A delegación diocesana de Pastoral Penal, en colaboración con Cáritas Mondoñedo-Ferrol, convocan un novo relatorio/coloquio sobre a realidade das persoas presas, titulado «O cárcere: outro modelo de resocialización é posíbel«.
Terá lugar o vindeiro luns 17 de abril, a partir das 19:30 horas, no Centro Cívico de Canido, en Ferrol. Nel intervirán Cristina Pereiro e Sandra Cereijo (Cáritas) e Xaquín Campo (sacerdote e capelán da Pastoral Penal da nosa diocese).
As casa de acollida en Galicia
«Hai algo importante do cárcere que tal vez non sabemos moito. Cando xa pasan da metade da condena, e dependendo de situacións, poden empezar a gozar de permisos, de tres a cinco días, para unha preparación á readaptación de novo á sociedade, porque cando saian, xa non é igual nin a mesma ca que deixaron. Moitos deles xa antes non estaban adaptados».
Para aqueles que non teñen familia de arraigo, hai tempo que na Pastoral Penal e en Cáritas España se foron creando casas de acollida, todas elas con moi bo resultado. Na nosa comunidades, unha delas funciona na Coruña; outra en Ourense, que ten unhas experiencias de nova creatividade con moi bos resultados para todos: presos, familiares, vítimas, veciñanza de orixe; a de Lugo foi das primeiras que entrou en funcionamento e agora atópase a un paso de vover abrir despois dun período de escaseza no voluntariado.
O voluntariado, clave na posta en marcha dunha casa de acollida na diocese
Xa na nosa diocese, concretamente en Ferrol, hai tempo que busca ser unha realidade. E parece que pode ser agora, cos esforzos desde a delegación, Cáritas e co impulso que vén facen o bispo García Cadiñanos.
Segundo confirma a delegación diocesana de Pastoral Penal, a diocese xa dispón dunha casiña con tres cuartos, un salonciño de estar, cociña e baño. Sen luxos pero que reúne as condicións para cumprir unha función educativa no ser e no saber estar e aprender a xestionarse neses tres ou cinco días. Este espazo comezará a funcionar a partir do vindeiro mes de setembro, apoiado por Cáritas Mondoñedo-Ferrol e o seu persoal especializado.
Para a súa atención, faise un chamamento ao pobo de Ferrolterra para a creación dun grupo grande de persoas que axuden a crear esperanza e opinión favorábel. Temos dous exemplo moi preto: ASFEDRO e a Irmandade de Doantes de Sangue de Ferrolterra. Ambas naceron do pobo ferrolán e están a prestar unha axuda inestimábel. E teñen unhas equipos de voluntariado que fan posíbel que funcionen e se vaian renovando e especializando.
Para a formación deste voluntariado son precisas unhas doce persoas que teñan vocación e calidades para unha sinxela tarefa de titorías facilitadoras ata que todo vaia tomando rumbo. Non será unha cousa complicada nin suporá un exceso de tempo. Pero si unha presenza, por turnos ou quendas ben amplos para que non resulte gravoso.
Para iso, desde a diocese estamos na fase de divulgación coa convocatoria destes coloquios-relatorios e diálogos. Todos valemos. Se ves que podes ter dúas horiñas dispoñíbeis cada mes o de cada dous meses para axudar á resocialización das nosas presas e presos, non o dubides.
Fotografía: P. Perkins