- Mensaxe do obispo de Mondoñedo-Ferrol no 5º aniversario da súa ordenación episcopal e toma de posesión como bispo diocesano
Hoxe hai cinco anos que estou con e para vós. Paréceme unha data redonda para compartir algúns dos sentimentos que me envolven neste día e mirar cara atrás o camiño compartido xuntos. O meu obxectivo é tratar de descubrir a pegada de Deus e o seu paso na sinxeleza de cada día e percibir como El vai facendo historia a través de nós.
O primeiro que xorde no meu corazón é a acción de grazas: “O Señor estivo grande connosco e estamos alegres” (Salmo 126,3). Quero dar grazas a Deus polo agasallo que me fixo de poñerme no voso camiño e entrelazar as nosas vidas no proxecto de amor que El ten para connosco. Sen dúbida, son moitas as probas e os motivos desta acción de grazas. Aínda que a nosa Igrexa de Mondoñedo-Ferrol é humilde e sinxela, con moitas fraxilidades e retos que ben coñecemos, hai moitos elementos pequenos que manifestan a beleza e grandeza desta comunidade de crentes. Talvez, metidos na cotidianeidade de cada día e mesturados cos nosos complexos, somos incapaces de percibilos e descubrilos. É no pequeno e no sinxelo no que Deus vai construíndo o seu Reino! Deus, que se encarnou, escóndese no aparentemente inútil. E é na acollida destas realidades onde podemos acrecentar a nosa necesaria esperanza.
Invítovos a mirar todas esas cousas pequenas que nos fan grandes e, sobre todo, fieis ao proxecto do Señor. Por exemplo, habemos de valorar a entrega servizal, silenciosa e fiel dos sacerdotes da nosa diocese na construción das comunidades; os encontros mensuais destes sacerdotes en Mondoñedo como instrumento de fraternidade, estímulo na misión e cultivo da espiritualidade. Non podemos esquecernos do testemuño de tantas presenzas de comunidades relixiosas, ao longo e ancho da nosa diocese, abrindo as súas igrexas para a oración ou servindo aos máis pobres, especialmente á infancia e familias vulnerables.
Tamén debemos resaltar a enerxía e alegría dos nosos voluntarios, tanto en Cáritas como en Manos Unidas, pastoral da saúde, proxecto de trata e pastoral penitenciaria, sempre pendentes de crear fraternidade; así como os encontros diocesanos onde se palpa a eclesialidade, salpicados ao longo do curso, e que son tan ben acollidos.
Moi especialmente destaco o amor ás súas comunidades cristiás de tantas persoas que as serven desde funcións tan importantes como abrir as igrexas, telas limpas e acolledoras; o cariño dos membros de Campamento Diocesano por ofrecer esta iniciativa tan preciosa; o testemuño de fe de catequistas e outros axentes de pastoral, así como de cristiáns sinxelos; os encontros precedentes e posteriores nos atrios, tras as celebracións litúrxicas, que gastan vida e desexos de encontro; os procesos realizados na formación de adultos, especialmente cos adultos que queren recibir o bautismo, a confirmación ou o matrimonio; en xeral, as celebracións litúrxicas dominicais; o acompañamento aos enfermos, anciáns, familias, etc. Paréceme que habemos de valorar especialmente os esforzos realizados nas UPA por unirnos máis aló das nosas parroquias en comunidades máis amplas e de talla humana, así como as significativas iniciativas de primeiro anuncio para saír das contornas dos “de sempre”.
Non debemos esquecer tampouco a acollida aos peregrinos que pasan pola nosa diocese realizando o Camiño de Santiago e as iniciativas de pastoral xuvenil, nos seus encontros semanais ou extraordinarios, como vontade de querer acompañar a vida dos mozos. Tamén é bo valorar os espazos de relixiosidade popular, ao redor dos nosos santuarios, romarías e confrarías, como oportunidades fermosas de descubrirnos unha Igrexa misericordiosa, acolledora e sensible.
Sen dúbida, cada un de vós poderiades engadir a esta longa lista realidades sinxelas e pequenas que nos descobren a presenza de Deus e a beleza e grandeza desta Igrexa concreta de Mondoñedo-Ferrol. É verdade que non son expresións totalmente puras e limpas, que teñen claroscuros, como todo o que vivimos neste tempo de purificación en camiño á plenitude, pero son os signos elocuentes do Reino entre nós.
Confésovos que estes cinco anos pasáronseme voando. Agradézovos enormemente, tanto a nivel privado como institucional, a vosa acollida, dispoñibilidade e proximidade en todo momento, que me axudaron a querer ser “un galego de Burgos”, como me dixo monseñor Antonio Valín o día da miña ordenación episcopal cando, en calidade de administrador diocesano, dábame a acollida no voso nome. Pídovos perdón tamén polas veces que vos puidese ofender ou escandalizar, ou polas expectativas que puidese defraudar.
Desde o meu desexo de aprender e construír convosco, en permanente fidelidade e con espírito de servizo, quero volver a vista atrás para lembrar procesos que iniciamos e que temos que seguir consolidando. É necesario facelo para que a nosa Igrexa sexa luz e fermento nesta época nova que estamos a procrear. Desde logo que todos estes procesos están edificados sobre os cimentos, o traballo e semente de tantos que nos precederon. Desenvólvoos brevemente en catro palabras.
A primeira palabra é sinodalidade. Sen dúbida, acompañounos estes cinco anos en comuñón coa Igrexa universal. Non é unha simple expresión, é unha forma de ser e edificar a Igrexa desde a “corresponsabilidade diferenciada”. Alégranme enormemente os procesos que iniciamos para o diaconado permanente e para os ministerios laicais: oxalá en cada unidade pastoral xurdan estas persoas que, xunto ao ministerio ordenado, sexan un núcleo estable e formado para a evanxelización. Igualmente miro con esperanza a existencia de equipos nos que, tanto en órganos de goberno, como en comisións de sustentabilidade, de delegacións ou de consellos, axudan a expresar que a nosa Igrexa a construímos e formamos entre todos.
A segunda palabra é evanxelización. Esta é a misión da Igrexa e nela está empeñado o bispo. Ao longo deste tempo puxemos en funcionamento a Escola de Evanxelización como espazo formativo, de encontro, de diálogo, de procura. Sen dúbida, a aposta por este tipo de lugares onde os adultos dialoguemos sobre a vida á luz do Evanxeo é fundamental e necesaria. Habemos de saber dar resposta, con imaxinación e creatividade, pero tamén fomentando a coordinación e a comuñón interparroquial, arciprestal e diocesana, aos desexos de transcendencia que alberga hoxe a nosa sociedade.
Unha terceira palabra estivo no meu horizonte: acompañamento. Xorde da urxencia da comuñón. Recoñezo que non é doado, pero é moi necesario. Acompañar aos presbíteros, especialmente aos máis anciáns, ás persoas que compoñen as delegacións, os arciprestados, as comunidades parroquiais, a vida consagrada, as confrarías. Desde esta clave enténdense a visita pastoral, os nomeamentos en equipos sacerdotais, os encontros co profesorado de Relixión e a educación católica, a reflexión sobre a celebración do domingo e os estatutos da casa sacerdotal, os encontros constantes e permanentes, entre outras cousas.
A última palabra é futuro. Trátase de preparar o futuro: esta é a nosa responsabilidade. Un futuro que esperamos con esperanza desde a constitución do Seminario Interdiocesano e o espertar e acollida de novas vocacións e sacerdotes vindos doutros lugares. Este futuro pasa ineludiblemente por unha maior presenza e participación laical, desde a renovación da iniciación cristiá e a presenza de Acción Católica e outros movementos; un futuro que se asinta desde a experiencia privado do encontro con Xesús e o seu Evanxeo en experiencias de primeiro anuncio e catecumenado. Trátase dun futuro que será esperanza para a nosa sociedade se sabe poñerse en diálogo co mundo, como fixemos na Semana Social e noutros momentos de escoita; un futuro que será evanxélico se se vive sendo sensible á dignidade da persoa, á caridade universal e ás dores do noso mundo en clave de misericordia, como o expresamos coa apertura do piso para persoas reclusas, a existencia dunha Vigairía para a Caridade ou a Mesa de Coordinación de Infancia e Familia; un futuro que se constrúe con estruturas máis acordes aos novos tempos (redución de arciprestados, aprobación de estatutos para cemiterios, Cáritas, Consello de Asuntos Económicos e cabido catedralicio, obras e infraestruturas, Fondo de Sustentación do Clero).
Grazas a todos polo voso testemuño, o voso apoio e cariño, polo camiño compartido e os procesos nos que nos atopamos en marcha. Ás veces podemos sentir o abismo das tormentas desde esta barca eclesial na que navegamos. Unha vez máis, o Señor invítanos a confiar, a ter fe naquel que acompaña o noso camiñar. Ante un novo curso que comeza, todos estamos invitados a participar e colaborar. Esta Igrexa é tamén túa: invítote a seguir construíndoa xuntos para ben do noso mundo. Invítote a coñecela, a amala, a vivila.
Que a Nosa Señora dos Remedios e san Rosendo sigan acompañando o noso camiñar.
O teu irmán e amigo,
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol
[Imaxe de portada: José Mª. Álvez – El Progreso]
Ver esta publicación en Instagram









Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















