Novas facianas para atender os fregueses da Terra Chá e das Pontes

Hai cambios obrigados, cambios necesarios e cambios inesperados. E todos eles conlevan a súa dose de tristura, de responsabilidade e de ilusión. A diocese de Mondoñedo Ferrol anunciaba en xullo varios nomeamentos e ceses que se fixeron efectivos no mes de setembro e que teñen repercusións en diversas parroquias dos concellos da comarca chairega e das Pontes.

Un dos máis significativos atínxelle á unidade pastoral (Upa) de Vilalba —leva máis dunha vintena de parroquias dos concellos de Vilalba e de Cospeito—, coa marcha de Uxío García Amor, por xubilación, e de Juan Pablo Alonso Rolle, que asume a Upa das Pontes, e a chegada de Juan Manuel Basoa Rodríguez. Mantense Antonio Domínguez.

O fillo de Eugenio e de Hortensia da Casa de Pousada de Sante (Trabada), nado o 7 de novembro de 1928 e ordenado en Roma o 19 de marzo de 1953, soubo facerse co cariño dos fregueses chairegos nos 22 anos que botou en Vilalba. Uxío García Amor non só foi o crego dun bo número de parroquias de Vilalba, Abadín ou Xermade —a Upa vilalbesa reformulouse varias veces nos últimos anos—, senón tamén un colaborador incansable en todos aqueles cometidos nos que se requeriu a súa axuda.

Sempre aí, a carón da xente, desenvolveu un labor que o fixo merecedor de diversas distincións, mais aos 93 anos, chegou o momento de iniciar outra etapa. O sacerdote, escritor, músico e profesor seguirá a traballar, pero a outro ritmo, noutro rol, como el mesmo recoñecía na homenaxe que lle tributaron a xeito de despedida, e coa presenza da súa familia, na igrexa de Santa María. Non sería a única, o agarimo popular tamén quedou máis ca constatado nas patronais de San Ramón e Santa María de Vilalba.

Para darlle o relevo chega a Vilalba Juan Manuel Basoa Rodríguez, tamén designado reitor do seminario de Mondoñedo e quen xa acompañara a don Uxío nos seus comezos en Vilalba. Tras oito anos na Upa de Viveiro, Basoa afronta o «reto de artellar unha unidade pastoral dentro da Terra Chá con moitas menos posibilidades das que me gustaría».

O primeiro obxectivo é «ter presenza en todas as parroquias polo menos unha vez ao mes, porque somos conscientes de que se non temos presenza, a identidade parroquial pérdese», di, sabedor da importancia de soster ese sentimento.

Juan Manuel Basoa ponse á fronte da unidade pastoral vilalbesa logo da xubilación de Uxío García Amor e do traslado ás Pontes de Juan Pablo Alonso Rolle

E con ese fin, pedindo «comprensión» ante os cambios que «hai que facer», traballará «con ganas e ilusión», en conxunción con Domínguez e co apoio dun seminarista e das catro relixiosas da congregación Misioneras de Acción Parroquial.

Nas tres décadas transcorridas dende a súa ordenación en Ferrol, Basoa tamén estivo un tempo nas Pontes, o novo destino de Juan Pablo Alonso Rolle tras cinco anos en Vilalba. «Los cambios son difíciles, pero estoy muy contento», indica, cualificando como «desbordante» a acollida.   

«Paso a una realidad muy distinta», precisa Alonso Rolle, ordenado en Mondoñedo en 2014, ante os novos cometidos que afronta como responsable de máis dunha ducia de parroquias das Pontes, das Somozas e de Xermade. Pecha así a etapa vilalbesa, da que destaca o traballo como «cura rural, intentando que las comunidades no perdiesen la presencia religiosa», algunha obra de restauración e o a gusto que estivo co equipo co que lle tocou desenvolver o seu labor.

A chegada de Alonso estivo precedida da despedida de José Vega, nomeado moderador da Upa de Mondoñedo tras 15 anos nas Pontes, o seu primeiro destino tras ordenarse en Mondoñedo en 2006. «Afronto o cambio coma unha gran novidade, porque nunca fixera ningún, pero tamén con certa dor, porque deixo proxectos e iniciativas nos que puxera cariño e dedicación e que espero que sigan adiante», di Vega. Ve normal o cambio, pero iso non evita «o sentimento de perda», unido á «esperanza e o ánimo» ante un futuro que comezaba cunha misa na igrexa de Santiago.

Igual que con Uxío en Vilalba, os fregueses da Upa pontesa organizaron «con sinxeleza e moito cariño» unha misa de homenaxe para despedir a José Vega. Á súa vez, el quixo estar presente na despedida que lle tributaron as 14 parroquias de Begonte e de Guitiriz a Óscar Santiago Sanmartín.

José Vega, tras 15 anos en As Pontes, trasadouse a Mondoñedo e Óscar Santiago, despois de oito en Guitiriz, onde foi sustituído por Alejandro Piñón, agora asumiu a unidade pastoral Burela-Cervo

O xa novo párroco da Upa Burela-Cervo, ordenado en Mondoñedo en 1999, recoñeceu que lle costaba marchar tras oito anos na zona,  «porque son moitas vivencias, esto non só é un traballo, é vida compartida coa xente», dicía nesa cea celebrada en La Casilla á que asistiron máis de 150 persoas.

«Cando levas un tempo coñeces moita xente e dá lástima, pero voume na distancia, non no corazón», engadía, ao tempo que recoñecía o «certo medo» que sentía ante «un cambio radical». «De aquí quedo coa xente que che abre o corazón e que che dá a súa confianza e che axuda en todo, a fe non só se vive na liturxia, tamén nos encontros coa xente», aseguraba, destacando que «non deixo fregueses, deixo amigos, e eses están onde está sempre un».

Aínda que foi a despedida de Óscar Santiago, que oficiaba por última vez na misa da festa do Ecce Homo, a cea serviu tamén para darlle a benvida a Alejandro Piñón Espasandín, ordenado hai dez anos en Mondoñedo e procedente de Foz. Ademais das 14 parroquias de Óscar, el asume as begontesas de Trobo, Felmil e Damil, e, temporalmente, as seis de Alfonso Blanco —Trasparga, Santa Mariña, San Salvador, Roca, O Vilar e Mariz— ata que se recupere dos seus problemas de saúde.

«A perspectiva é recoller máis parroquias», di Alejandro, consciente de que lle toca «unha época difícil, de cambios». «Brindouseme a oportunidade de empezar unha nova etapa e quero coñecer e coidar a Terra Chá, un territorio amplo; hai escaseza de clero, e eu quero sumar», precisa, avanzando que tentará «estar accesible para facer a adaptación máis fácil, teño ilusión e ganas de coñecer a xente, que é o principal». E conclúe: «Iremos facendo camiño pouco a pouco; o futuro é aberto, témolo que facer entre todos».
 

Ceses e nomeamentos: Reorganización en varios ámbitos

Ademais dos cambios que afectan a máis de 50 parroquias das Upas das Pontes, Guitiriz e Vilalba, na súa listaxe de ceses e de nomeamentos a diocese de Mondoñedo Ferrol incluía outra serie de cambios que teñen como protagonistas cregos chairegos.

Jesús Domínguez Guizán
Natural de San Xoán de Alba e ordenado en Viveiro en 1957, o párroco de Begonte, responsable tamén do belén electrónico, cedeulle tres das súas parroquias a Alejandro Piñón, mais aos seus 89 anos aínda seguirá á fronte das de Begonte, Illán e Baldomar.

Cándido Santomé Castro
Nado en Santa Locaia en 1934 e ordenado en Mondoñedo en 1967, vén de xubilarse como párroco de Santa Mariña de Cabreiros e de Santa María de Xermade.

Baltasar Requeijo Pico
Natural de Xermade e ordenado en Ferrol en 1989, ás nove parroquias de Muras e de Xermade que xa levaba une agora as dúas que deixa Cándido Santomé.

Alfonso Morado Paz
Natural de Labrada (Guitiriz), onde tamén foi ordenado en 1976, vén de ser nomeado párroco in solidum da unidade pastoral de Mondoñedo, que agrupa cinco parroquias.

Gonzalo Varela Alvariño
Nacido na parroquia cospeitesa de Goá e ordenado en Mondoñedo no ano 1987, o sacerdote pasa a ser o moderador da Upa Ribadeo, conformada por oito parroquias.

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas