Non sei se coincidiredes comigo en sinalar que a raíz da situación de moitos fenómenos que estamos a vivir sitúase na dificultade para enfrontalos desde unha clave diferente que o renova todo e que chamamos o ben común. Os bispos españois publicabamos recentemente un documento titulado “O Deus fiel mantén a súa Alianza”, que indica precisamente esta tese. Quizais sería bo reflexionalo e comprometernos na construción dese necesario ben común que nos axuda e edifica persoal e socialmente.
Esta dificultade por afrontar este reto aparece claramente nos debates políticos cando somos incapaces de asumir pactos de Estado que superen a polarización ideolóxica que nos atenaza. As reivindicacións nacionalistas de calquera índole poden chegar a ser, en moitas ocasións, procuras dun ben particular afastado doutros intereses. A carencia dun pacto educativo global é unha evidencia do pouco compromiso na procura do ben común dos nosos nenos e mozos. O mesmo sucede con outras cuestións que nos preocupan como sociedade, como son a natalidade, a España baleirada, a sanidade, a vivenda…
O tema non é livián. Creo que teriamos que reflexionar seriamente e prestar atención porque, como dicimos os bispos, “cando a democracia se asenta na aceptación do relativismo, a soa xestión de intereses e a permanente referencia á ideoloxía dos dereitos individuais por perder a referencia ao ben común, a democracia mesma abona a súa propia crise”.
E é que, detrás de moitas leis, hai unha renuncia á procura do ben común para satisfacer intereses xerais ou ideolóxicos que non sempre coinciden co bo para todos e cada un. Quizais esta práctica política aséntase en que, tamén a título persoal, abandonamos esa procura do bo socialmente para xulgalo todo desde intereses particulares, curtopracistas, que benefician ao propio grupo ou sector social. E é que a loita polos dereitos humanos, que son a concreción tradicional que expresa adecuadamente unha sociedade construída sobre o ben común, non pode ser interpretada correctamente se non é recoñecendo a dimensión social deses mesmos dereitos. As consecuencias vémolas na violencia de xénero, na situación dos maiores, nos discursos sobre migración, na construción do estado social, na reivindicación dunha morte digna, no aborto…
O mesmo sucede nos ámbitos económicos, onde tamén os modelos económicos se constrúen desde o único interese económico que elude a construción dunha sociedade boa para a persoa, para todas as persoas. O diñeiro impón as súas leis e anteponse ao coidado e o desenvolvemento do ser humano e a súa dimensión social connatural. Cambiamos o obxectivo económico, a verdade sobre o fin da economía. Iso ten as súas derivacións negativas no ámbito do traballo digno, na renuncia ao coidado da casa común, na implicación da dimensión familiar nas políticas laborais e sociais, na defensa dos dereitos dos traballadores, na responsabilidade social corporativa, na fiscalidade…
Quizais non aprendemos suficientemente o que significou a situación vivida durante a pandemia, onde percibimos que estamos vinculados realmente nun único destino e nunha única sorte, asentados na común natureza humana. Porque non podemos vivir á marxe dos demais, non podemos consentir que a cultura da desvinculación nos desintegre como sociedade e nos reduza a individuos. O ser humano é máis que individualidade.
Por iso, habemos de ser capaces de recuperar a fecundidade que posúe o ben común como principio central sobre o que edificarnos. Xuntos podemos e debemos comprometernos na procura desas condicións de vida que fagan posible un desenvolvemento máis pleno e feliz da propia perfección. Condicións que nunca poden ser identificadas plenamente, que necesitan un proceso lento de discernimento permanente e colectivo e que se fundamentan no amor. O amor que se define como o firme desexo de procurar o ben do amado e que é a base do ben común. Nesa construción quere empeñarse a Igrexa, facendo corpo con todas as persoas e grupos que fagan do ben común un lugar de discernimento e de práctica social, e a iso convoco a todos os cristiáns da nosa diocese de Mondoñedo-Ferrol.
O voso irmán e amigo.







Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















