Segundo Pérez: «Na Catedral de Santiago non se fixera unha reforma tan a fondo dende hai 200 anos»

Logo de oito anos á fronte do Cabildo, o guitiricense esgotou o seu mandato, pero manterase á fronte da Oficina Internacional de Acollida ao Peregrino

Un neno do Buriz, esa aldea á que sempre volve, botou oito anos á fronte dun dos centros de peregrinacións máis importantes do mundo, a Catedral de Santiago de Compostela, penúltima parada dunha longa traxectoria na que se doutorou en Teoloxía en Salamanca para logo seguir formándose en Roma antes de converterse el mesmo en mestre de varias xeracións. Segundo Pérez leva asumidos múltiples cargos e responsabilidades, que sempre compaxinou cunha das súas paixóns, a investigación, con acceso incluído ao Arquivo Secreto Vaticano —hoxe chamado Arquivo Apostólico Vaticano—. E aínda que a situación é a que é, segue a ser o párroco da parroquia que o vía nacer hai 72 anos.

Que balance fai destes oito anos como deán da Catedral de Santiago, da que xa era arquiveiro dende 2011?
Fago un balance moi positivo en xeral, aínda que con sufrimentos e disgustos, xa que empecei cunha situación moi difícil.

Que lle gustaría que se recordase da súa xestión, que comezaba logo dese polémico roubo e posterior recuperación do Códice Calixtino?
Sen dúbida a recuperación do Códice Calixtino e a restauración do Pórtico da Gloria.

Que opina da elección de José Fernández? Daríalle algún consello?
A elección do meu sucesor era de esperar, por levar tantos anos ao servizo da catedral, 42 como coengo. Creo que o ten máis doado do que o tiven eu nun principio.

Durante o seu mandato renovouse a Oficina Internacional de Atención ao Peregrino, por que era necesario este cambio e cal é o cometido desta?
Sucedín a don Jenaro Cebrián ao fronte dela. El traballou moito nela, pero faltaba espazo para acoller aos peregrinos como se merecían. Esta foi a razón pola que o arcebispo, Julián Barrio, cedeu o antigo asilo de carretas para ese fin. Despois intervimos moitas persoas, do ámbito civil e eclesiástico, para que fose un Centro  de Acollida á altura dos tempos. Certamente non hai no mundo un espazo semellante.

É presidente dende novembro da Comisión de Peregrinacións, que obxectivos se marcou neste Ano Santo?
O señor arcebispo nomeou una Comisión para o Ano Santo e fixemos una programación moi ampla, pero todo está condicionado pola pandemia.

Como se presenta este Xacobeo?
Se melloran as condicións preséntase moi ben, xa que hai moitos grupos, parroquias e movementos que se apuntan para peregrinar a Santiago despois do mes de maio. Será certo que imos mellorar moito nos próximos meses?

Que lle parece a decisión de amplialo ao 2022?
Paréceme un regalo do Papa para  Santiago, Galicia e España enteira, tanto a nivel espiritual como social e económico.

Haberá visita do papa Francisco a Santiago?
Se o permiten as circunstancias seguro que virá.

Levan practicamente un ano sufrindo as restricións da pandemia, como lle afectou ás peregrinacións? Cambiou o perfil dos visitantes que reciben?
A situación actual levounos a recibir moi poucos peregrinos, entre tres e dez cada día, cando antes podían vir uns 300 por día, e son bastantes os que veñen dende o  extranxeiro. Por outra banda, son xente bastante atípica, non é o tipo de xente que vén cando hai liberdade nos camiños.

Cales foron as principais adaptacións que tiveron que facer ante esta nova normalidade?
Rebaixamos todas as prestacións  e o Centro de Acollida, que antes operaba doce horas, de 8.00 a 20.00 horas, agora só está aberto a metade de tempo, de 12.00 a 16.00 horas cada día, agás o domingo, que pecha.

É posible percorrer o Camiño de Santiago pese a existencia dos peches perimetrais?
Non sei como fan, pero algúns peregrinos van chegando cada día.

Fíxose unha importante restauración na Catedral de Santiago nos últimos anos, que destacaría das actuacións realizadas?
A intervención na catedral foi practicamente en toda. Actuouse no Pórtico, na igrexa da Corticela, no retábulo maior, no cimborrio, etc. Limpouse e pintouse todo o interior e tamén se traballou no exterior, nas torres e na fachada. Probablemente non se fixera una reforma tan a fondo desde hai 200 anos.

E que queda pendente?
Agora quedan remates en capelas, lousado, pinturas… pero son pouca cousa comparado co que vai feito.
 

De preto: "A pé fixen tres veces o Camiño, dúas con seminaristas e unha con 45 persoas dos Vilares"

A título persoal, como convive coa pandemia?
Case illado facendo o que me di a médica de cabeceira,

Que cambios o obrigou a adoptar?
Obrigoume e refacer a miña vida en case todo.

Que é o que máis bota de menos de antes do coronavirus?
A liberdade de poder desprazarme.

Como se saíra desta?
Eu agardo que pronto e ben.

Que tal se leva coa máscara?
Son alérxico a algunha, pero en xeral xa vou afeito.

Deixa un cargo de moita responsabilidade, pero segue tendo moitos cometidos, pensa na xubilación total?
Xa me gustaría voltar para O Buriz.

Que é o que máis lle gusta de Santiago de Compostela?
Gústame todo en xeral.

E o que menos?
Rexeito certas actitudes de soberbia propias dos composteláns.

E da catedral, cal é o recuncho favorito?
A capela do Santísimo.

Peregrinou algunha vez?
A pé fixen tres veces o Camiño de Santiago dende Vilalba. Dúas cos seminaristas maiores de Mondoñedo e unha con 45 persoas da parroquia dos Vilares. Esta foi entrañable e moitas daquelas persoas xa finaron. Rezo cada día por elas.

Hai algunha historia que o marcase en particular da xente que fai o Camiño?
Foi o encontro con persoas do mundo enteiro, que tería para un libro grande. Vin como o Camiño cambiaba a mente e corazón de moita xente.

Leva feitas numerosas publicacións, en que está a traballar agora?
Nun libriño sobre o sepulcro de Santiago como meta e camiño.

De non ser cura sería…
Nunca pensei en ser outra cousa.

Fuente: El Progreso (25.02.2021)

 

«Ampliar o Ano Santo é un regalo do Papa para España enteira, tanto a nivel espiritual como social e económico»

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas