- Mensaxe do bispo de Mondoñedo-Ferrol con motivo da Xornada Mundial dos Pobres 2026
A X Xornada Mundial dos Pobres, que celebramos este domingo, pode ser unha boa ocasión para falar dos pobres e da nosa relación con eles. Foi o papa Francisco, hai dez anos, a quen se lle ocorreu esta feliz celebración. Buscaba, non tanto facer unha reflexión sobre as causas da pobreza e o urxente compromiso pola xustiza ou a iniquidade do noso mundo, senón sobre a nosa relación concreta cos pobres, tanto persoal como eclesialmente.
En efecto, tras a celebración daquel Ano da Misericordia no que desfrutaramos do rostro auténtico de Deus que se fai próximo ás miserias da humanidade, non podiamos quedar á marxe. Tratábase de facer un exame que nos permitise achegarnos ao que é o corazón do Evanxeo que, por iso, se converte en boa noticia para os pobres. Pretendíase, ademais, sentir que os pobres non son soamente destinatarios da nosa axuda, senón portadores dunha riqueza espiritual que a sociedade frecuentemente ignora. Porque, cando acudimos aos pobres non levamos a Deus, atopámonos con Deus que alí ten posta “a súa tenda”.
Buscaba, por tanto, que a fe se purificara de espiritualidades sentimentais afastadas do “tocar a carne” á que nos invita o Evanxeo. Que fora, pola contra, máis auténtica e comprometida e que as comunidades cristiás non se reducisen ao puro asistencialismo ou á promoción necesaria, aliviando o sufrimento e capacitando no seu desenvolvemento: desexaba que os cristiáns nos convertésemos en fogar e espazo onde cada persoa fose recoñecida polo seu nome, escoitada na súa historia e acollida na súa dignidade. Tratábase de entrar en relación, profundar na amizade social, camiñar na senda de “ser amigo dos pobres”. Non se trataba de falar deles, senón de poñerse no lugar deles e escoitalos. Ser así signo visible dun Deus que acolle, levanta, protexe e devolve a dignidade.
O papa León XIV vólvenolo a lembrar con motivo desta xornada. “A Igrexa, se quere ser de Cristo, debe ser a Igrexa das Benaventuranzas, unha Igrexa que fai espazo aos pequenos e camiña pobre cos pobres, un lugar no que os pobres teñen un sitio privilexiado” (Dilexi te, n. 21).
E el mesmo, na mensaxe publicada para a ocasión, fainos unhas preguntas que se converten en exame de conciencia para todos nós: “Somos signo dun Deus que é refuxio para os pobres? Temos conciencia da nosa pobreza e a preferimos á riqueza inxusta? Chegamos ata onde se atopan os pobres, experimentando a súa marxinalidade? Escoitamos os seus pensamentos e compartimos as súas esperanzas? Pronunciamos os seus nomes con tenrura divina? A nosa caridade reactiva e sostén neles o desexo de xustiza e de rescate?”.
Recoñezamos que as pobrezas ao noso redor teñen moitos rostros e son moi diversas. Vivimos nunha sociedade cansa e angustiada, que o Señor quere abrazar. Por iso, non podemos permanecer indiferentes ante o sufrimento. Coa nosa proximidade, sensibilidade e misericordia trátase de trasparentar ao propio Xesús que non só protexe, senón que comparte a pobreza da humanidade ata a cruz. Este é o desexo do papa: “Que eles poidan atopar ao Fillo de Deus, que se fai próximo de todos sen descoidar a ninguén. Que o atopen, ante todo, en quenes se din cristiáns. Na Igrexa, o seu Corpo, é Xesús quen ofrece pan e amizade. A comunidade cristiá non pode permanecer insensible ante tantos que hoxe están á porta e seguen sendo invisibles para quenes permanecen atrapados entre os seus propios muros”.
Que esta Xornada nos axude a converternos en refuxio dos pobres desde a pobreza e a misericordia evanxélica. Ese é o meu desexo para esta Igrexa de Mondoñedo-Ferrol.
O voso irmán e amigo,
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol









Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















