Hoxe fomos a andar á romaría do San Cosme da Montaña, en Abadín. Había moita xente coñecida da contorna rural. Respirábase bo ánimo, bo ambiente. Panadeiros, froiteiras, cantineiros, rosquilleiras, os dos xoguetes, as das velas, os churreiros, grupo musical…, cada quen aportando o seu, facendo algo de vida á conta de satisfacer as necesidades da xente asistente. E entre todas e todos rebaixando, sequera por un día, o pouco trato e mesmo soidade xerada na aldea polo progresivo despoboamento. Alguén ten dito que se os funerais e as romarías e feiras non existisen no rural galego, necesariamente habería que inventalas. E ten razón. Só por iso xa as romarías teñen un importante compoñente relixioso: Deus ama as relacións fraternas, e nelas é sempre honrado.
Case toda a xente asistente cumpre cos tres requisitos da romaría: poñer o santo, dar esmola e asistir á Eucaristía, na que é normal ver comungar a todo o mundo. Algúns engaden un cuarto: facer romaría ao redor da igrexa, ás veces de xeonllos, cun santiño ou cun exvoto de cera nas mans. Isto abonda para as necesidades da xente, vinculadas con frecuencia a algunha enfermidade propia ou dalgún familiar ou mesmo dos animais necesarios para a vida rural.
Chamoume a atención o que dixo o papa Francisco de que a relixiosidade popular é case o único espazo no que o laicado se ten desentendido do control do clero. O certo é que o clero asistente case se limita a responder ao que demanda a xente. No fondo, quen manda e dispón alí é a xente, aínda que non o pareza.
Pensaba nesa preciosa chamada espiritual que bulía no corazón de quen alí estabamos. Pensaba na grande ferida que levaba consigo esa chamada: a idea de que cómpre mercar o ben de Deus e dos santos e santas. E o clero convértese no mediador imprescindible desa compravenda. Co gozo da romaría trouxemos para a casa a mágoa por un pobo ferido no espírito, a mágoa por un clero que consente con esas feridas, no canto de curalas con remedios evanxélicos.
Manuel Regal Ledo
Delegado de Pastoral Rural
Fuente: Asociación Irimia (Asociación de Crentes Galegos)
«Só por iso xa as romarías teñen un importante compoñente relixioso: Deus ama as relacións fraternas, e nelas é sempre honrado»