Pastoral
Cultural-g
A cultura do noso pobo está fortemente influída pola fe que nos foi configurando. Moitas tradicións populares, moitos edificios singulares en cada parroquia, moitos bens inmateriais xorden na contorna da nosa Igrexa e fan referencia á beleza do amor de Deus. Ademais, todo iso ten un forte impacto económico, de progreso e de emprego que non se pode desdeñar.
A nosa diocese está marcada polo Camiño de Santiago que é percorrido diariamente por miles de persoas: o Camiño de Norte, que pasa de Norte a Sur entre Ribadeo a Baamonde; tamén en Ferrol comeza o Camiño Inglés.
A nosa fermosa catedral de Mondoñedo eríxese como edificio de beleza singular, sendo visitada cada ano por máis de 25.000 persoas. O mesmo sucede con outros edificios que son pegada de máis de quince séculos de fe, que serven para a vivencia da fe cristiá pero tamén desenvolven a cultura. A Igrexa é consciente do interese que suscita este patrimonio polo que o conserva e o pon ao dispor de todos.
As nosas Semanas Santas, especialmente en Ferrol e Viveiro, declaradas Festas de Interese Turístico Internacional, concitan anualmente a miles de persoas que se congregan para contemplar as imaxes, escoitar as súas bandas e penetrar na súa alma confrade.
As bibliotecas do Seminario de Mondoñedo e a especializada de «Estudios Mindonienses«, os arquivos diocesano e catedralicio, e o museo «Santos San Cristóbal», constitúen un importante tesouro que encerra a cultura e tradición do noso pobo.
· Bens de Interese Cultural (BIC): 12
· Semanas Santas Festas de Interese Turístico Internacional: 2
· Proxectos de rehabilitación: 6
· Bibliotecas: 2
· Arquivos: 3
· Museos: 4
· Cátedra Diocese-Universidade da Coruña (Cultura-Patrimonio-Promoción social)