- O acto celebrarase o martes 24 de novembro no Hotel Oca-Porta do Camiño de Santiago de Compostela
- A educación, o acompañamento ás persoas enfermas e a vida das comunidades rurais centrarán un encontro que dará protagonismo ás experiencias persoais
As dioceses de Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Mondoñedo-Ferrol e Tui-Vigo presentarán o vindeiro martes, 24 de novembro, a súa Memoria de Actividades correspondente ao ano 2025. O encontro terá lugar ás 11:00 horas no Hotel Oca-Porta do Camiño de Santiago de Compostela.
A Iglexa galega celebrará este acto conxunto para dar a coñecer a súa vida e a súa misión, explicar o destino dos recursos que recibe e agradecer a colaboración de quen sostén as súas comunidades, nunha edición na que se dará prioridade ás historias persoais.
A Memoria preséntase como un exercicio de transparencia e unha invitación para coñecer máis de cerca a presenza da Igrexa na sociedade galega.
Tres preguntas para achegarse á vida da Igrexa
A xornalista Paula Pájaro conducirá o acto, que se organizará ao redor de tres preguntas: «Como anunciamos hoxe a Xesucristo?», «Como facemos presente o amor de Cristo xunto a quen máis sofren?» e «Como construímos unha Igrexa que sexa comunidade e xere esperanza?». Cada bloque abrirase cun vídeo que recollerá fragmentos de discursos pronunciados polo papa León XIV durante a súa visita a España e dará paso aos testemuños dos protagonistas. A artista Icía Varela encargarase do apartado musical.
O primeiro bloque abordará a transmisión da fe e a achega da educación católica ás familias e á sociedade. Participarán Gadea González, moza voluntaria da Pastoral Universitaria de Santiago de Compostela; Manuel Constenla, director do colexio diocesano María Inmaculada de Silleda; e Francisco Barros, representante de Escolas Católicas.
Acompañar a enfermidade e o sufrimento
O servizo relixioso hospitalario centrará o segundo bloque, coas intervencións de María Dolores Mascaro, voluntaria de Pastoral da Saúde de Mondoñedo-Ferrol, e Francisco Javier Puente, director da área Sanitaria de Vigo. Ambos achegarán as súas perspectivas sobre o acompañamento espiritual aos enfermos e a colaboración entre o servizo relixioso, o voluntariado e os profesionais sanitarios.
Comunidades vivas no medio rural
O terceiro bloque deterase na vida parroquial e na implicación dos laicos para soster as comunidades rurais, nun territorio como é o galego, marcado pola dispersión e o envellecemento. Compartirán a súa experiencia Jesús Fernando Ramos, párroco da Unidade Pastoral Virxe do Carme de Tordoia-Cerceda, e Isidoro Fernández, fregués de San Miguel de Calvelle, na Diocese de Ourense.
Unha mirada compartida cara ao Ano Santo 2027
O tramo final do acto estará dedicado ao Ano Santo Compostelán de 2027. Unha breve entrevista ao arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto, e a proxección dun vídeo promocional achegarán o horizonte desta celebración e a acollida que a Igrexa quere ofrecer aos peregrinos.
O bispo de Ourense, monseñor Leonardo Lemos, clausurará o encontro en representación dos bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago.









Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















