Seminario de Santa Catalina

O seminario, centro de referencia vocacional

O seminario é a comunidade educativa onde os mozos que perciben a atracción pola vida sacerdotal disciernen sobre a veracidade do seu camiño. O Señor hoxe segue chamando a mozos para que lle sigan nunha identificación máis plena e consagren a súa vida enteira ao servizo da Igrexa e do Reino como sacerdotes.

No seminario, a Igrexa ofrece a estes mozos as ferramentas necesarias para crecer neste proceso vocacional. Trátase de madurar como persoas e de crecer como cristiáns. O obxectivo é descubrir o que Xesús pide para as nosas vidas e de camiñar no que a Igrexa nos propón como medios para coñecer mellor a mensaxe de Xesús e a tarefa da evanxelización.

A diocese de Mondoñedo-Ferrol ten o seu seminario xunto ao seminario de Santiago de Compostela. A unión dos dous seminarios na capital compostelá permite un clima de comunidade máis grande que axuda na maduración e o crecemento. As fins de semana, os seminaristas acoden a diferentes parroquias da diocese para inserirse nas tarefas pastorais. O tempo de vacacións é tempo oportuno tamén para coñecer a realidade diocesana. Un sacerdote diocesano, ao que chamamos reitor, acompaña e alenta o seu proceso.

Na actualidade hai catro seminaristas na nosa diocese que realizan o proceso vocacional en diferentes etapas. Previamente tiveron momentos de encontro e discernimiento con algún sacerdote diocesano para coñecer as súas motivacións. Se tes inquietudes vocacionais, se te expós un día ser sacerdote, se queres coñecer o seminario, non dubides en achegarte.


Contacto

Director
Rvdo. D. Juan Manuel Basoa Rodríguez
jubaro@mondonedoferrol.org
Praza do Seminario, 1, 27740, Mondoñedo (Lugo)
982 521 006

Delegado de Vocacións
Rvdo. D. Jaime Iglesias García
vocacional@mondonedoferrol.org


Referencias históricas

1565
O concello de Mondoñedo, presidido polo bispo Maldonado, o día 22 de outubro, acorda solicitar do Concilio Provincial a autorización para erixir un seminario.

1583
Fundación do Seminario Conciliar de Santa Catalina, baixo o pontificado do bispo Caja de la Jara.

1699
Lévanse a cabo as obras da primeira ampliación do edificio do novo seminario.

1770
Monseñor Losada e Quiroga promove a construción dun novo edificio, á beira da catedral, construción que se termina cinco anos despois.

1775
Nesta época é cando o centro alcanza maior esplendor, baixo o Padroado Real de Carlos III, que lle concede o título de Real Seminario Conciliar de Santa Catalina, chegando a contar con douscentos seminaristas.

1835
En plena guerra, o seminario é transformado en forte para os habitantes da cidade, construíndo dúas torres e pontes levadizos.

1888
O bispo José María Cos y Macho empeza a construción dun novo piso sobre a edificación xa existente.

1930
Monseñor Solís promove a construción do xa desaparecido seminario menor.

1947
Monseñor Quiroga Palacios empeza a gran ampliación do seminario, coa construción de novos pavillóns, obras que duraron dez anos.

1954
O día 8 de setembro, monseñor Vega Mestre inaugura a nova capela maior do seminario.

1967
Durante o pontificado de monseñor Argaya trasládase o seminario maior a Salamanca, coa creación do teologado diocesano «San Rosendo». Os alumnos asisten ás clases da Universidade Pontificia de Salamanca. Catro anos despois os seminaristas vivirán no colexio maior “Nosa Señora de Guadalupe” (Hispanoamericano).

1977
Os seminaristas de Mondoñedo-Ferrol trasládanse agora ao seminario maior de Santiago de Compostela, xunto cos doutras dioceses galegas, tentando a posta en marcha dun seminario rexional.

1986
O día 5 de xaneiro comeza a experiencia dun novo teologado diocesano en Santiago de Compostela, estando a diocese vacante e sendo administrador diocesano don Uxío García Amor. Os alumnos asisten ás clases do Instituto Teolóxico Compostelán, centro afiliado á facultade de Teoloxía da Universidade Pontificia de Salamanca.

1988
Despois de terminar a construción dun novo teologado diocesano, en Santiago de Compostela, e tras o acordo asinado polo arcebispo compostelán monseñor Rouco Varela e o prelado mindoniense monseñor Gea Escolano, inaugúrase o día 5 de outubro, cun solemne acto no que participaron os bispos de Galicia e representacións do clero diocesano e das outras dioceses galegas.

1992
Terminan as obras de remodelación do seminario menor, promovidas por monseñor Gea Escolano, que incluían, ademais das habitacións destinadas aos seminaristas, unha residencia sacerdotal e outras destinadas a hospedaxe.

1993
Monseñor Tagliaferri, nuncio en España, bendí as novas instalacións o día 22 de marzo, acompañado polo bispo diocesano e un nutrido grupo de sacerdotes.

1994-2006
Realízanse diversas obras menores. Mellóranse as instalacións da hospedería e a biblioteca; créase un fondo de libros e promóvese o mantemento doutras zonas das casa. Coa chegada do bispo Sánchez Monge, no ano 2006 realízase unha mellora do estado dos claustros, restáurase a capela maior, se continua coa mellora do comedor principal e prepárase unha sala de visitas na entrada principal.

2007
Con motivo do Ano Xubilar de San Rosendo, arránxanse algunhas novas salas do claustro principal. Créase a sala de exposicións «San Rosendo» e contigua a esta, unha sala de proxeccións e audiovisuais. Iníciase tamén a adecuación do fondo de libros e a mellora das instalacións da biblioteca histórica do seminario.

2008
Monseñor Sánchez Monge promove as obras de conservación do lousado de dúas zonas do Seminario, quedando así practicamente renovada toda a cuberta do edificio. Créanse dúas novas salas no claustro principal no segundo piso, dedicadas a salas de investigadores, pasando a formar parte dos locais anexos á biblioteca histórica.

2011
Suspéndese a actividade docente nos ensinos ás que se lle autorizaba (catro unidades de educación secundaria obrigatoria-ESO e dúas de bacharelato). A partir deste intre continúa sendo casa e institución diocesana na que se realizan múltiples actividades: reunións, exercicios espirituais, asembleas, ademais de servir como residencia dun bo número de sacerdotes xubilados e tamén en activo.

2013
Os seminaristas maiores deixan de residir no teologado diocesano «San Rosendo» en Santiago de Compostela e trasládanse neste curso académico á cidade de Salamanca. Alí residirán no teologado de Ávila, xunto cos demais seminaristas das dioceses castelás, e serán alumnos da Universidade Pontificia (UPSA).

2019
A partir do ano académico 2019-2020, os seminaristas diocesanos pasan a residir no seminario maior de Santiago de Compostela e a ser alumnos do Instituto Teolóxico Compostelán.