E ti... por que non?

  • Mensaxe do bispo de Mondoñedo-Ferrol co gallo do Día do Seminario 2026

Coa festa de San Xosé, a Igrexa convídanos a expornos o tema da vocación sacerdotal como un horizonte fascinante de vida. Pode resultar contracorrente que isto se propoña nunha sociedade secularizada, onde o referente relixioso perdeu a presenza e a forza que quizais noutro tempo puido ter. E, con todo, non deixa de ser un camiño, unha chamada, que o corazón inquieto dun mozo pode abrazar como proxecto de futuro.

Moitos falan hoxe dun retorno ao relixioso, tamén entre os mozos. Quizais non sexa un fenómeno masivo, pero é real: a fe exponse hoxe de forma nova e distinta a como era hai unhas décadas. Moitos mozos, desencantados con promesas baleiras dun progreso e liberdade sen alma, buscan de maneira nova respostas aos seus interrogantes máis profundos. Hai tamén quenes, carentes de toda experiencia relixiosa, descobren a fe como un horizonte novo e magnético, sen explorar, cargado do atractivo que iso conleva. Non faltan tampouco os que miran e admiran a radicalidade e a autenticidade de vidas entregadas, felices, vividas desde un ideal e unha proposta de plenitude. E existen os que perciben que a fidelidade ao bo da tradición axúdanos a sosternos en tempos de tormenta, de cambio e de turbación.

Aquí nace a procura vocacional. Por que ti non? Toda vocación ao sacerdocio é unha chamada que, en último termo, vén de Deus. Sérvese para iso de persoas, acontecementos, circunstancias, desexos que che fan buscar, preguntar, saír da comodidade, interrogarte. Froito desa procura é o inicio dun camiño que se fai sempre acompañado por alguén que che axuda a discernir e a albiscar as luces que te atopas. Nese percorrido, o Seminario é a institución da que a Igrexa se dotou para xerar un clima propicio para a liberdade, a profundidade, o silencio, o estudo, a oración. Nese clima, en comunidade, o seminarista que busca, discierne a súa realidade e as capacidades propias para poder continuar con garantías o camiño.

A Igrexa hoxe exponnos a urxencia de fomentar unha cultura vocacional que suscite constantemente a pregunta sobre o sentido da miña vida, o lugar da miña existencia, a proposta de plenitude para a vida. Trátase de descifrar o soño de Deus para coa miña vida, o que son e estou chamado a ser. Exposta así a existencia, esta cobra máis sentido e eleva o seu horizonte vital. Todos temos unha misión, todos somos misión. Requírese para iso capacidade de escoita, de procura, de desexo.

Neste horizonte, a vocación sacerdotal é sempre un misterio. A nosa diocese de Mondoñedo-Ferrol ten na actualidade cinco seminaristas. Non son unha cifra, senón signos visibles e concretos de que Deus segue chamando hoxe. Convértense nunha esperanza real para as nosas comunidades. Sen dúbida, eles son un magnífico agasallo para a nosa Igrexa e, estou seguro, tamén para a nosa sociedade. Porque a súa vida sitúase no desexo de ser vivida sempre para os demais.

Así se entende a figura do sacerdote: como aquel que desexa ser ponte nunha sociedade fracturada e ensimesmada. A súa identidade reside en abrirnos ao horizonte de Deus que quere atoparse e camiñar connosco. A súa tarefa consiste en xerar, como bo pai, comunidade de sentido que nos acompañe e axude a crecer. Por iso, o sacerdote é amigo, confidente, acompañante da vida persoal e comunitaria. É tamén referente que nos axuda a descubrir a Xesús, o modelo sempre de humanidade.

Nun mundo que a miúdo nos convida a vivir para nós mesmos, o sacerdote atrévese a vivir para algo máis grande. Non é un camiño para superheroes, senón para homes valentes que confían en que Deus non quita nada e dáo todo. Se sentes que o teu corazón latexa con este desexo de entrega, se buscas unha vida con propósito… por que ti non? Deixa as túas redes e ponte en camiño.

O voso irmán e amigo,

+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas