A nosa casa familiar de irmáns no Señor

Homilía do bispo no aniversario da Dedicación da S. I. B. Catedral de Mondoñedo

"Irmanémonos no fatigoso pero esperanzado presente, como corresponde á nosa peregrinación humana, adiantando o soño da fraternidade humana universal que nos ofrece Cristo"

Autoridades, Cabido da Catedral, sacerdotes, diácono, persoas consagradas, laicos, irmáns e irmás no Señor.

Hai un ano estabamos a celebrar a conmemoración dos 800 anos de historia da nosa Catedral. O tempo pasa rápido e aquí estamos outra vez para renovar a nosa fe na festa do aniversario da Dedicación do primeiro templo da diocese, a que é a nosa casa familiar de irmáns no Señor que ha de conservarse e restaurarse como ofrenda agradable a Deus.

Facémolo nun tempo de dor. Non deixamos de orar polas vítimas do COVID-19, polos seus familiares, polos profesionais da saúde e os científicos, por quen están en primeira liña de loita contra a pandemia, por quen padecen todo tipo de dano como consecuencia da situación e polos gobernantes para que se esforcen debidamente en atallar os males cos medios ao seu alcance.

Así pois, celebramos esta festa nuns momentos de privacións, sufrimento e incerteza nos que todos necesitamos estar preto e unidos, precisamente cando vemos que se alarga o tempo no que deberemos gardar as medidas sanitarias de distanciamento físico e de illamento.

Esta urxencia da proximidade e a unidade que descubrimos nunha situación dramática, alcanza á humanidade enteira, como imos comprendendo cada vez mellor ao experimentar que compartimos sufrimentos, camiños de solución e metas. Desde cada lugar do mundo, en cada persoa debe crecer nestes momentos a conciencia de universalidade, que non quita nada ao particular, senón que o completa situándoo no seu lugar.

Esta conciencia universal é sinal de identidade da nosa fe cristiá, católica, e anúnciase a súa plenitude no Novo Testamento, onde o Señor Xesús ensina que Deus non exclúe a ninguén. Algo que os seus apóstolos van descubrindo, comprendendo e predicando.

Na pasaxe do profeta Isaías, xa se preconiza a apertura universal cunha dobre porta de acceso para pertencer ao pobo de Deus: observar o dereito e practicar a xustiza (cf. Is 56,1). Con estas condicións toda persoa poderá acoller a salvación, a liberación e reunirse na casa de Deus, casa de oración para todos os pobos (Is 56,7).

Observar o dereito e practicar a xustiza esixe derrubar os muros que mantemos en pé e mesmo seguimos levantando, cando Cristo xa nos mostrou como suprimilos, nun cambio de paradigma sublime que enaltece á humanidade. Non é sensato atrasar ou ensombrecer o que Cristo veu a plenificar. O muro de pedra que separaba no templo de Xerusalén o patio dos xudeus do patio dos pagáns, con letreiros que prohibían o paso a todo estranxeiro baixo pena de morte, foi derrubado anos despois de que fose deslexitimado por Cristo, o cal batallou contra a exclusión do estranxeiro, pois todos somos membros da familia de Deus, como escoitamos na carta aos efesios (cf. Ef 2, 19).

Derrubar os muros que dividen aos irmáns permite que un edificio quede ben ensamblado, con pedras vivas que edifican a fraternidade ao redor de Xesucristo. El anuncia que Deus vén a todos, sen exclusións, e que o ser humano se atopa con El pola fe, en espírito e en verdade (cf. Jn 4, 23), como expresa claramente no seu diálogo coa samaritana. Pensemos o significado das palabras de Xesús: o encontro con Deus non chega por vía de etiqueta social, étnica, nacionalista, económica nin tampouco relixiosa. O ser humano chega a El polos carreiros dunha fe purificada en espírito e en verdade.

Hoxe nós, cun deber histórico de unidade con proxección mundial, estamos chamados a continuar a edificación deste templo de pedras vivas de Mondoñedo-Ferrol simbolizado na súa Catedral. Para que a nosa Igrexa particular sexa universal e se ofreza como “un fogar entre os fogares”, casa de portas abertas, porque é nai.

Con trazos maternais, como María, a Nai de Xesús, esta Igrexa de Mondoñedo-Ferrol acolle. Con trazos misioneiros, como o Fillo enviado do Pai, esta diocese envía.

Acolle a quen observan o dereito e a xustiza, a quen experimentaron a sede que escraviza, a quen foron mallados e necesitan ser curados, a quen buscan a Deus en espírito e en verdade.

Envía aos seus fillos, irmáns discípulos misioneiros, para recoller e sandar ao ferido, para acompañar a vida, soster a esperanza, ser signo de unidade, tender pontes, abrir murallas, sementar paz e reconciliación (cf. FT 276), de modo que alcancemos o gozo de «construír unha gran familia onde todos podamos sentirnos en casa» (FT 62).

Irmanados co noso onte, irmanémonos no fatigoso pero esperanzado presente, como corresponde á nosa peregrinación humana, adiantando o soño da fraternidade humana universal que nos ofrece Cristo. El dános a salvación, a felicidade que sempre anhelamos e que, en situacións tan adversas como as actuais, buscamos e pedimos con máis desexo e claridade.
 

Mons. Luis Ángel de las Heras Berzal, CMF

Segovia (1963) - Obispo de Mondoñedo-Ferrol - Misionero claretiano

@cmfluisangel