Sempre me gustou a idea de que a festa de Pentecoste viñese ser como os aniversarios da Igrexa. Ben podemos dicir que nesa data, co impulso do Espírito que descende sobre María e os primeiros discípulos en oración, comeza dunha maneira formal o camiño da Igrexa. Unha Igrexa, como comunidade de cristiáns, que está chamada a seguir no mundo a mesma misión de Xesús: ser portadora da salvación, garante da mensaxe evanxélica, fogar onde facer experiencia do Resucitado, comunidade que facilita o encontro con Cristo, instrumento para levar adiante a construción do Reino.
O bautismo é o sacramento a través do cal entramos a formar parte desta Igrexa. Como en tantas ocasións nos lembra o papa Francisco “o primeiro sacramento, o que sela para sempre a nosa identidade e do que teriamos que estar sempre orgullosos é o do bautismo […]. A nosa primeira e fundamental consagración afunde as súas raíces no noso bautismo. A ninguén bautizaron cura, nin bispo. Bautizáronnos laicos e é o signo indeleble que nunca ninguén poderá eliminar. Fainos ben lembrar que a Igrexa non é unha elite dos sacerdotes, dos consagrados, dos bispos, senón que todos formamos o santo pobo fiel de Deus”.
Ese común bautismo que nos dá dignidade e carta de cidadanía para participar na Igrexa lémbranos tamén que temos un posto que ocupar nesta familia eclesial para levar adiante a súa misión. Desde a corresponsabilidade no que é de todos, desde a diversidade e diferenza que supón cada vocación e desde a complementariedade dos diferentes carismas para ben do conxunto eclesial.
Nese sentido, os laicos tedes unha dobre misión. Ante todo, a transformación do noso mundo desde o voso compromiso nas diferentes realidades sociais nas que habitualmente vos inserides: a familia, o traballo, a política, a economía, a vida pública, o coidado da casa común. É esta vosa primeira e principal tarefa, da que estamos tan necesitados en canto a presenza significativa. A caridade política na seu máis amplo sentido é o ámbito propio do compromiso bautismal. Aí é onde se manifesta habitualmente o ser cristián.
Pero tamén a vocación laical pódese desenvolver ao interior da vida da Igrexa asumindo responsabilidades, non delegacións, no quefacer eclesial: tanto no celebrativo, como no caritativo ou evanxelizador. Nese sentido quero reflexionar sobre o que vimos traballando ao longo deste curso na nosa diocese de Mondoñedo-Ferrol. Refírome á urxencia de espertar, identificar, formar e acompañar vocacións para os diferentes ministerios eclesiais, especialmente como animadores da comunidade.
Cada vez máis descubrimos a urxencia de que existan persoas concretas nas nosas parroquias e unidades pastorais que, xunto ao ministerio ordenado, sexan referentes nas nosas comunidades de maneira que as reúnan, as acompañen, as coiden na súa formación e atención á súa fraxilidade… Ata o de agora viñemos construíndo unha Igrexa excesivamente clerical, onde os sacerdotes foron o “factótum”. Sobre eles pivotaba practicamente todo. Pero xa o Concilio Vaticano II redescubriu a importancia do bautismo e a corresponsabilidade de todos no que é de todos. E a sinodalidade da que o papa Francisco nos fala tanto, convídanos a camiñar xuntos nesa diversidade.
A pervivencia das nosas comunidades depende, en gran parte, da nosa capacidade de suscitar estas persoas que animen. E non só porque haxa cada vez menos sacerdotes, senón pola propia esencia eclesial. A festa de Pentecoste pode ser unha boa ocasión para reflexionar seriamente sobre o teu posto e misión no interior da Igrexa. Non podemos ser meros espectadores pasivos, consumidores do eclesial ou simples colaboradores. Non podemos camiñar a rebufo. Habemos de ocupar o noso posto na comunidade cristiá para que esta sexa viva e auténtico pobo de Deus.
E xunto a iso, Pentecoste convídanos a orar. Pidamos ao Espírito Santo que suscite nas nosas comunidades estas persoas que queiran e poidan ser auténticos animadores da comunidade. Que tras o conveniente proceso formativo poidan recibir un día o respaldo dun ministerio instituido na Igrexa. E que, desta maneira, as nosas comunidades poidan seguir reuníndose, coidándose e sendo ese referente tan necesario que sirva de escudo ante unha crecente secularización.
O voso irmán e amigo,
+Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol







Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.



















