Seguindo co noso recorrido polos arciprestados, chegamos nesta ocasión ao da Terra Chá, que conta con nada máis e nada menos que 146 parroquias e una grande extensión. Falamos del, do que foi o curso e dos novos desafíos co seu arcipreste, Juan Basoa Rodríguez.
Como aterrizou o Plan Pastoral na acción do arciprestado?
Despois de ler a proposta diocesana para o Plan Pastoral Diocesano 2022-2026, elaboramos unha sinxela proposta. É unha maneira de unirnos en comuñón co resto dos arciprestados encarnando a proposta diocesana na realidade do nosa zona. Tomamos como obxectivo principal o de animar os procesos que nos comprometan máis e fagan de nós unha Igrexa máis sinodal. Esa foi a nosa insistencia, aínda que temos que recoñecer que pouco fixemos.
Estamos nese momento de toma de conciencia de que temos que ir dando pasos cara unha nova forma de sermos Igrexa e de participación desde a nosa fe. Así que seguimos insistindo na necesidade de concienciarnos todos (seglares, relixiosas, sacerdotes), que temos que ir mudando estilos e formas de participación, para irmos comprometendo máis, non só no noso ámbito de Igrexa, senón tamén na nosa sociedade.
O arciprestado de Terra Chá, coma o podemos describir e cales son as súas dificultades para atendelo?
Este é un territorio amplísimo. Moitas das nosas parroquias ou unidades pastorais están distantes e pouco teñen que ver, e ademais non teñen apenas relación. Polo que estamos avaliando como facer, se cadra, tres lugares de encontro e de referencia, máis alá de facer todo en Vilalba.
Somos un grupiño de sacerdotes, moitos xa maiores, que seguen aportando e dando o mellor de si para atención e santificación do Pobo de Deus. Están traballando tamén a reo catro relixiosas Misioneras de Acción Parroquial, quenes, desde a UPA de Vilalba, fan presente o seu compromiso de evanxelización no medio das parroquia, a atención aos máis necesitados e a acollida á xente nas igrexas.
Non podemos esquecer aos laicos, aínda que máis ben, laicas, quenes dende o seu compromiso bautismal entenderon que a catequese, Cáritas, a atención e acollida nas parroquias, forman parte da súa vida de fe; son un grupiño numeroso.
Algúns momentos a destacar deste ano?
Pois honestamente non, non houbo un momento especialmente significativo que poidamos destacar, máis alá de traballo do día a día. Ademais das nosas xuntanzas arciprestais.
Que efectos tivo o plan pastoral na zona?
O Plan Pastoral Diocesano propón un camiño, unhas actitudes, unhas prioridades e unhas liñas de acción. Para o presente ano propoñémonos atender ás actitudes. As tres actitudes esenciais que nos marcamos para o noso estilo de ser Igrexa serían estas: sinodalidade, discernimento e procesualidade. Para encarnar na nosa labor pastoral estas actitudes pensamos nas seguintes accións sobre as que estivemos traballando este ano: a) Para fomentar a sinodalidade nos propoñemos: organizar unha asemblea do arciprestado, que xa comezaremos o curso que ven con ela; crear un novo consello pastoral arciprestal, dando cabida a novos representantes; e ofrecer algún retiro ou momento de oración e adoración, a nivel do arciprestado, ou nesas zonas que prevemos sexan referenciais. b) Para exercer o discernimento estivemos a: elaborar unha programación pastoral anual do arciprestado e reorganizar a Cáritas arciprestal.
Como se asume a novidade das UPA?
Realmente moitos dos nosos fieis atopan no evanxeo razóns para crer, vivir y comprometerse, pero se miramos os indicadores sociolóxicos tradicionais, como son a práctica dominical, os laicos asociados, o relevo de axentes de pastoral, a presencia de xóvenes… vemos que estamos non recorrido moi á baixa. Non me atrevo a dicir que tanto por cen hai na práctica dominical, porque moitas das nosas parroquias xa só teñen eucaristía unha vez ó mes, pero si podo afirmar que o sector infantil-xuvenil e a franxa de idades entre os 20 e 60 años están practicamente ausentes.
Todo isto lévanos a insistir, comunicar, presentar, catequizar sobre a necesidade de que temos que unirnos en unidades pastorais para sentir que os crentes non camiñamos sos, que aínda moitos dos nosos irmáns, da nosa e doutras parroquias, viven e senten, celebran e esperan o mesmo que nós. Así que estamos traballando en que a unión na fe e no compromiso, sen deixar de estar identificados coa nosa parroquia, nos una por riba do territorio.
O gran reto é saber transmitir isto e pasar dunha pastoral de conservación, centrada só nos sacramentos, a unha pastoral máis abertamente evanxelizadora, pois, por desgracia, moitas das nosas aldeas, non só se están a quedar sen xente, senón que son ambientes de misión, porque en moitas delas non se reciben novas de Deus, nin na Igrexa (cada vez menos frecuentada), nin na familia, nin na escola. Así que a acollida está sendo moi lenta; para moitos é unha entelequia, pero nós sabemos que temos que camiñar por esta vía.
Entrevista: Javier Martínez Prieto