- Propostas desde os cárceres galegos para unha xustiza restaurativa: prevención social, mediación e segundas oportunidades por riba do cárcere automático
Ante a recente Proposición de Lei Orgánica que modifica o Código Penal e a Lei de Axuizamento Criminal para endurecer a resposta fronte aos pequenos delitos reiterados, desde as delegacións de Pastoral Penitenciaria das dioceses galegas cremos necesario compartir a nosa preocupación. Facémolo desde a experiencia diaria de acompañar persoas privadas de liberdade e as súas familias.
1. Unha resposta desproporcionada
A reforma formula que, cando unha persoa acumule tres condenas previas por delitos semellantes, o seguinte delito leve de furto ou estafa poida castigarse con pena de prisión, aínda que a contía sexa mínima. Tamén amplía medidas restritivas, como a prohibición de residir ou de acudir a determinados barrios ou concellos.
A nosa experiencia en prisión móstranos que moitas destas situacións non responden a unha delincuencia organizada, senón a contextos de pobreza, exclusión, adiccións ou falta de oportunidades reais. Endurecer as penas, por si só, non resolve estas realidades. Cando as causas de fondo permanecen intactas, o castigo engadido raras veces cambia o rumbo dunha vida.
2. O risco de criminalizar a pobreza
A chamada multirreincidencia leve non adoita describir ao “delincuente profesional” que ás veces aparece no debate público. Con frecuencia falamos de persoas sen fogar, con problemas de saúde mental ou drogodependencias, migrantes sen rede familiar nin estabilidade laboral. Persoas que van acumulando pequenas condenas en traxectorias marcadas pola precariedade.
Se a resposta principal é a prisión, corremos o risco de que a pobreza se converta, na práctica, nun camiño case automático cara ao encarceramento. Algúns barrios e colectivos poden quedar sinalados máis como espazos a vixiar que como realidades que precisan apoio e investimento social. Isto resulta difícil de conciliar cunha cultura de dereitos humanos que recoñece a dignidade de toda persoa, independentemente da súa historia.
3. A reinserción como horizonte
A Constitución e a Lei Orgánica Xeral Penitenciaria sinalan que a pena privativa de liberdade debe orientarse á reeducación e á reinserción social. Nesa tarefa, a Pastoral Penitenciaria procura achegar acompañamento humano e espiritual, axudando a que as persoas presas recuperen confianza, esperanza e sentido.
Ampliar o recurso á prisión para delitos de subsistencia pode complicar aínda máis os procesos de reinserción. Os antecedentes penais, as dificultades para acceder a un emprego ou para regularizar situacións administrativas e o peso do estigma social adoitan pechar portas xusto cando máis fai falta abrilas. Sen oportunidades reais, falar de cambios faise case unha quimera.
4. Unha ollada coherente co maxisterio recente da Igrexa
O papa Francisco insistiu reiteradamente na denuncia da “cultura do descarte” e en promover unha xustiza que non se limite ao castigo, senón que busque tamén a reparación e a reconciliación.
Cando o sistema penal se expande principalmente sobre os máis fráxiles, o risco é afondar na exclusión en lugar de superala. Unha sociedade máis xusta non se constrúe unicamente con máis sancións, senón con camiños reais de responsabilidade, reparación e segundas oportunidades.
5. Algunhas propostas
Desde a nosa experiencia consideramos importante:
· Reforzar políticas de prevención social: acceso á vivenda, educación, tratamento de adiccións, emprego digno e acompañamento nos barrios máis vulnerables.
· Impulsar mecanismos de xustiza restaurativa e mediación penal que poñan no centro a reparación do dano e a asunción de responsabilidades, máis alá do mero castigo.
· Revisar o recurso automático á prisión en pequenos delitos vinculados á exclusión, buscando alternativas máis eficaces e humanas.
· Garantir que calquera reforma penal teña en conta o impacto específico sobre as persoas en situación de exclusión e sobre a poboación reclusa, escoitando a voz de quen vive e traballan nos cárceres.
A Pastoral Penitenciaria continuará acompañando ás persoas privadas de liberdade, ás súas familias e tamén ás vítimas, convencida de que ninguén queda fóra do amor de Deus e de que todo sistema penal debería abrir portas á conversión, á reconciliación e á reinserción.
15 de febreiro de 2026








Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.



















