Primera homilía de Mons. García Cadiñanos como obispo diocesano

Hoxe é un día moi significativo para min e para nosa Igrexa de Mondoñedo Ferrol. Trala ordenación e consagración onte na nosa querida catedral de Mondoñedo, hoxe presido por primeira vez a eucaristía como pastor desta Igrexa na tamén querida concatedral de Ferrol. Poderiamos dicir que é como os primeiros pasos no camiñar vacilante deste bispo novel que vén con moitas ganas de entregarse, querervos, axudarvos no camiño da vida que o Señor obra en vós e, por suposto, deixarse axudar. Sen dúbida que a vosa experiencia acompañando estes inicios doutros irmáns bispos é unha garantía de éxito…

E todo iso desde o convencemento de que a Igrexa é unha familia, con diferentes ministerios e tarefas, na que todos somos necesarios e imprescindibles e na que todos enriquecemos coa nosa vocación a beleza que dá a diversidade e pluralidade na comuñón. Hoxe seguen ecoando as palabras do Mestre: “A mies é moita e os obreiros poucos: Rogade ao dono da mies que envíe obreiros á súa mies”. Creo que estamos chamados a vivir unha cultura vocacional na nosa Igrexa. Que gozo descubrir e vivir a vida como misión e vocación para outros!

Quero comezar saudando a todos os presentes, autoridades que nos honrades coa vosa presenza, familiares e amigos que nos acompañades neste día, pero especialmente a todos e cada un dos que puidestes participar ou nos seguides polos medios de comunicación, penso nos conventos de clausura e nos misioneiros. Que sorte poder celebrar o domingo, o Día do Señor e o Día da Igrexa, con tanta expectación, gozo e esperanzas contidos! Hoxe faise realidade o sentido pleno do domingo como oitavo día que nos orienta cara á nova creación onde todo será recapitulado e plenificado en Cristo. En torno ao bispo, ao que esperastes e polo que orastes nestes últimos meses, co seu presbiterio co que forma unha unidade, e con todo o Pobo de Deus que camiña nestas terras fermosas, cobra maior sentido a celebración da eucaristía, a acción de grazas ao Pai por todo o ben que nos fai, por todas as grazas que sobre nós derrama cada día. Enviado polo Señor (ese é o meu aceno de identidade e garantía) síntome hoxe moi afortunado e ditoso por esta porción do Pobo de Deus que se me confía. “Convosco cristián, para vós bispo”, como dixo san Agustín na súa época, dispóñome a iniciar unha nova etapa na miña vida que supón, sobre todo, unha incorporación ao percorrido milenario e sabio desta Igrexa á que veño servir. Nesta nova etapa evanxelizadora acollendo os retos que se nos presentan, continuaremos desde a sinodalidade á que nos convoca o papa Francisco, no necesario proceso de conversión pastoral. Unha conversión que se mostra na reforma das estruturas pero, sobre todo, na transformación persoal que se deriva na santidade de vida, na santidade sinxela e anónima da porta do lado.

Un camiño este moi esixente que conseguiremos só se somos capaces de poñernos, como discípulos, á escoita do Mestre e da súa Palabra. É esta Palabra a que ha de conformar a nosa vida e a nosa Igrexa local. Acollamos os textos que hoxe proclamamos na celebración e que nos iluminan moi ben neste día.

No evanxeo escoitamos o relato do xordomudo que é sandado tras o encontro con Xesús. Un encontro provocado pola xente que “llo presentaron para que lle impuxese as mans”. Non me digades que non é unha imaxe preciosa daquilo ao que está chamada a nosa Igrexa diocesana: facer de ponte (ese signo coloqueino no meu escudo episcopal), de instrumento para que os nosos contemporáneos se atopen con Xesús, teñan a experiencia sandadora e salvadora do encontro con Xesús. Esta é a misión da Igrexa e esta é a tarefa de todo misioneiro evanxelizador. A experiencia previa sandadora que cada un de nós fixemos de recobrar unha vida nova, plena e feliz tras o encontro con Xesús, querémola compartir e provocar en tantos irmáns nosos que amamos de corazón. Esa é a Igrexa misioneira que hoxe se necesita: poñer a cada persoa diante de Xesús para que sexa El, non nós, o que lle abra os oídos, a vista, o corazón, as mans, a vida…

Os nosos concidadáns, e nós mesmos tamén, a nosa mesma Igrexa en tantas ocasións, sentímonos identificados e representados nese xordomudo do relato: incapaces de oír os berros dos nosos irmáns que sofren, de oír a leve brisa de Deus que require do silencio e do discernimento, de escoitar ao noso redor porque estamos encerrados no noso propio eu e nas nosas cousas, incapaces de comunicar e comunicarnos con Deus e cos irmáns…

Recoñezamos, como nos lembra o papa Francisco, que padecemos hoxe unha síndrome de  autorreferencialidade que nos impide crear fraternidade, que nos mergulla no noso propio mundo individualista e pechado. A nosa propia Igrexa, ás veces, vive tamén nesta tesitura de pecharse para protexerse. O falso respecto ou unha equivocada tolerancia deriva nun testemuño descafeinado que dificulta a transmisión da fe. Tamén nós, en moitas ocasións, somos xordos ou mudos, ou ambas as cousas á vez.

Convídovos con todo o corazón hoxe a escoitar e acoller, persoal e eclesialmente, a invitación de Xesús. Necesitamos tamén poñernos diante del e deixarnos tocar para escoitar: Effeta! Ábrete!

+ Ponte en camiño para acoller a vida dos homes e mulleres desta terra galega. Ábrete aos seus problemas, preocupacións, esperanzas e ilusións… Son túas, acolle e escoita. Como se nos convidaba na primeira lectura, algo novo está a brotar e habemos de ser xeradores de esperanza, especialmente nestes momentos de crises e de pospandemia.

+ Ábrete ao paso do Espírito, que hoxe segue falando e facéndose presente en tantas realidades pequenas desta Igrexa, rural e urbana, agrícola, obreira e mariñeira, e xerando así un ceo novo e unha terra nova onde habite a xustiza.

+ Ábrete aos pobres, que son o corazón do evanxeo e o lugar onde poder facer a experiencia máis grande da misericordia de Deus.

+ Ábrete a vivir a vida en comunidade, porque con outros se vive mellor a experiencia do Deus que é Trinidade de persoas. E ábrete a ser comunidade aberta, intercultural, cálida, acolledora, onde todos se sentan a gusto, os que veñen de fóra e os que non atopan fogar, na casa, sen ser censurados e xulgados. Comunidade adulta, que non busca o éxito senón a fecundidade, e que para iso se forma na fe e fai procesos continuos de crecemento.

+ Ábrete a facer da vida misión, compromiso, entrega, relación, vocación ao servizo da nosa Igrexa e da nosa sociedade.

+ Ábrete deixando atrás tantas cadeas de prexuízos, de ignorancia, de ideoloxías para acoller a vida nova que Xesús che quere regalar á túa familia, ao teu traballo, á túa parroquia, á túa asociación ou movemento…

+ Ábrete á solidariedade e á amizade cos pobres, como nos dicía a segunda lectura: unha Igrexa e unha sociedade onde non exista acepción de persoas, onde non nos fixemos nas aparencias senón que miremos ao corazón, onde a nosa Igrexa sexa fogar dos máis pobres, dos que non teñen ou non saben, dos que se senten sós e feridos, dos emigrantes, dos mozos, unha Igrexa “hospital de campaña” que acolle aos feridos das guerras do noso mundo.

+ Ábrete a edificar unhas relacións sociais, desde o ensino social, que edifique un mundo diferente onde a política e a economía se constrúan ao servizo de cada persoa, contribúan ao ben común e á amizade social, e sirvan ao auténtico desenvolvemento humano integral e solidario.

+ Ábrete ao futuro soñando: non perdamos a capacidade de soñar. O que non soña está morto. O evanxeo e a súa proposta é, sobre todo, un soño, o soño de Deus para nós que nos ama como a fillos. Un soño que está chamado a facerse hoxe realidade neste pobo, nesta Igrexa..

+ Ábrete e dáte unha nova oportunidade, sexa cal fora a túa situación, para alcanzar a plenitude de vida de Xesús. El quérete recrear, rexenerar, renovar…

Ben sabemos que non somos nós os que coas nosas propias forzas poderemos alcanzar estas metas e estes bos desexos. É o Espírito, que habita en nós e que se nos regala na súa Igrexa, o que abrirá os nosos oídos, os nosos ollos, as nosas mans, o noso corazón…

Que fermoso sería se, froito do encontro con Cristo, cada un de nós e a nosa propia Igrexa diocesana de Mondoñedo-Ferrol, presentárase ante a nosa querida sociedade galega con este magnífico testemuño de novidade, ilusión e esperanza! Así o soñaba Isaías, na primeira lectura, ao profetizar no medio do deserto do desterro un manantial que acouga a sede e rexenera o páramo. Nesta hora da evanxelización estamos chamados máis que nunca a facer realidade esta boa noticia que fai presente o Reino de Deus. Que a Virxe dos Remedios, san Rosendo e san Xiao, patrón da nosa cidade, nos axuden a facer vida estas insinuacións do Espírito.

Mons. Fernando García Cadiñanos
Bispo de Mondoñedo-Ferrol

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas