Faleceu o sacerdote diocesano José Gallego Vila

Natural de Aldurfe-Riotorto (1937), faleceu no Hospital da Mariña aos 84 anos

22 febreriro 2022.- "Respectar os vellos, comprender os novos e querer os nenos". Esa era a máxima pola que se guiaba o crego José Gallego Vila, finado o 20 de febreiro aos 84 anos de idade e que este martes, día 22, a partir das 16.30 horas, recibirá unha mostra máis do cariño que lle profesaban os fregueses, constatado nas mostras de pesar que se estenderon polas redes sociais nada máis terse coñecemento do seu pasamento, e tamén na multitudinaria homenaxe que lle rendían as súas parroquias en 2018, cando se cumprían 50 anos da súa chegada á comarca chairega.

Don José será despedido na mesma parroquia vilalbesa na que viviu máis de 50 anos, San Lourenzo de Árbol, á cuxa reitoral chegaba dende Seixas (As Somozas) en tractor con toda a súa vida metida nun remolque, alá por 1968, cando nin estradas había. E veu para quedar. Foi sumando e mudando responsabilidades ata facerse cargo das once parroquias que atendía agora: as vilalbesas de Árbol, Carballido, San Xurxo de Rioaveso, Oleiros, e Nete; as cospeitesas de Goá, Pino, Santalla de Rioaveso, Seixas e Támoga; e a abadinesa de Moncelos.

Nunca pensou en xubilarse, nin en ascender, porque o seu era estar coa xente, como el mesmo dicía, non era un cura de oficina. José era dos que estaban aí para o que fixese falta. Facía uns 40.000 quilómetros ao ano só para atender os seus fregueses, as súas parroquias, ás que procuraba ir misar todas as semanas. Porque o oficio, o seu servizo a Deus, eran algo totalmente vocacional.
 

 

De pequeno xa dicía que quería ser cura. Non sabía moi ben nin a razón, pero sabía que era o que quería. Non tivo unha infancia doada. Naceu en Aldurfe (Riotorto), no Nadal de 1937 e perdeu a súa nai sendo moi pequeno. Como eran moitos irmáns, varios deles acabaron nunha casa cuna. José estivo en Lugo e no fogar escola de Castro, mais se hai un sitio que recordaba coma "o ceo", ese era o seminario, a onde foi cunha bolsa de estudos, para finalmente ordenarse en Mondoñedo en xuño de 1964.  

Malia aos avatares que lle tocou vivir, José considerábase unha persoa afortunada. E poderíase dicir que tiña razón. Tivo o azar de cara e ata lle tocou o Gordo, pero non era esa a sorte que a el lle importaba. Ter saúde era do que máis lle agradecía a Deus, porque iso lle permitía seguir facendo aquilo ao que consagrou a súa vida, servir a xente.

"A maior alegría é estar aquí tantos anos e vivir no medio da xente" dicía un home entrañable e conciliador, sempre disposto a solucionar calquera conflito con diálogo e boa vontade, un namorado da música galega e seareiro do Barcelona que levaba o seu sorriso e o bo humor como sinais de identidade. De non ser cura, quizais tería sido mestre, porque era feliz rodeado dos máis novos, para os que procuraba ter sempre á man caramelos, e o sentimento era mutuo.

Aos nenos e ás nenas das súas parroquias, aos seus fregueses, á súa familia e á xente, en xeral, seguro que os seguirá tendo moi presentes dende o ceo, agora que Deus o chamou ao seu lado. E dende alí, seguirá resoando algunhas das súas palabras, coma aquelas coas que tiña por costume despedir a misa, dirixidas a todos os presentes: "Que teñan unha boa semana". Que así sexa.

Fonte: El Progreso. Texto: Cristina Pérez
 

Reseña biográfica

Don José Gallego Vila naceu na parroquia de Aldurfe (Ritotorto) fai uns oitenta e catro anos. Realizou os seus estudios de latín e humanidades, filosofía e teoloxía no Seminario Conciliar de Mondoñedo.

En plena celebración do Concilio Vaticano II foi ordenado sacerdote polo bispo don Jacinto Argaya no Congreso Eucarístico comarcal de Mondoñedo en xuño  de 1964.

Ao logo do seu ministerio sacerdotal desempeñou os seguintes cargos parroquiais:

· Do 1965 ao 1968 cura ecónomo de Santa María de Seixas e encargado do Deveso na zona das Pontes.

· Desde o ano 1968 e ao longo de máis de cincuenta anos foi sucesivamente nomeado para varias parroquias da Terrachá, segundo as necesidades que ían xurdindo en cada momento:

· Cura ecónomo de San Lourenzo de Árbol (máis tarde párroco) e encargado de Carballido. Tamén encargado de Santa Olalla de Rioaveso

· No 2006 administrador parroquial de Santa María de Carballido, San Xurxo de Goá, Santiago de Moncelos, Santa Olalla de Rioaveso, San Pedro Fiz de Baltar e Santa Catarina de Pousada.

· No 2012 párroco de Nete, Oleiros e San Xurxo de Riaveso.

· No 2014 administrador parroquial de Alvare, Fonmiñá, Baltar e Pousada.

· No 2017 párroco de Árbol, Baltar, Carballido, Goá, Moncelos, Nete, Oleiros, Pousada, San Xurxo e Santa Olalla de Rioaveso

· E no 2019 párroco de Seixas, Pino e Támoga.

Ultimamente exercía o seu ministerio en once parroquias ata que inesperadamente tivo que ser hospitalizado sen posibilidades de superar este difícil trance.

Foi un sacerdote entregado que sempre actuou cun espírito de servizo e disponibilidade cara a xente, o que o facía moi querido, tamén por parte dos seus compañeiros no ministerio sacerdotal; “alguén entrañable que se facía querer”, escribiu un compañeiro.

Unha convicción que tiña como cura e que tratou de cumprir na súa vida era: “á xente hai que servila”. Descanse na paz do Señor este “servidor bo e fiel”.
 

 

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas