- · Mensaxe do bispo de Mondoñedo-Ferro co gallo da solemnidade da Nosa Señora do Carme / Día das Xentes do Mar 2025
Ao achegarse o 16 de xullo, solemnidade da Nosa Señora do Carme, o noso corazón énchese de alegría e gratitude ao contemplar a María como Estrela do Mar e protectora de tantos crentes que a rezan constantemente na tribulación. Especialmente as xentes do mar, un mundo tan diverso e plural, que a mira e implora con devoción singular. Durante estes días non son poucos os lugares da nosa xeografía nos que será procesionada e engalanada nos barcos cos rituais de bendición e pregaria.
María convértese sempre en guía e esperanza. Como os bispos españois dicimos na mensaxe para esta Xornada das Xentes do Mar, “vós, que coñecedes de preto a incerteza das travesías, a forza das mareas e a fraxilidade da vida no mar, sabedes tamén o que significa confiar nunha presenza que acompaña, protexe e sostén”. Así se manifesta nas imaxes que presiden os postos importantes dos vosos barcos, os ritos de entrada e de saída nalgúns dos nosos portos, os nomes que elixides para os vosos fillos, os ritos que aprendestes dos vosos maiores e moitas outras formas de pertenza e devoción. A relixiosidade mariñeira é moi especial e fai que María sexa para vós “faro na noite, estrela que guía aos navegantes, consolo na soidade e fortaleza na dificultades, colo tenro de amparo e compañía na distancia”.
A vida no mar é unha escola de fortaleza, onde se forxan inmensos desafíos. Con profundo agarimo e gratitude, véñenme á memoria os encontros que tiven durante a visita pastoral con mariscadores e confrarías de pescadores. Son moitos os retos no mundo do mar que me contastes e que tedes que afrontar vós e as vosas familias. Retos e desafíos varios que van desde a distancia dos seus seres queridos á dureza física e mental do traballo, a incerteza das condicións meteorolóxicas, as regulacións e os mercados, a precariedade laboral nun sector tan volátil, e o risco inherente a cada xornada. Ás veces, a soidade a bordo e a falta de apoio en tripulacións multiculturais poden facer que a travesía sexa aínda máis pesada. Nestas condicións non son infrecuentes situacións complexas de saúde mental e desarraigamento social. Os problemas agrávanse ante a falta de substitución e as cuestións referidas á xestión responsable dos recursos pesqueiros e naturais para o coidado da casa común. Ante todas estas cuestións temos que estar atentos toda a sociedade, especialmente as administracións públicas. Tamén como Igrexa queremos vivilos convosco, acompañalos e iluminalos.
E no medio destas realidades complexas, a devoción á Virxe do Carmen non é unha simple tradición, senón un auténtico refuxio. Para as xentes do mar, ela é o faro que disipa a escuridade, a presenza maternal que acompaña na tempestade e a intercesora poderosa ante Deus. A Virxe do Carmen é a súa Estrela do Mar, a que lles dá un sentido de orientación cando todo parece incerto. Nela atopan non só protección, senón tamén un exemplo de fe inquebrantable que lles anima a perseverar. Ela, que estivo ao pé da cruz, acolle a vosa dor e ábrenos á esperanza.
Gustaríame animarvos neste día para renovar especialmente esta virtude. Se hai unha que adorna ao mariñeiro é a esperanza de voltar a terra firme. Que tamén nós cultivemos e non perdamos a “esperanza que non defrauda” e da que está tan necesitado o noso mundo. A esperanza de sabernos sempre en travesía cara a unha meta, con María ao noso lado.
Sexamos tamén portadores de esperanza para todos, especialmente ás xentes do mar. O seu traballo é vital para a nosa sociedade, e o seu esforzo merece o noso recoñecemento e apoio. As nosas oracións e as nosas accións concretas de solidariedade poden ser ese sopro de esperanza que necesitan para continuar a súa travesía. Nese sentido, gustaríame que a presenza dun futuro centro “Stella Maris” na nosa diocese, promovido pola delegación de Pastoral do Mar, con voluntariado e axentes preparados, sexa signo concreto de esperanza para as xentes do mar, mostrando unha Igrexa que acolle e se preocupa polas necesidades de toda persoa e contribúe así á acollida, escoita e evanxelización.
Parabéns nesta festa da Virxe do Carmen. Que a devoción á nosa Nai nos impulse a unha esperanza activa, que se traduza en amor fraterno e na construción dun mundo máis xusto e solidario.
O voso irmán e amigo,
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol








Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















