias persoais que poderiamos imaxinar van facer fronte ao seu "si" e á súa liberdade. Aínda é hoxe o día no que son moitos os crentes para os que a virxindade de María é un conto.
Fronte a incredulidade, os ditos e os feitos sen xeito da xente do seu tempo e tamén do noso, as dificultades e os atrancos no camiño que levou a María a ser o que non era e a ter o que non tiña, o seu "si" é testemuño dunha liberdade que non é deste mundo. Dicir que si tróuxolle moitos problemas. De feito, non podería dicilo senón fora a chea de gracia, a persoa máis libre que neste mundo se viu. Os sicólogos e os políticos do noso tempo terían que aprender, coma ela, a dicir que si, a chegar a acordos, a facer fronte as consecuencias de seren verdadeiramente libres.
«Os sicólogos e os políticos do noso tempo terían que aprender, coma ela, a dicir que si, a chegar a acordos, a facer fronte as consecuencias de seren verdadeiramente libres»







Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.



















