- Mensaxe do bispo de Mondoñedo-Ferrol con motivo do Día do Mundo Rural 2026
O 15 de maio celebramos a san Cidre, o humilde labrego madrileño, patrón dos agricultores. A tradición sempre o representa coa seu xugo de bois, en actitude orante e contemplativa. Xunto á súa esposa, santa María da Cabeza, conformou unha familia cristiá que, nos albores do século XII, soubo gañarse o pan co seu traballo, unindo o coidado das súas terras cunha confianza inquebrantable no Señor.
Talvez os homes e mulleres do campo representan mellor que ninguén esa dobre dimensión que todos debemos cultivar: o coidado da terra, da “casa común” na que vivimos, que xenerosamente nos sostén, e o coidado dese sentido transcendente da vida. Os bens materiais son necesarios, pero non son o único que existe; os bens materiais son froito dun esforzo e traballo privado e comunitario, pero non son o único que nos alimenta. Como nos lembra o Evanxeo, o ser humano necesita de Alguén que dea sentido e acompañe o noso camiñar.
Esta festa de San Cidre é unha ocasión para mirar o mundo da aldea, o mundo rural que configura tanto a nosa diocese mindoniense. Xeograficamente somos unha comunidade rural, aínda que a poboación se concentre nas cidades e vilas máis importantes. Con todo, os ritmos da agricultura e a gandería seguen marcando o corazón e a cultura de moitos dos nosos concidadáns.
Hoxe son moitas as problemáticas que atravesan o mundo rural. Durante este ano, na visita pastoral, puiden compartilas, coñecelas de cerca, profundar nas vosas inquietudes, percibir a transformación que se está producindo. O envellecemento e a diminución da poboación son as máis evidentes, acompañado dunha crecente poboación migrante. A falta de perspectivas laborais para os máis novos complica o futuro. A iso contribúe unha cultura fortemente urbana, que idealiza o consumo e o éxito lonxe do campo. Tampouco favorece a política, demasiado condicionada polo voto das maiorías que non está no rural, que descoida as infraestruturas e servizos públicos. As políticas agrarias, a complexidade administrativa que burocratiza e complica tantas cousas, o Mercosur e outras realidades estruturais non favorecen saídas con esperanza. A iso únense proxectos dubidosamente ecolóxicos e sostibles que, baixo falsas promesas de postos de traballo, ameazan a harmonía dos habitantes do rural.
Fronte a este escenario, é imprescindible reivindicar a forza, a riqueza e a importancia que segue tendo hoxe o mundo rural na nosa sociedade. Certo que hai que mirar cara a fóra, porque moito do noso depende de fóra, pero sen esquecer as nosas responsabilidades e as potencialidades que temos desde abaixo, desde nós mesmos, desde a nosa propia identidade para avanzar no noso desenvolvemento. Temos valores que son auténticos tesouros: o hábito de traballo duro e sacrificado; a forza da familia, da muller e da comunidade; o contacto cos ritmos da terra, que nos dan acougo e paz; as tradicións que marcan a nosa cultura; a cultura do coidado que tanto nos pertence; o medio ambiente que hoxe é un valor en alza; a riqueza paisaxística e tradicional das nosas contornas máis inmediatas; a sabedoría das súas xentes e a acollida, especialmente dos máis maiores; a forza das asociacións que velan polos nosos espazos comunitarios… Non permitamos que se perda esta forza que reside en nós mesmos.
Tamén no ámbito relixioso está a producirse unha forte transformación. Hoxe o relixioso xa non marca tanto os ritmos como noutro tempo. A escaseza de sacerdotes dificulta moito os encontros comunitarios. A secularización e a ausencia de mozos desafíannos. É momento de repensar e reorganizar a nosa vida cristiá nas nosas parroquias para que sexa máis viva, aliméntenos e sexa capaz de contaxiar. Tamén aquí hai moitas potencialidades que debemos cultivar e valorar: a sinxeleza, a sobriedade e o valor do pequeno; a valoración e o coidado do propio; as vidas entregadas de moitas persoas (sancristáns, celebrantes da Palabra, campaneiros, xentes sinxelas que abren, coidan e limpan os nosos templos); o testemuño dos nosos sacerdotes; a forza da tradición…
O noso mundo rural é marabilloso e non o podemos perder. Tampouco podemos mirar constantemente o pasado, senón procrear un novo futuro que xa está a xurdir. Entre todos habemos de coidalo e enchelo de vida. Este é o compromiso firme da nosa Igrexa diocesana.
O voso irmán e amigo,
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol








Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.



















