A delegación diocesana do Clero vén de anunciar o falecemento do sacerdote diocesano, prelado de honra da Súa Santidade, don Uxío García Amor (Sante, 1928).
O seu funeral e enterro terá lugar mañá domingo 4 de maio, ás 17:30 horas, na catedral de Mondoñedo. O bispo diocesano presidirá unha misa funeral o luns 5 ás 20:00 horas na igrexa parroquial de Santa María de Vilalba.
Semblanza biográfica
Don Eugenio García Amor naceu na parroquia de Sante (Trabada. Lugo) o día 9 de novembro de 1928. Ingresou no Seminario Conciliar Santa Catalina de Mondoñedo no ano 1940, sendo un excelente estudante e un seminarista exemplar.
Ao comezo do curso 1945-1946 foi destinado a Roma para comezar os seus estudos de Filosofía na Universidade Gregoriana, adquirindo o grao de licenciado. Posteriormente cursou na mesma universidade os cursos de Teoloxía que, unha vez concluídos e obtendo o grao de licenciado, foi ordenado sacerdote en Roma no ano 1953. Ao curso seguinte iniciou os estudos no Instituto Pontificio Bíblico na mesma cidade onde ao cabo de dous anos obtivo o grao de licenciado en Sacra Escritura.
Á volta de Roma foi nomeado profesor de Sacra Escritura no Seminario de Mondoñedo, ademais doutras disciplinas como Lingua e Literatura española, Francés, Arte Sacra e Música, compaxinando todo coa función de mestre de capela da catedral, director da Schola Cantorum, a Secretaría de Estudos e a Vicerreitoría do Seminario.
Foi nomeado polo bispo don Jacinto Argaya secretario chanceler do bispado e logo cóengo da catedral de Mondoñedo (como prefecto de cerimonias) e delegado diocesano de Liturxia.
Hai un período moi significativo na vida de don Eugenio ao servizo da diocese. No periodo comprendido entre a aceptación da renuncia de monseñor Miguel Ángel Araújo (ano 1985) como bispo da diocese e o nomeamento de monseñor José Gea (ano 1987), foi designado polo Colexio de Consultores administrador diocesano, realizando este servizo cun gran espírito de xenerosidade e dispoñibilidade con todos, o que fixo que fose aínda máis apreciado e valorado polos sacerdotes e os fieis que o coñecían e trataban.
Monseñor Gea, no mesmo día da súa toma de posesión, nomeouno vigairo xeral da diocese. Anos despois, sen ningún apego ao cargo e cunha dispoñibilidade asombrosa, a pesar da idade, é relevado da vigairía para ser delegado do Clero e párroco-moderador do equipo sacerdotal de As Pontes e outras nove parroquias. Ao mesmo tempo impartía as quendas de exercicios que lle solicitaban fóra da diocese, os retiros aos sacerdotes nos arciprestados, as clases na Escola de Teoloxía, a música e a creación literaria, á que nunca renunciou desde os seus tempos de Roma, cando formaba parte, xunto con alumnos do Colexio Español, do grupo de poetas e escritores “Estría”. A publicación de “Versos da miña vida” na o ano 2003 manifesta esta faceta da súa personalidade.