Mons. Fernando García Cadiñanos, escudo episcopal

Lema episcopal

“In omnibus caritas” (En todo CARIDADE) unha frase de santo Agostiño que nos lembra o camiño da caridade como vía no quefacer de cada cristián e da Igrexa. A caridade, que é o nome de Deus, o lugar onde se lle descobre máis facilmente e a forma doce e esixente como expresamos a nosa fe. A caridade convértese así en boa noticia para o noso mundo, especialmente para os máis pobres, a alma e resumo do evanxeo de Xesús.

Descripción simbólica

Tres son os motivos heráldicos que reflicten no seu escudo o ideario do bispo de Mondoñedo-Ferrol:

En primeiro lugar, a ponte: unha ponte que une dúas beiras e que expresa o quefacer do ministerio episcopal como vínculo de comuñón: punto de unión, de proximidade fraterna, de encontro… O labor episcopal defínese como tarefa de pontificado: nun mundo de conflitos, vincular ao home con Deus, dialogar coas culturas, achegar a irmáns que camiñan xuntos, crear fraternidade… No espírito de san Xoán de Ávila: «Falar a Deus dos homes e aos homes de Deus».

En segundo lugar, a barca, adornada do corazón na súa vela: A travesía da nosa historia realizámola na fraxilidade de nosa propia carne e do noso mundo, pero na certeza de que todos estamos vinculados e máis unidos do que pensamos: así o expresa a barca, que ten fortes resonancias bíblicas e eclesiais: Duc in altum, vaiamos máis aló, en busca das periferias, no servizo aos máis pobres, con espírito misioneiro humilde e valente… A Igrexa, alentada polo Espírito, navega polo mar do noso mundo movida polo testemuño da caridade, reflexo da misericordia de Deus, e ata o sacrificio da propia vida: «Como eu vos amei».

En terceiro lugar, a estrela: Mira a estrela, invoca a María: a estrela de oito puntas, tomada da plementería do cimborrio da catedral de Burgos, como homenaxe á súa terra natal, remite á virxe María, Stella Maris, guía, modelo que protexe a todos os seus fillos co seu maternal agarimo. Ela sempre nos conduce e nos leva cara ao seu Fillo.

Descripción heráldica

Brasón partido, de azur e entado en punta, de prata. Trae:

  • Primeiro: Ponte de pedra ao estilo gótico no seu esmalte natural, mazonado de sabre, sostido de dúas cintas e faixa ondadas de prata.
  • Segundo: Nave de ouro con vela do mesmo adornada de corazón de gules, mastro acolado de cruz; sostido de cinta e faixa ondadas de prata.
  • Entado: Estrela de oito puntas de ouro (máis aló das leis heráldicas), esquema arquitectónico da plementería do cimborrio da sé burgalesa, adornada de botóns de gules.
  • Acola cruz episcopal trebolada de ouro.
  • Timbrado de capelo episcopal de sinople.
  • A divisa prelaticia reza: «IN OMNIBUS CARITAS».