Desde a delegación diocesana de Pastoral Rural queremos compartir con todos vós o que pensamos facer para conmemorar o Día do Mundo da Aldea 2023, no 15 (14) de maio, festividade de San Cidre, nesta ocasión baixo o lema «Da aldea con orgullo e esperanza«.
Acordamos celebrar esta data cada ano nunha bisbarra ou comarca rural da nosa diocese.
Este ano será nas terras do Valadouro (Alfoz e Ferreira, Lugo). Se celebramos o Mundo da Aldea é porque estamos convencidos de que as nosas aldeas e zonas rurais tiveron un papel, un significado fundamental na configuración do corpo e da alma da nosa diocese, e porque cremos que, a pesar de todo o que poidamos pensar, poden ser un referente importante para o noso futuro inmediato, tanto a nivel civil como tamén relixioso. O mundo da aldea, o mundo rural, está fráxil, pero non morto.
Nesta conmemoración poñeremos en valor a vida da aldea como espazo xeográfico, como medio natural, como lugar con historia particular, onde floreceu a arte, a cultura, a relixiosidade, a fala galega; como lugar de terras de produción, de coidado dos animais domésticos e salvaxes, que permitiron vivir aos nosos antepasados ata o presente. Ser aldeán, aldeá, é un orgullo.
Non queremos pechar os ollos ante as dificultades presentes, de todo tipo. Queremos identificalas para asumir o inevitable, pero tamén para reivindicar as medidas que permitan ter un rural vivo, no aspecto civil e tamén no relixioso. É tanta a riqueza, os recursos que as aldeas nos ofrecen que non nos colle na cabeza que quedemos no seo da manta vendo como esmorecen. É cousa de todos, dos que nelas aínda vivimos, e tamén, e moito, de quen rexe as diferentes administracións que nos gobernan.
Contando coa colaboración de persoas do lugar e despois do traballo realizado en varios encontros, isto é o que faremos para conmemorar esa xornada:
· A celebración trasládase do 15, luns, ao 14, domingo, para facilitar a presenza da xente.
· Ese día suprimiranse todas as misas que puidese haber nos dous concellos do Valadouro, invitando a participar nunha eucaristía de agradecemento e solidariedade cara ao mundo da aldea, que celebraremos xuntos ás 13:00 horas na igrexa de Ferreira do Valadouro.
· A celebración está aberta a persoas do mundo da aldea doutras zonas rurais da diocese, que queiran vir, e será presidida polo noso bispo Fernando.
· A celebración terá un aire festeiro; así, seremos acollidos por un grupo de música tradicional, que tamén nos acompañará pola tarde.
· Ao comezo da celebración lerase un comunicado elaborado para a ocasión por veciños e veciñas da comarca. Tamén nese momento se lerán outros comunicados breves de presentación de grupos que poidan vir doutras zonas da diocese.
· Dispoñeremos dun caderniño para poder participar ben na celebración.
· Despois da eucaristía iremos xantar ás 14:30 horas ao restaurante «O Frenazo», en Alfoz. Informaremos próximamente para formalizar a inscrición.
· Depois do xantar, faremos algo de festa e baile, acompañados polo grupo «Amado lar».
E querendo participar no xantar compartindo mesa co resto dos grupos, deben inscribirse antes do día 7 de maio. Para facelo, poñédevos en contacto con esta delegación de Pastoral Rural, ben por correo electrónico (rural@mondonedoferrol.org), ben por teléfono (669 607 675). O xantar custa 16 euros, que se pagarán ao entrar no restaurante.
Se non podedes ou non queredes vir, invitámosvos igualmente a que nas vosas respectivas
parroquias e comarcas celebredes con orgullo este Día do Mundo Rural, do Mundo da Aldea. Desde esta delegación mandarémosvos algún material que vos facilite poder facelo.
Fotografía: Bernabé/Javier (La Opinión A Coruña)







Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















