A asociación veciñal da parroquia impulsou hai 15 anos un proxecto para pór en valor o que quedaba do antigo templo
9 marzo 2021.- Varios arcos de medio punto espallados nunha praza chaman a atención de quen pasa. Convidan a botar unha segunda ollada, e unha terceira. Que fan aí, no centro do Chao de Cabreiros, esas vellas pedras coidadosamente dispostas? A resposta ofrécea unha placa na parede dun restaurado alpendre que tamén forma parte do conxunto. O 3 de xuño de 2006, inaugurábase a musealización do antigo emprazamento da igrexa parroquial de Cabreiros.
A construción, xa fóra de uso, derrubárase nos anos 90, polo que a asociación veciñal apostou por un proxecto para pór en valor o que xa non era máis que unha morea de refugallos arquitectónicos. O bispado, Patrimonio e Concello apoiaron unha iniciativa que hoxe é unha realidade e preserva algúns dos elementos máis senlleiros do templo, coma a inscrición en pedra que lembra as obras feitas en 1746.
Unha pía, as lápidas e dous sepulcros ou o relevo que preside un dos tres arcos recuperados manteñen viva a memoria da parroquia ao tempo que ofrecen un espazo de lecer único a veciños e a visitantes. Ademais, este serve de punto de partida dunha senda ciclista e peonil que leva a área recreativa e ao campo de fútbol e do roteiro circular de sendeirismo Trimaz-Cabreiros, de 13,8 quilómetros.
O lugar
A musealización da igrexa vella de Cabreiros levouse a cabo no mesmo lugar onde estaba o templo, á beira da LU-170 (Mesón da Cabra-Cabreiros), ao carón do cruce coa LU-861 (Vilalba-As Pontes), e ben preto da antiga escola do Chao, tranformada hoxe en local social da parroquia.
Historia
A igrexa ergueuse en dous séculos distintos, unha parte da nave era do XVI e a capela maior, que tiña un arco de medio punto que diferenciaba as dúas partes, do XVIII.
Último oficio
O templo deixou de usarse en 1980, dado o deterioro que presentaba.
Fuente: El Progreso. Edición digital







Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















