Cada 15 de maio volvemos a nosa mirada ao mundo rural, ao mundo da aldea. San Cidre Labrador, aquel paisano madrileño que compaxinou o seu traballo no campo cunha madura relixiosidade cristiá, permítenos mirar a situación do mundo rural e reflexionar conxuntamente sobre ela.
Facémolo neste ano no que houbo especialmente moitas mobilizacións. Durante os últimos meses estas coparon os medios de comunicación. A aceleración coa que vivimos a nosa vida actual fixo que outras noticias copasen xa as primeiras planas e practicamente esquecémonos do que pasou.
No fondo de todo ese descontento existía un clamor pola falta de esperanza e de futuro coa que se vive no mundo rural. O envellecemento e a falta de substitución xeracional nas explotacións agrarias e gandeiras son unha triste realidade que nos debe facer pensar a todos: administracións e sociedade civil. Nos últimos anos son moitas as granxas de leite que se pecharon na nosa diocese. Igualmente baixou o emprego agrícola en porcentaxes moi grandes e este é copado, na súa gran maioría, por persoas migrantes que dan un novo rostro ao noso mundo rural. O despoboamento vai en aumento.
As protestas evidenciaban serios problemas que sufrides cada día e aos que vos tedes que enfrontar cada mañá: os baixos prezos dos produtos, o encarecemento dos investimentos así como dos carburantes e demais elementos para a produción, os abusos dos intermediarios, o incremento das esixencias burocráticas, as condicións de produción impostas desde fóra…
E todo iso vívese con dor, sufrimento, impotencia. E faise nun mundo, o da aldea, que foi sempre o ámbito privilexiado para o coidado. Os nosos maiores saben ben o que significa coidar da terra, do gando, dos procesos e os ritmos, das persoas, das institucións, dos costumes e festas, das relacións… Unha cultura do coidado establecíase como o natural, o propio, o que garantía o futuro persoal e comunitario. O coidado era o que nos caracterizaba e o noso sinal de identidade e calidade, porque nos sentiamos vulnerables e cun forte sentido de pertenza. E porque cando se coida da casa común en todas as súas dimensións garántese o desenvolvemento sostible, integral e solidario.
Paréceme que este podería ser a mensaxe central para reflexionar nesta xornada. Sería interesante facer unha revisión sobre como coidamos o mundo do campo e da aldea, os seus servizos e infraestruturas, que papel ocupa nas políticas e axendas económicas, desde que perspectivas o facemos, como afrontamos o seu futuro inmediato… Dá a sensación de que a introdución doutros modelos de produción desde unha nova economía non garanten o suficiente coidado. Os investimentos de fondos con fins especulativos nas cadeas de produción non axudan a coidar do campo e os seus moradores. Habemos de saber conxugar a produción e o coidado ecolóxico.
Tamén teriamos que revisar como coidades a vida da aldea os que habitualmente vivides nese fermoso medio. Nese sentido, o pesimismo existencial e o individualismo non nos fan ningún ben. Coidar unha cultura que valore máis o medio rural, os seus estilos de vida e os seus traballos é urxente. Entre todos habemos de seguir coidando dos nosos maiores, do que nos pertence, do que é de todos, dos nosos sinais de identidade e das súas institucións, sabendo acoller aos que nos veñen de fóra e coidando do noso presente sen nostalxias que nos paralizan.
A Igrexa quere seguir acompañando a realidade do mundo rural. Antigamente o fixo coa presenza de moitos sacerdotes que se encarnaron como un máis no medio dos seus poboadores. Hoxe facémolo a través do compromiso de moitos segrares que tratan de vivir o evanxeo e os seus valores no medio das nosas parroquias, institucións e aldeas… Como a semente que xenerosamente se esparexe no campo do noso mundo, pero como o gran de trigo que se non morre non dá froito. Grazas por seguir xerando tanta vida en espazos que tanto o necesitan.
Feliz festa de San Cidre. Feliz día de San Cidre.
O voso irmán e amigo,
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol
[Fotografía de portada: W. Sevenster]







Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















