Foron moitos os que, segundo o evanxelista, ficaron abraiados diante dos feitos e das palabras de Xesús. Del deron en dicir que "ensinaba como quen ten autoridade e non coma os letrados". Disque o abraio é o alicerce da filosofía. Pampo ou perplexo, o home anda a procura das razóns do que ve cos seus ollos: "Que é isto? Ou, se cadra, como vai ser isto". A verdade entra polos ollos e chega ao corazón a xeito de pregunta. Non todo o que entra chega: isto é bo telo en conta. Para que o que entra polos ollos chegue ao corazón ten que haber corazón. Se non o hai, o abraio vaise dos ollos coma escuma que o mar deixou na praia e foise.
Foron moitos os abraiados diante das palabras de Xesús. A cantos se atopaban na sinagoga de Cafarnaum, letrados e ointes fieis da Palabra de Deus, cando Xesús se puxo a ensinar nela, apampounos a sua autoridade na maneira de ensinar. Ningún deles, porén, obedeceu a sua palabra. A verdade entrou polos seus ouvidos pero non chegou ao seu corazón. O seu abraio foi coma escuma na praia. E iso que eran ointes fieis da Palabra… Sabían oila e mais interpretala. Pero non obedeceron, non deron resposta ás palabras de quen lles falaba con autoridade. Pampos ao escoitaren as palabras non deron resposta á Palabra da que viñan as palabras.
A resposta da fe á Palabra de Xesús non veu dos fieis nin dos letrados, xuntos na sinagoga de Cafarnaum á hora do culto. Entre os ointes das palabras de Xesús o abraio foi coma escuma que deixa o mar na praia e vaise. "E cadrou que había naquela sinagoga un home posuido por un mal espírito…", lemos no Evanxeo. "E cadrou…": o que non tiña espazo na sinagoga, o que non tiña que xuntarse cos fieis, o maldito de Deus, cadrou que se atopaba alí tamén, no medio dos fieis e dos letrados. E cadrou que foi del só do que veu a resposta da fe. Púxose a berrar e no seu berro oiuse a voz de moitos dicindo: "Que temos que ver contigo?". Os moitos que berraban no home posuido polo mal espírito tiñan tan pouco que ver con Xesús como os fieis e os letrado co home que berraba dese xeito. Como o Espírito de Deus cos malos espiritos. Como a luz cas tebras.
O mal nunca chega só. Sempre chega con outros. Faise forte porque é complexo, enguedellado. Son moitos ó mesmo tempo. É unha mestura de sentimentos o que remexe dentro de nós. Por iso o home posuido por un mal espirito berra ca voz de moitos. Berra, non fala. O berro é unha mestura. O berro remexe os sentimentos dos ointes. No medio da mestura, porén, imos escoitar a resposta da fe: "Ben sei quen es ti: elo Santo de Deus". Xa non se oe un berro: agora escóitase unha resposta. Fala un, non moitos. A Palabra de Xesús xa non fica nos ouvidos abraiados, como a escuma. A Palabra de Xesús chega ao corazón do maldito, do non ointe, do non merecente. E o espírito obedece daquela o mandado de Xesús: "cala e bótate fóra dese home". Para que o que entra polos ouvidos chegue ao corazón ten que haber corazón. A fe devólvenos a nós tamén o corazón, posuido adoito polo espírito do malo, aínda que esteamos entre os ointes fieis e abraiados das palabras do Señor. Unha cousa é o abraio, outra a fe.
«A fe devólvenos a nós tamén o corazón, posuido adoito polo espírito do malo, aínda que esteamos entre os ointes fieis e abraiados das palabras do Señor. Unha cousa é o abraio, outra a fe»







Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.



















