Homilía na Pascua do Enfermo

Hai un refrán castelán que di: “Los perros y los niños sólo quieren de cariño”. Sen dúbida, todos o comprobamos cando repartimos un caramelo ou unha caricia. En efecto, o corazón do ser humano está aberto basicamente para o amor e busca constantemente os lugares e as persoas que irradian o amor. Porque, paradoxalmente, aínda que estamos afeitos para o amor e ansiamos o amor, o noso mundo carece de amor e ten sede de amor.

Basta que contemplemos cada día a nosa realidade para descubrir tantas pegadas de odio, de violencia, de egoísmo. Próximas e afastadas. Parece como se gozásemos cando vivimos nesta especie de modo antinatural de organizar a nosa vida persoal e social.

Precisamente nesta perplexidade que se move entre o ideal e a realidade, escoitamos hoxe a Palabra de Deus deste sexto domingo do tempo pascual. Unha palabra que ecoa nos nosos oídos como auténtica Boa Noticia, como anhelo desexado e esperado. Convídovos a que a acollades como a acolleron os oíntes que recibiron o primeiro evanxeo: “Como o Pai me amou, así vos amei eu. Permanecede no meu amor”. “Deus é amor. Nisto manifestouse o amor que Deus nos ten: en que Deus enviou ao mundo ao seu Fillo único para que vivamos por medio del”.

Corresponden estas palabras que se converten en anuncio ao núcleo central da experiencia de fe cristiá. É o kerigma fundamental, a mensaxe permanente que a Igrexa viviu e transmitiu ao longo de todos os séculos. Así sentiu a primeira comunidade cristiá que, durante este tempo pascual, viñemos rememorando no noso propio camiño de renovación bautismal. Así o anunciaron aos xentís e a todos os pobos nese mandato misioneiro ata os recunchos do mundo. Deus é amor. Deus ámate.

O papa Bieito XVI deixóunolo escrito belamente nun texto que repetimos en tantas ocasións e que resume perfectamente a experiencia de fe que neste domingo se nos convida a lembrar, avivar, redescubrir: “Non se comeza a ser cristián por unha decisión ética ou unha gran idea, senón polo encontro cun acontecemento, cunha Persoa, que dá un novo horizonte á vida e, con iso, unha orientación decisiva” (Deus caritas est, 1).

Si. Ser cristián é atoparse e descubrir a Xesucristo que nos ama e que entregou a súa vida por nós. Non somos nós os que amamos a Deus: a nosa fe é unha resposta a un amor que nos antecede, que nos desborda, que se nos regala. Ser cristián é facer experiencia dese amor infinito que Deus che ten, que Deus che regala sen mérito propio. Ser cristián é acoller a boa noticia dun Deus que ten o seu corazón envorcado cara a ti, acolléndote e levándote polo Camiño da Vida. Si. Ser cristián é descubrir a sorpresa e fermosura deste gran amor. Ese é o amor primeiro, o amor fundante que nos permite permanecer e non cansar cando aflora a rutina, a canseira, a fatiga.

E por iso, como nos di a cita do papa Bieito, a vida adquire outro horizonte: o que experimenta que hai Alguén que lle ama descobre que a súa vida ten sentido, ten unha misión, ten unha razón. Non cabe xa o derrotismo, nin a tristeza, non ten lugar o abismo ou as tebras. Ao contrario, o que experimenta ese amor non pode por menos de sentirse cheo, de vivir feliz, de querer formar parte da comunidade dos amigos que queren irradiar o amor e vivir en clave de amor. Como o Amigo con maiúsculas nos ensinou e mostrou o camiño. A Igrexa é a comunidade dos que foron tocados polo amor de Deus e queren facer do amor, do auténtico amor que sabe entregar a vida, a razón da súa existencia. Porque coñecer autenticamente a Deus non é participar no culto ou saber leccións de teoloxía: é vivir empapados dese amor, facer experiencia de canle, de quenlla que permita derramar ese amor a todos os recunchos e a todas as xentes de todos os tempos.

Moitos sabedes que o meu lema episcopal é precisamente este: In omnibus caritas. É dicir, en todo caridade, en todo amor. O amor é o bálsamo que o noso mundo necesita porque é a medicina coa que Deus nos trata, especialmente ao noso mundo ferido e dorido. É a medicina e é o mandato, o aceno de identidade coa que mellor nos coñecerán a aqueles que nos chamamos seguidores do Cristo que entregou a súa vida polos seus amigos.

Amar non é unha bela palabra, senón unha forma de vivir: a maneira de vivir de Deus. Unha forma que se concreta en actos concretos. A primeira lectura falábanos da experiencia de Cornelio, un pagán que é acollido e bautizado na primeira comunidade cristiá. Ese amor universal de Deus expresouse nunha Igrexa aberta a todos, ao estranxeiro, ao foráneo, ao doutra raza. Unha Igrexa que se fai así católica, universal, semente de fraternidade nun mundo que tende a facer muros e separacións.

E ese amor maniféstase tamén no coidado cara aos nosos irmáns enfermos, moitos dos cales estades hoxe participando nesta retransmisión. Celebra a Igrexa en España a Xornada do Enfermo. Un día para lembrar a importancia do coidado e do acompañamento aos nosos irmáns enfermos. Como para Xesús os enfermos estiveron no centro da súa misión, tamén para a Igrexa han de estar no centro do seu corazón de nai. Por iso hoxe celebraremos comunitariamente a unción de enfermos.

Este sacramento é o bálsamo de amor misericordioso que Deus nos quere regalar cando empezan a fraquear as forzas, cando nos pesan os anos e a enfermidade. É neses momentos cando Deus, que é amor, vén ao noso encontro para darnos a súa forza e a súa graza, de xeito que podamos levar con paz e esperanza o ocaso da nosa vida. A unción dos enfermos é un fermoso sacramento que vén en axuda da nosa debilidade, que xorde dun Deus Pai que non nos abandona e quere brindarnos a súa forza na fraxilidade humana. Así son os signos do amor de Deus.

Nesta eucaristía, xunto co noso agradecemento por este sacramento da unción, queremos dar grazas por tantos coidadores de enfermos que dedican vida e sabedoría para acompañar na enfermidade. Tantos voluntarios da Pastoral da Saúde que, xunto aos capeláns dos hospitais, son a man misericordiosa do noso Deus. Sen dúbida hoxe seguen sendo moi necesarios como auténticos instrumentos do amor de Deus. Convídovos nesta eucaristía a orar por todos eles e, sobre todo, polos enfermos, polas súas familias, polos seus coidadores, polo persoal sanitario e pola comunidade cristiá, para que sexa sempre fogar que acolla e acompañe a todos.

[Esta eucaristía foi retransmitda en directo pola Televisión de Galicia desde o santuario ferrolán da Nosa Señora das Angustias. Domingo 5 de maio de 2024]

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas