Román Escourido: «Os curas temos que axudar á xente en todo o que poidamos»

Ordenado sacerdote en 1984, foi párroco en en Viveiro, Xove e Ourol

24 enero 2022.- Falar co sacerdote Xosé Román Escourido Basanta aseméllase bastante a falar cun dinamizador social ou cultural. Algo de todo tivo este home que se ordenou en 1984 en Viveiro, en San Francisco. Entón colleu xa parroquias como Cabanas, Ambosores, Sixto ou Bravos, que foi onde acabaría por botar máis tempo. Estivo tamén en Xove, no Barqueiro, Covas, Suevos, Mosende, O Vicedo e no 2013, Viveiro. "En todo este tempo cambiaron moitas cousas", di, "por exemplo nós mesmos, porque agora estamos dous curas para dez parroquias".

Pero non todo foi a peor. "Aínda que falas de 1984 e parece que está aí ó lado, cando cheguei non había luz eléctrica en San Pantaleón ou en Ambosores. Parece mentira, pero é así. Para ir de Viveiro a Ambosores había que ir polas Sirenas, que das unha volta tremenda, porque non existía a estrada de agora. Había uns camiños terribles".

Pero tamén di que nesas zonas rurais "había moita máis xente. Por exemplo, había escolas unitarias en Cabas ou Riobarba… Son cousas que vistas hoxe en día, son difíciles de entender, pero así era". Aínda non hai moito tempo que a Xosé Román o nomearon coengo da catedral.

Di que para el é unha honra, pero que "non o tomo como un ascenso ou algo así. Gústame no sentido de que demostra que pensaron en min por algo que faría ou pola miña traxectoria, pero nada máis, non porque pense que estou ascendendo ou algo polo estilo". E como demostración do que di recorda a súa frase de ordenación sacerdotal: "‘Yo he venido a servir, no a ser servido’, penso que con iso xa se di todo".

Durante uns anos, este crego foise facendo algo coñecido por que promoveu uns beléns bastante impresionantes nas súas parroquias. El admíteo e desenvolve a cuestión: "O Nadal sempre me gustou moito. Xa desde neno. É unha festa de ledicia e importante para os cristiáns. Tamén o é a Pascua de Resurrección, por suposto, que para nós é fundamental, pero o Nadal é como unha festa entrañable e hai que pensar que en moitas desas parroquias non había belén amplo co Misterio da Encarnación".

Por iso pensou que implicar a xente na conformación dos nacementos era unha boa idea. E o certo é que pouco a pouco a cousa foi tomando forma ata o punto de que acabaron con figuras articuladas e uns beléns de extensións moi considerables que eran visitados por unha morea de xente "en parroquias realmente pequenas onde non tiñan nada".

Pero seguramente unha das súas maiores características foi o traballo que realizou con Cáritas. Mais non no senso de Cáritas como aportación monetaria ou de comida aos máis necesitados. Conta que o que fixo foi "atender algunhas necesidades de comunidades que non tiñan de nada".

Non foi el só. Aínda que empuxase, estivo arroupado por moita xente que lle foi axudando sempre en ideas como "facer charlas médicas nas aldeas ou levar os cativos de Bravos á piscina de Xove. Cousas así, de promoción da humanidade. Tentamos difundir bebidas sen alcol polos problemas de alcolismo que hai nalgunhas zonas".

E desde logo as viaxes: "Aproveitabamos para levar a distintos sitios xente que case nen saíra da súa aldea. Iamos a Lourdes, por exemplo, pero parando en moitos sitios e con prezos moi bos, e así a xente podía coñecer algo de mundo e ver outras cousas. É algo do que estou moi contento porque sempre crin que os curas, ademais de predicar o Evanxeo e transmitir a fe, temos que axudarlle á xente en todo o que poidamos".

Fonte: El Progreso

 

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas