É de xustiza sermos agradecidos

Quero comezar acollendo con afecto e con todo o afán de colaboración a don Antonio Valín Valdés como novo administrador diocesano de Mondoñedo-Ferrol. Parabéns e moito ánimo como precisan os tempos que estamos a vivir.

Pero hoxe e agora voume deter en sermos agradecidos co até agora Ilmo. Sr. Vicario Xeral do Bispado, don Antonio Rodríguez Basanta, familiarmente para nós, Toño.

Non vou enumerar os moitos motivos de agradecemento. Quero referirme concretamente á relación coa nosa freguesía de Santa Uxía de  Mandiá, principalmente nestes tres últimos anos nos que, por razóns da miña ausencia para facer un Curso de Actualización Teolóxica en Madrid, el seguiu moi de pertiño a experiencia da nosa comunidade de fe.

Cando el obxectou que non había substituto para o párroco, expúxoselle a experiencia das celebracións en ausencia de presbítero asistente, xa que tiñamos esa preparación feita e a comunidade estaba disposta a responder garantindo varias cousas: Fidelidade á ortodoxia na doutrina usando materiais escollidos e aprobados todos pola Sante Sé e as Conferencias Episcopais Española e Galega. Fidelidade á celebración litúrxica, tanto nos ritos como  nas condicións de idoneidade nas persoas a participar activamente no desenvolvemento concreto das celebracións. E todo iso tutorado polo párroco cada dous meses e supervisado polo Ilmo. Sr. Vicario, el mesmo, que chegaría sen previo aviso cando puidese ou vise oportuna a súa presenza, non fiscalizadora senón de apoio fraternal e pastoral. E así o fixo. E sabe o moito que llo agradeceron sempre.

Despois dos primeiros pasos no primeiro mes, observamos que era un autentico kairós de Deus. A parroquia tomou conciencia da situación de carestía na que estamos inmersos e cada unha e cada un foron rompendo a pasividade habitual. Do “xa o fai todo o cura”, pasaron a sentírense responsábeis a nivel persoal e de Igrexa.

Seguindo os principios pastorais do pai Lebret, O.P., formación pola acción, fomos comprobando como avanzaba en calidade e expresión de fe e compromiso esta pequena freguesía. Iso ven dicir que se se quere e se fai dun modo axeitado hai moitas posibilidades adormecidas nas nosas comunidades máis sinxelas na nosa Galiza rural. Serán distintas formas, matices diversos, materiais diferentes, partindo sempre da fe e dispoñibilidade das persoas que cren en Deus e tamén en si mesmas antes de morreren exhaustas e de inanición.

Por que, se non pode haber misa máis do que unha vez ao mes, poñamos por caso, deixar de baleiro todo o resto das semanas cando o noso ritmo vital do Día do Señor é de cadencia dominical no que sempre se nos insistiu e así temos organizada incluso a nosa vida civil? Axudándolles un pouco e confiando, son capaces. E levamos grandes sorpresas e non periga ningunha ortodoxia, xa que son demasiado obedientes.

“NON HAI VIDA CRISTIÁ SEN COMUNIDADE”. É moito o que se está a xogar nesta hora da misión evanxelizadora e eclesial.

Corremos o risco de seguirmos centrados na figura exclusiva do clero sen confiar no laicado e afogar as súas responsabilidades e carismas bautismais.

O papa Francisco na Evangelii Gaudium e no maxisterio seguinte marca moi claramente esas orientacións: "É a hora do laicado e da misión evanxelizadora das realidades temporais no hic et nuc que nos toca vivir: “Vivirmos no hoxe de Deus”, escribiu o irmán Roger.

Ben. Pois ese proceso de encontro co Deus que acontece a cotío nas nosas vidas, alentouno e supervisouno dun xeito afectivo e moi positivo D. Antonio Rodríguez Basanta. Benquerido Toño, ti sabes  como de agradecidos che estamos todos en Mandiá e na diocese. O teu paso pola vicaría, desa forma silenciosa pero moi efectiva, nunha escoita activa e de grande empatía, foi unha graza de Deus, porque o Señor está contigo.

É de xustiza sermos agradecidos. En Mandiá todos recoñecemos a túa axuda e apoio.

Sempre teu. Xaquín

«O teu paso pola vicaría, desa forma silenciosa pero moi efectiva, nunha escoita activa e de grande empatía, foi unha graza de Deus, porque o Señor está contigo»

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,522SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas