Na mañanciña de hoxe, mércores 10 de xaneiro, faleceu o sacerdote diocesano reverendo Fernando Monterroso Carrol. Xubilado e delicado de saúde desde hai uns anos, naceu en Melide o 31 de agosto de 1936 e foi ordenado sacerdote en Viveiro en 1961.
O funeral terá lugar o xoves 11 de xaneiro, con saída ás 16:45 horas desde o tanatorio Prieto e García de O Valadouro ata a igrexa parroquial de Santa Cruz. A continuación, enterro no cemiterio parroquial. Ditos actos relixiosos estarán presididos polo bispo diocesano, monseñor Fernando García Cadiñanos.
Sempre quixo ser sacerdote, influido pola relixiosidade que había na súa casa, unha familia orgullosa de que pasase de ser monaguillo a estudante no seminario de Mondoñedo, unha decisión da que sempre asegurou que nunca se arrepentiu.
O seu primeiro nomeamento foi de coadxutor en Ferreira e encargado de Vilacampa. Co tempo, e nos últimos traslados, foille adxudicada a parroquia de Santa Cruz, un cargo que compatibilizou co ensino, pois estudou por libre a carreira de Filoloxía Clásica na Universidade de Santiago (USC) e, tras aprobar as oposicións, foi destinado como profesor de Latín ao instituto Masculino de Ferrol, onde estivo dous anos ata que logrou a praza definitiva no instituto de Foz, no que exerceu ata a súa xubilación.
Entre outras responsabilidades diocesanas foi arcipreste de Mondoñedo, membro do goberno diocesano e membro do consello de redacción do anuario «Estudios Mindonienses».
Descanse na paz do Señor.
Reseña biográfica
Fernando Monterroso Carril naceu en Moldes, concello de Melide, o 31 de agosto de 1936. Despois de estudar no seminario de Mondoñedo foi ordenado sacerdote no Congreso Eucarístico de Viveiro o 27 de maio de 1961.
Desde o ano 1961, no que foi nomeado coadxutor de Ferreira, desenvolveu o seu ministerio nestas parroquias do Valadouro: párroco de Santa Cruz do Valadouro e administrador parroquial de San Xoán de Alaxe, San Xiao de Recaré, Santo Tomé de Recaré, Santa Cruz do Valadouro, Santa María de Vilacampa e San Sebastián de Carballido. E desde o 2008 párroco de Santa María de Ferreira do Valadouro ata a súa xubilación.
Fixo a licenciatura en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago e exerceu de profesor en Ferrol, Ribadeo, Foz e Burela. Publicou varios traballos de investigación en «Estudios Mindonienses», do que foi membro do consello de redacción.
Foi arcipreste do Valadouro en varios períodos e arcipreste de Mondoñedo. E tamén membro do Consello Presbiteral en 2011.
Dámoslle grazas a Deus polo ministerio sacerdotal de don Fernando durante tantos anos nestas terras do Valadouro. Sacerdote servicial e bondadoso, apreciado pola xente e sobre todo polos seus compañeiros. Que se cumpra para el aquilo do evanxeo: “Servo fiel e cumpridor, fuches fiel no pouco, pasa ao banquete do teu Señor”.
Delegación do Clero