Bibliotecas

Biblioteca do Seminario de Mondoñedo

Situación e contacto
Praza do Seminario, 1, 27740, Mondoñedo (Lugo)
982 521 006
bibliotecas@mondonedoferrol.org
Instagram
Twitter

Bibliotecario
Rvdo. D. Félix Villares Mouteira

Bibliotecario axudante
D. Carlos M. Alonso Charlón

Atención aos investigadores
Os martes, de 10 a 14:00 horas e de 16:00 a 17:30 horas (con cita previa). Pechada durante o mes de agosto, Nadal e Semana Santa.

Servizos principais
Referencia, consulta en sala, préstamo e acceso a internet.
Préstamo de documentos dixitalizados: Ofrécese a posibilidade de enviar por correo electrónico unha copia dixital (en formato PDF/Imaxe) de exemplares do catálogo da biblioteca [Formulario de solicitude]. As restricións e limitacións para a reprodución de determinados fondos teñen o seu fundamento no respecto á lexislación vixente – Lei de Propiedade Intelectual – ou en medidas encamiñadas á preservación da integridade e bo uso dos mesmos. 

Consulta do catálogo
Catálogo do fondo antigo (Galiciana)
Catálogo do fondo moderno (Rede de Bibliotecas de Galicia)

Historia, características e fondos
O Seminario Santa Catalina de Mondoñedo conta cunha das bibliotecas máis importantes de Galicia, non só polo número de volumes, uns 60.000, senón, sobre todo, polo valor patrimonial de moitos deles, entre os que destacan 22 incunables (libros impresos entre os anos 1450 e 1501), que se conservan en perfecto estado e con certificado de autenticidade. Ocupa todo un lado do claustro principal do Seminario, situándose na primeira planta, na parte máis antiga, formando un conxunto completo e harmónico, cunhas dimensións de 120 metros cadrados. Ao mesmo tempo, compleméntase cunha biblioteca auxiliar (a antiga biblioteca escolar, denominada “Aula Jaime Cabot”: obras de referencia e as seccións de historia, historia da arte, xeografía e literatura, entre outras) e dúas salas para investigadores (Aulas “Díaz Castro” e “Chao Espiña”: secciones “Diocese”, “Galicia” e “Igrexa en Galicia”).

O máis antigo dos códices que conserva é a Legenda Maior de san Francisco, datado no século XIII, é un dos tres exemplares que se conservan en España e no que se narra a vida do santo, contada por san Buenaventura. Outra das xoias da biblioteca é unha biblia políglota (coñecida como a ‘Biblia Walton’), escrita en grego, persa, latín etíope, caldeo, siriaco, árabe, samaritano e hebreo. A edición que se conserva en Mondoñedo, de seis tomos, foi realizada en Londres entre 1653 e 1657 e forma parte da colección de biblias do Seminario, a máis antiga de 1528, entre as que figuran textos en varios idiomas.

En canto á temática dos seus fondos, as principais materias son sacra escritura, filosofía, dereito, teoloxía, medicina, historia e literatura. Reúne obras de sacerdotes, alumnos e profesores relacionados co Seminario. A maioría dos seus fondos proveñen das doazóns de sacerdotes, relixiosos e institucións. Conta, ademais, cunha importante hemeroteca, resultado do intercambio de publicacións científicas a través da revista Rudesindus.

A biblioteca forma parte do grupo de centros participantes no Catálogo Colectivo do Patrimonio Bibliográfico Español e no Catálogo Colectivo do Patrimonio Bibliográfico de Galicia (CCPBG). O fondo ‘Mondoñedo’, integrado por 20.159 obras (das cales 299 están dixitalizadas), pode consultarse en liña a través da Biblioteca Dixital Galega. Ademais, está integrada no Directorio de Bibliotecas e Hemerotecas Españolas do Ministerio de Cultura así como na Rede de Bibliotecas de Galicia

Esta biblioteca conta, ademais, cun fondo moderno, de obras comprendidas entre os séculos XIX e XXI, composto por aproximadamente 40.000 volumes e 15.000 números de publicacións periódicas. Este fondo atópase actualmente en proceso de inventariado e catalogación, e está integrado no catálogo de “Estudios Mindonienses”.

Biblioteca histórica. Seminario “Santa Catalina” de Mondoñedo


Biblioteca ‘Estudios Mindonienses’

Situación e contacto
Domus Ecclesiae, Miramar s/n, 15401, Ferrol (A Coruña)
981 353 295
bibliotecas@mondonedoferrol.org
www.estudiosmindonienses.es
Instagram
Twitter

Horario

De luns a venres de 8 a 15:00 horas, excepto os martes (con cita previa). Pechada durante o mes de agosto, Nadal e Semana Santa.

Bibliotecario

D. Carlos M. Alonso Charlón

Servizos principais

Referencia, consulta en sala, préstamo, fotocopias e acceso a internet.

Consulta do catálogo
Catálogo (Rede de Bibliotecas de Galicia)
Do mesmo xeito que o fondo moderno da biblioteca do Seminario de Mondoñedo (forman parte do mesmo catálogo), este fondo atópase en proceso de catalogación.

Características, fondos e prácticas universitarias

A biblioteca localízase no edificio da Domus Ecclesiae de Ferrol, sede do bispado de Mondoñedo-Ferrol na cidade. Forma parte do Directorio de Bibliotecas e Hemerotecas Españolas do Ministerio de Cultura así como da Rede de Bibliotecas de Galicia desde 2022.

O seu fondo documental está composto, por unha banda, por máis 700 cabeceiras de publicacións periódicas (29.000 números), das que 150 aproximadamente son intercambios en curso, no ámbito da teoloxía, historia, filosofía, filoloxía, artes plásticas e ciencias da educación. Pode consultarse, ademais, o Boletín Oficial da Diocese de Mondoñedo-Ferrol desde 1869 ata os nosos días; así como o dossier de prensa, que recolle as referencias xornalísticas aparecidas en medios de comunicación relacionadas coa diocese desde 1987. A biblioteca conta, ademais, cun fondo aproximado de 16.000 monografías, pertencentes á biblioteca fundacional da Domus Ecclesiae (1963), de fondos cedidos por institucións ou doados por particulares, principalmente sacerdotes e bispos diocesanos.

Desde o ano 2019, a diocese mantén activo un convenio de colaboración coa Universidade da Coruña (UDC), a través do cal os alumnos e alumnas do grao de Xestión Dixital da Información e Documentación poden solicitar as súas prácticas curriculares neste centro diocesano (coa posibilidade de compaxinalas co desenvolvemento de distintas tarefas documentais na biblioteca do Seminario de Mondoñedo).

Sala de lectura. Biblioteca “Estudios Mindonienses”. Domus Ecclesiae de Ferrol