O cárcere dentro do cárcere

– Si? Quen chama?

– Ola, Xaquín. Son Welly. Menos mal que podo volver a falar contigo. Estiven once días confinado. Sen COVID. Só comer e durmir. O cárcere dentro do cárcere. Coma o 1º grao. Máis duro aínda no tocante á incomunicación. Horríbel.

Unha profesora de fóra deu positivo e xa ficamos todos os alumnos dela illados inmediatamente. Hai moito medo e tamén precaución. É lóxico. Se entra o virus aquí no centro sería dramático. Estamos vacinados. Pero as medidas de seguridade son moi estritas. E é lóxico. Entendémolo. Pero isto do confinamento dentro do cárcere é un inferno. Menos mal que me deixaban falar coa miña familia en Somalia, A eles non lles dixen nada. Pero a vós preciso dicírvolo. Por iso te chamo.

Mira!. Teño unha experiencia peor ca do internamento que sufrín no Hospital cando a enfermidade. Lembras?: 6 meses e 3 operacións de 9 horas cada unha, a vida ou morte. Sempre mirando ao teito. Pero había un por que. Estaba moi enfermo. E tiña xente que me viñades ver. Agora,  NON. Xa sei que aquilo xa pasou e agora estouno a ver como pasado.

Agora, só comer e durmir. Non tiña nada. Non vin a ninguén. A comida por un ventanuxo, sen comunicación nin ver a face de ninguén. Soidade. Abandono. Distanciamento total do persoal que te “vixía”. Ningunha relación. Non tiña medo pola vida. Sabía que non estaba contaxiado. Estamos todos vacinados. Non tiven nunca síntomas.

No hospital os policías eran humanos e humanitarios. Falábanme. Estaban comigo por momentos e preguntábanme como estaba. E alegrábanse cando saían ben as cousas. E cando non, víaos preocupados e tristes. E todo, o persoal sanitario tamén. Desvivíanse por sacarme adiante con vida. Sentíame querido. Importáballe a alguén. E desde o cárcere D. Dionisio, o educador, e os compañeiros mandábanme cousas, traballos manuais que eu logo regalaba. Nunca me sentín só. Don Carlos, o director, dona Adela e os funcionarios axudáronme. Grazas.

E desta vez tamén estiveron aí. Non estou a queixarme. Só a botar un pesar fondo da miña alma. E ti sei que me aprecias. Pero eu non vin a ninguén. Non se podía. Non culpo a ninguén. Só quero falarche da experiencia da soidade no illamento.

Chámote porque preciso comunicarllo a alguén e gozar de novo da liberdade. Xa volvín  para o Módulo.
(Chamarlle liberdade ao volver para o cárcere! ? ). É duro, non si?

– Welly, por que non escribes esa experiencia?

– Non. Non podo. Aínda non podo. Cando saia, tal vez. Por agora aínda non. Teño as feridas moi frescas. Non son queixas contra ninguén. Só intento abrirlle a alma a alguén que sei que me quere.

– Preciso tempo para sandarme espiritualmente. Fisicamente estou ben. Pero espiritualmente, fatal. Desfondado. Pero agora xa son libre. Por vós, intentareino. Máis adiante.

– Grazas por chamarme.

– Grazas a vós.

– Sabes que teño unha carta de felicitación de Nadal para ti. É de Carme Solloso, a médica. Dáste conta?

– Si. Como están todos por ai? Saúdos moi agradecidos para todos: Zoraida, Ana, Steve, Nieves, Pepe, Sita, e aos de Mandiá que xa non lles recordo o nome. Grazas a todos vós non estou só. Aí fóra hai alguén que me espera e que me quere. Vós sodes a miña familia. A Juan e aos de Santiago e a Coruña. Acábaseme o tempo… Algún día, …

– Salam alecum! (“As-salaam ‘alaykum”. Significa “A paz sexa contigo”).

– Alecum Salam!, Welly. Querémoste. Xa nos veremos a non tardar. Saúdos aos teus de Somalia e aos de aí de Teixeiro. A túa nai, ben?

–  Está contenta de saber que teño xente que me quere aquí en España. E na Galiza. Pero agora xa son libre. Xa estou no módulo!

(Cortouse a comunicación. Desde fóra non podemos chamar).

Espero velos a todos novamente despois de 17 de xaneiro, ao volver autorizárensenos as visitas e levarlles os novos calendarios. Un calendario no cárcere vale un mundo. Situarse no tempo, á espera dun novo espazo de liberdade, dálle sentido á vida. O tempo é superior ao: espazo”, di o papa Francisco. (E:G. 222).

E eu, e nós, tamén encontramos sentido na vida abríndonos todos á esperanza desde a misericordia (de corazón empobrecido co pobre). no tempo que vivimos cada día. O COVID trouxo para todos moitos cárceres, soidades e mesmo ganas de non vivir. Vivamos atentos. Hai tarefa.

Esta carta falada dos Reis foi así de real e fíxome ben.. Por iso a abrín para ti. Grazas.

________________________________

La diócesis de Mondoñedo-Ferrol no se hace responsable de las manifestaciones y opiniones vertidas por los diferentes articulistas de esta sección

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas