A Coresma, camiño de liberdade

Os cristiáns comezamos hoxe o tempo de Coresma. Trátase dun tempo fermoso, dun camiño existencial que facemos comunitariamente para acoller a vida nova que se nos regala na Pascua. É un tempo no que se nos convida a desprendernos do home vello que nos vai lastrando no noso camiño para deixar que naza o home novo ao que somos chamados no Resucitado.

Convídovos a ler a fermosa mensaxe que o papa Francisco escribiunos con motivo deste tempo coresmal. O camiño que nos expón é facer nosa a vivencia do pobo de Israel na súa traxectoria polo deserto. Trátase, como sabedes, dun auténtico camiño de liberdade. Israel tivo que deixar atrás as súas ataduras, as súas cadeas, os seus complexos… para alcanzar a terra prometida da auténtica liberdade. Non foi un camiño fácil.

Paradoxalmente, onte e hoxe resulta máis fácil vivir como escravos que gozar como fillos.
Durante a Coresma a Igrexa convídanos a todos a facer esta mesma experiencia. Somos convocados a acoller a graza da liberdade. Así, durante esta corentena de xaxún, os cristiáns podemos recoñecer as nosas ataduras opresoras, as nosas escravitudes que nos impiden crecer para que, abandonándoas, suquemos os camiños da liberdade de sentirnos fillos de Dios. É por iso que a Coresma se converte “no tempo de graza no que o deserto volve ser, como anuncia o profeta Oseas, o lugar do primeiro amor. Deus educa ao seu pobo para que abandone as súas escravitudes e experimente o paso da morte á vida”.

Para facer este itinerario, o Papa convídanos a vivir algunhas actitudes durante este tempo cuaresmal. En primeiro lugar, querer ver a realidade. O Deus no que cremos os cristiáns, e que estamos chamados a experimentar especialmente durante a Coresma, é un Deus que ten sentimentos. Fronte aos ídolos que non oen, nin ven, nin senten, o noso Deus é un Deus que “viu a opresión do seu pobo e oe os seus berros de dor”.

Achegarnos a Deus, a través da oración que durante este tempo ha de ser máis intensa, ábrenos os sentidos. A contemplación de Deus non nos illa, senón que nos aproxima. “Diante da presenza de Deus convertémonos en irmáns e irmás, percibimos aos demais con nova intensidade: en lugar de ameazas e inimigos atopamos compañeiras e compañeiros de viaxe”.

Para o cristián, por tanto, o tempo coresmal é unha oportunidade para a misericordia, para a liberación, para reproducir a actitude samaritana que nos permita ver ao ferido ao bordo do camiño e curarlle das súas feridas montándoo sobre a propia cabalgadura. Tras a corentena coresmal habemos de saír máis sensibles aos sufrimentos do mundo, sen quedar indiferentes nin pasar de longo ante cada persoa. Ese é o sentido da esmola á que tamén se nos convida durante este tempo tan especial. A Coresma, por tanto, ha de axudarnos a transformar o noso corazón de pedra nun corazón de carne e facelo como o do noso Deus: un Deus que sofre con entrañas de nai e que actúa pola liberación.

Pero todo iso, propónsenos experimentalo como Igrexa, en comunidade. É un tempo para decisións comunitarias. Fago miñas as palabras do Papa: “Convido a todas as comunidades cristiás a ofrecer aos seus fieis momentos para reflexionar sobre os estilos de vida, a darse tempo para verificar a súa presenza no barrio e a súa contribución para melloralo”. Nós farémolo como Igrexa diocesana na Festa da Misericordia que celebraremos o vindeiro 9 de marzo.

Oxalá que saboreemos unha Coresma que nos leve á liberdade. Así seremos capaces de xerar a necesaria esperanza que necesita o noso mundo. A esperanza que dá compartir o camiño con persoas libres que experimentaron a liberdade daquel que nos liberou.

O voso irmán e amigo.

+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas