«As parroquias rurais esperan que o cura traballe, pero hai gran axuda»

O sacerdote Uxio García Amor deixa por idade a parroquia de Vilalba despois de vinte anos de traballo

Uxío García Amor chegou a Vilalba con máis de 70 anos. Pero tamén traía, ademais dos anos, vontade e ilusión: por exemplo, ao seu labor na parroquia sumou o de director da Coral Polifónica Vilalbesa. Un exemplo da súa integración na sociedade vilalbesa é que o Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) o nomeou socio de honra e que se lle rendeu unha homenaxe ao facer noventa anos.

Agora, preto xa de deixar Vilalba e o labor pastoral por razóns de idade, amósase satisfeito polas mostras de agarimo recibidas nestas últimas semanas: «Foron tamén anos de traballo, pero estou satisfeito», di a xeito de resumo. Hai décadas, sendo profesor no Seminario de Mondoñedo, atopaba a maneira de introducir referencias á literatura galega, que no franquismo non vivía nas mesmas circunstancias de hoxe.

Teño a sensación de que vostede se sente querido en Vilalba, verdade?
Si, si, si. Certamente. Creo que a xente é moi xenerosa, e noto esa xenerosidade en todos os momentos.

Viviu en Mondoñedo, nas Pontes e en Vilalba. É distinta a relixiosidade dunhas comarcas a outras?
Un pouco distinta, si. Tamén inflúen as oportunidades que se dan, as celebracións… Pero estou satisfeito da resposta que deu a xente.

Cre que hai aínda un fondo relixioso na sociedade actual por máis que a práctica teña descendido?
Nas parroquias que eu tiven, notei que había vontade de colaboración nas iniciativas que se propoñían.

E a xente nova? Está tamén preto da Igrexa?
Depende un pouco das circunstancias e das oportunidades que haxa para traballar con eles. Polos meus anos, non me tocou [en Vilalba] traballar coa xuventude, pero en cuestións coma a catequese responde xenerosamente.

Segue a ser a Igrexa unha institución respectada?
Si, e máis aínda nas parroquias rurais que teñen capacidade e iniciativa. Espérase que o cura traballe e hai unha capacidade de axuda bastante grande.

É o cura unha institución como o era hai décadas?
Creo que non coma antes, pero a súa capacidade de servizo e de colaboración están aí.

É valorada a Igrexa?
Creo que a valoración se mantén. O importante é que haxa coherencia.

Séntese agora, vinte anos despois da súa chegada, un pouco de Vilalba?
Si, claro. É a derradeira etapa da miña vida. Iso queda para sempre.

Ten sido a música a súa gran paixón?
Foi unha paixón derivada da situación que me tocou vivir. Algo de afección si tiña, pero vinme implicado en traballos de organización que me axudaron nese campo.

Antes había un cura en cada parroquia; agora teñen que atender varias. Mantense igual o traballo?
A realidade é que hai que acordar horarios, co que se limitan iniciativas que se poden ter.

Responde ben a xente de Vilalba ás solicitudes de colaboración da Igrexa?
En conxunto, si, sobre todo cando se implican as asociacións que teñen que ver con cuestións pastorais.


Orixe. Uxío García Amor naceu en Sante (Trabada) en 1928.

Evolución. Estudou en Roma, onde foi ordenado sacerdote en 1983. Foi profesor do Seminario de Mondoñedo, onde dirixiu tamén o Orfeón da Sociedade de Obreiros.

Traxectoria. Foi administrador da diocese de Mondoñedo-Ferrol entre a renuncia de Miguel Anxo Araúxo Iglesias (1985) e a chegada de José Gea Escolano. As Pontes foi o lugar onde exerceu como párroco antes de chegar, a comezos deste século, a Vilalba.
 

Fonte: La Voz de Galicia. Edición Lugo

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas