SantoralSantoral

Introdución

A chamada á santidade é permanente na Igrexa. Todos os bautizados están chamados a ser reflexo do amor de Deus. Algúns o fan dunha maneira máis brillante, son os que a Igrexa canoniza. Pero hai moitos outros, os «santos da porta do lado» que, a través dunha vida sinxela, xeran vida e esperanza nos lugares onde crecen e viven. A diocese de Mondoñedo-Ferrol publicou en 2003 un libro co título «Testemuñas da fe na Diocese de Mondoñedo-Ferrol». Trátase de trinta e seis monografías de homes e mulleres, sacerdotes, relixiosos e laicos, que pasaron á historia da nosa comunidade.

Calendario diocesano

Aquí aparecen as festas comúns dos santos canonizados que son motivo de festa na nosa Igrexa diocesana:

7 de xaneiro: San Xiao, patrón da Concatedral de San Xiaoe da cidade de Ferrol. Solemnidade en Ferrol.
San Xiao goza de gran devoción na nosa diocese. Moitas son as igrexas dedicadas a este santo sendo o patrón da cidade de Ferrol. Trátase dun santo mártir, en Antince (Exipto). Morreu na persecución de Diocleciano a finais do século III. Fillo dunha rica familia, foi obrigado a casar polos seus pais cunha moza chamada Basilisa. Habendo feito voto de castidade perpetua, segundo a tradición, ambos determinan manterse castos entregando as súas vidas plenamente aos demais. Reparten os seus bens e viven en senllos mosteiros onde acode multitude de persoas arrastradas pola súa virtude e ensinos. Na persecución, ambos son martirizados, sendo san Xiao degolado.

1 de marzo: San Rosendo, bispo, patrón principal da diocese de Mondoñedo-Ferrol. Solemnidade.
Nacido o 26 de novembro do ano 907 preto de Santo Tirso, nas inmediacións da cidade de Porto (Portugal), aínda hoxe se conserva a pía bautismal na parroquia de San Miguel do Couto, preto do monte Cordova. Foi bispo de San Martiño de Mondoñedo (Foz) e Iria (Santiago de Compostela). Promotor de numerosos mosteiros por todo o territorio do noroeste peninsular, como o de San Xoán de Caaveiro (A Coruña), sendo a súa fundación emblemática o mosteiro de Celanova (Ourense), onde falecería o 1 de marzo de 977. Esta abadía foi centro de referencia para máis de cincuenta mosteiros e priorados de toda España. Foi canonizado a finais do século XII, polo cardeal Jacinto Bobo, en 1172, sendo legado pontificio en España, quen chegando a Papa, co nome de Clemente III, o 9 de outubro de 1195, estendeu o seu culto a toda a Igrexa. Descarga: Texto para a misa do Día de San Rosendo (PDF)

20 de marzo: San Martín de Dumio. Memoria libre.
San Martín de Dumio (Panonia, actual Hungría, entre 510/520-Braga, 579/580) foi bispo e teólogo. Tras a súa mocidade e peregrinación a Palestina e Roma, onde coñeceu o monacato, instalouse en Dumio, preto da capital dos suevos, Braga, onde fundou un mosteiro. Pronto este mosteiro converteuse en foco de espiritualidade e de cultura na zona noroeste da península ibérica. En torno ao 556 fúndase a diocese de Dumio, e conságrase a Martín como o seu primeiro bispo. A influencia de Martín na corte foi decisiva para a súa conversión do arrianismo ao catolicismo. Igualmente, influíu notablemente na reforma do clero e na formación dos humildes campesiños coa súa predicación e os seus numerosos escritos. Nomeado tamén arcebispo de Braga, tivo un papel fundamental na convocatoria de concilios e na difusión do monacato. A súa influencia é grande na diocese de Mondoñedo pola vinculación histórica desta Igrexa coa de Braga, da que chegou a depender nos seus inicios.


29 de xullo
: Memoria dos mártires de Calanda. Beato Antonio López Couceiro
O sacerdote Antonio López naceu en Ferrol, aínda que pasou a súa infancia en Betanzos. Ingresa no Seminario de Ourense en 1884, pasando ao Seminario Conciliar de Santiago para estudar Teoloxía. No convento dominicano de Padrón vestiu o hábito e en 1893 é ordenado sacerdote. En 1912 pide ser contado entre os restauradores da Provincia de Aragón. Home de auténtico espírito relixioso e elevado sentido de austeridade, dá exemplo no desempeño dos ministerios conventuais encomendados, de vida mortificada e de dominio do seu temperamento. Mártir da Igrexa católica (Calanda, 1936). Foi beatificado o 28 de outubro de 2007.

4 de setembro: Aniversario da ordenación episcopal do bispo monseñor Fernando García Cadiñanos (2021).

9 de setembro: Nosa Señora dos Remedios, co-patroa da diocese de Mondoñedo-Ferrol. Festa (trasladada sempre ao domingo seguinte ao día 8).

9 de outubro: San Inocencio Canoura. Memoria obrigatoria.
San Inocencio da Inmaculada Concepción (Santa Icía do Valadouro (Lugo), 10 de marzo de 1887-Turón, 9 de outubro de 1934) foi un sacerdote pasionista, martirizado durante a Revolución de Asturias de 1934. O seu nome civil foi Manuel Canoura Arnau. De familia moi sinxela, de aldea, a súa infancia pasouna pastoreando ovellas. Aos 14 anos ingresou na Congregación da Paixón en Peñafiel. Máis tarde realizou o noviciado e emitiu a profesión relixiosa en 1905, co nome de Inocencio. É un nome profético: é tanto máis inocente, cando máis culpables son os seus verdugos. Aos 26 anos é ordenado sacerdote. Ensina filosofía, teoloxía e letras aos estudantes pasionistas. Era un mestre moi preparado e claro na súa expresión, tamén confiable e comprensivo. En setembro de 1934 foi destinado a Mieres na inquieta rexión mineira de Asturias, onde xa estivera sendo moi coñecido e apreciado. Os Irmáns de La Salle pídenlle que se dirixa a Turón, para confesar a uns nenos. Ao día seguinte, o 5 de outubro, é arrestado con toda a comunidade. Todos dan probas de serenidade e ánimo. Fan oración, prepáranse ao encontro con Cristo conscientes xa da súa sorte. Pasan o primeiro día sen comer nada. Despois unha devota señora logra levarlles un pouco de alimento. Cara á unha da madrugada do 9 de outubro foron levados ao cemiterio onde fora xa escavada unha fosa común. Intercámbianse de novo a absolución e diríxense ao martirio orando en voz baixa. Todos son postos en fila xunto á fosa e logo fusilados. Os corpos dos mártires son exhumados case de inmediato. Os oito irmáns das Escolas Cristiás foron transferidos a Bujedo, mentres que o pai Inocencio a Mieres, xunto aos seus co-irmáns. Xoán Paulo II decláraos beatos o 29 de abril e santos o 21 de novembro de 1999.

19 de outubro: Dedicación da Santa Igrexa Catedral Basílica de Mondoñedo: Na catedral, solemnidade; na diocese, festa.

6 de novembro: Memoria dos mártires da persecución relixiosa en España do século XX. Beata María da Presentación
María da Presentación García Ferreiro naceu en Vilalba o 9 de novembro de 1896. Era filla de Julio García Galilán, vallisoletano e notario de Vilalba no momento do nacemento, e de María de la Esclavitud Ferreiro Lago, natural de Mondoñedo. Os seus avós paternos procedían de Nava del Rey (Valladolid) e os avós maternos foron Jesús Ferreiro e Hermida, presidente da Sala de Audiencia Territorial de Valladolid, e Pascuala de Lago Montenegro, natural de Mondoñedo. Pertencía por tanto, a unha familia acomodada e de acrisolada relixiosidade, na que non faltaron vocacións sacerdotais e relixiosas. Por iso, non pode estrañar que, vendo este clima cristián, preferise abandonar a vida tranquila e confortable ao obxecto de dedicala á súa verdadeira vocación: a adoración permanente do Santísimo Sacramento e a educación das mulleres en situación de prostitución.

En 1931 profesou perpetuamente. Destinada a Almería, dedicábase ao ensino das colexialas. Nos inicios da persecución relixiosa que sufriu España nos inicios do século XX sufriu encarceramento polos milicianos do bando republicano. Por causas que descoñecemos, foi liberada xunto a Blasa de María, outra relixiosa adoratriz, e desprazouse a vivir coas relixiosas da comunidade a Madrid. O día 28 de xullo de 1936 a comunidade tivo que abandonar o seu convento da rúa Duque de Osuna en Madrid. A primeiros de agosto a superiora xeral logrou alugar o cuarto piso do número 15 da rúa Costanilla de los Ángeles, en pleno centro da cidade, onde acharon refuxio as relixiosas de distintas casas. Alí estiveron en condicións moi austeras, sen abandonar nunca a adoración perpetua da eucaristía. Pero era imposible que a súa presenza pasase desapercibida aos ollos dos milicianos, que varias veces se presentaron na casa para efectuar rexistros. O día 9 de novembro, a media tarde, cando se celebraba os aniversarios de María da Presentación, tivo lugar un bombardeo das tropas nacionais; pouco despois os milicianos irromperon no piso e obrigaron a baixar a todas as súas ocupantes, que foron metidas a empuxóns nun camión e levadas á checa de Fomento. De alí foron levadas ás tapias do cemiterio da Almudena, onde 23 relixiosas adoratrices foron fusiladas na madrugada do 10 de novembro. A madre Manuela do Sacro Corazón, que facía as veces de superiora, puido dar a sacra comuñón a todas antes de morrer.

Foi beatificada en Roma o 28 de outubro de 2007 polo papa Benedicto XVI. A súa festa celébrase o 6 de novembro. Os seus restos mortais descansan na capela de Casa Madre en Madrid.


18 de novembro
: Memoria das relixiosas da Visitación. Beata Josefa María
María del Carmen Barreira e Izaguirre naceu en Ferrol o 23 de maio de 1881, bautizada na parroquia castrense de San Francisco. Foi fusilada en Madrid en novembro de 1936. Beatificada en Roma o 10 de maio de 1998 polo papa beato Xoán Paulo II, xunto a outras seis irmás do mosteiro da Visitación (Salesas). Era a maior de cinco irmáns. Desde pequena quixo ser carmelita e a súa maior diversión era vestirse de monxa co primeiro que atopaba. O seu pai, Emilio Barreira, comandante de Mariña, e a súa nai, María Izaguirre, procuráronlle unha educación relixiosa e adecuada. Destacaba polo seu carácter afable e cariñoso. Coa súa familia trasladouse a Andalucía, onde morreu o seu pai. Tívose que quedar ao coidado da súa nai, un tanto enferma, o que lle impediu entrar no convento do Carmelo, como era o seu desexo, e tivo que facelo con 37 anos no das Salesas, que si o permitía. O 15 de outubro de 1918 entra no primeiro mosteiro da Visitación de Madrid. O 18 de xullo de 1936 ten que abandonar o mosteiro, refuxiándose coas sete irmás de comunidade nun piso. Tras unhas semanas de tranquilidade, foron denunciadas por ser relixiosas. Sufriron varios rexistros que culminaron coa súa detención o 18 de novembro para levalas a fusilar. Elas, ao subir ao coche, fixeron serenamente o sinal da cruz ante o balbordo do pobo que pedía a súa morte. Leváronas a un escampado no cruzamento das rúas de López de Hoyos e Velázquez de Madrid, e alí, ao baixar do coche, matáronas.

Camiño dos altares

Luis de Terelles y Noguerol
Luis de Trelles e Noguerol naceu en Viveiro (Lugo) o 20 de agosto de 1819. Faleceu en Zamora o 1 de xullo de 1891, onde lle sorprendeu unha grave enfermidade cando visitaba as seccións da Adoración. Os seus restos descansan na catedral desta cidade. Político, avogado, xornalista, fundador da Adoración Nocturna en España e, actualmente, en proceso de beatificación. Cursou estudos no Seminario de Mondoñedo e Leis en Santiago de Compostela. Exerceu a avogacía en Viveiro, A Coruña e Madrid. Desempeñou importantes cargos na xurisdición militar como auditor. Escribiu en diversos xornais e revistas. Foi deputado no Congreso. En 1862 coñece en París a Adoración Nocturna, adorando de noite por primeira vez o Santísimo Sacramento. É considerado Apóstolo da Eucaristía no século XIX polas súas obras eucarísticas e a súa gran actividade en impulsalas e fundalas: en 1858 as Conferencias de San Vicente de Paúl, en Viveiro; en 1868, o Culto Continuo a Xesús Sacramentado; en 1870, «La Lámpara del Santuario», revista mensual da que foi o seu propietario, director e case único redactor (1870-1891); en 1877, a Adoración Nocturna en España, que estendeu a todo o país en máis de cincuenta secciones; en 1881, as Camareiras de Xesús Sacramentado. Distinguiuse como home de xenerosidade exemplar pola súa entrega ao próximo, principalmente na III Guerra Carlista, creando unha comisión para os trocos de prisioneiros e foi nomeado Comisario Xeral de Trocos (1873-76), conseguindo librar da morte ou do cativerio a máis de 20.000 prisioneiros. Con iso adiantouse ao dereito Humanitario Internacional en máis de 50 anos.
Fundación Luis de Trelles – Asociación sen Ánimo de Lucro (fundaciontrelles.org)
Luis de Trelles: Unha laica testemuña da fe (Fundador da Adoración Nocturna) – Youtube

Ignacio Echeverría Miralles de Imperial
Ignacio Echeverría Miralles de Imperial naceu en Ferrol o 25 de maio de 1978, e faleceu en Londres o 3 de xuño de 2017. Coñéceselle popularmente como o “heroe do monopatín”. A súa familia residía e traballaba nas Pontes, onde pasou a súa infancia ata os nove anos e onde recibiu o bautismo e a primeira comuñón. Trasládase a Madrid onde estuda Dereito e traballa no sector da banca. Vinculado á Acción Católica, a súa formación relixiosa é de raíces profundas que lle fan entregarse e ser sensible ás necesidades dos demais. O 3 de xuño de 2017 enfróntase en Londres aos terroristas que están masacrando aos viandantes co seu monopatín. Alí sofre as feridas que lle provocan a morte. Iniciouse o proceso para a beatificación, introducíndoo pola vía da caridade.