As cinco dioceses galegas poñerán nome e rostro ao seu labor na presentación da Memoria de Actividades 2025

  • O acto celebrarase o martes 24 de novembro no Hotel Oca-Porta do Camiño de Santiago de Compostela
  • A educación, o acompañamento ás persoas enfermas e a vida das comunidades rurais centrarán un encontro que dará protagonismo ás experiencias persoais

As dioceses de Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Mondoñedo-Ferrol e Tui-Vigo presentarán o vindeiro martes, 24 de novembro, a súa Memoria de Actividades correspondente ao ano 2025. O encontro terá lugar ás 11:00 horas no Hotel Oca-Porta do Camiño de Santiago de Compostela.

A Iglexa galega celebrará este acto conxunto para dar a coñecer a súa vida e a súa misión, explicar o destino dos recursos que recibe e agradecer a colaboración de quen sostén as súas comunidades, nunha edición na que se dará prioridade ás historias persoais.

A Memoria preséntase como un exercicio de transparencia e unha invitación para coñecer máis de cerca a presenza da Igrexa na sociedade galega.


Tres preguntas para achegarse á vida da Igrexa

A xornalista Paula Pájaro conducirá o acto, que se organizará ao redor de tres preguntas: «Como anunciamos hoxe a Xesucristo?», «Como facemos presente o amor de Cristo xunto a quen máis sofren?» e «Como construímos unha Igrexa que sexa comunidade e xere esperanza?». Cada bloque abrirase cun vídeo que recollerá fragmentos de discursos pronunciados polo papa León XIV durante a súa visita a España e dará paso aos testemuños dos protagonistas. A artista Icía Varela encargarase do apartado musical.

O primeiro bloque abordará a transmisión da fe e a achega da educación católica ás familias e á sociedade. Participarán Gadea González, moza voluntaria da Pastoral Universitaria de Santiago de Compostela; Manuel Constenla, director do colexio diocesano María Inmaculada de Silleda; e Francisco Barros, representante de Escolas Católicas.


Acompañar a enfermidade e o sufrimento

O servizo relixioso hospitalario centrará o segundo bloque, coas intervencións de María Dolores Mascaro, voluntaria de Pastoral da Saúde de Mondoñedo-Ferrol, e Francisco Javier Puente, director da área Sanitaria de Vigo. Ambos achegarán as súas perspectivas sobre o acompañamento espiritual aos enfermos e a colaboración entre o servizo relixioso, o voluntariado e os profesionais sanitarios.


Comunidades vivas no medio rural

O terceiro bloque deterase na vida parroquial e na implicación dos laicos para soster as comunidades rurais, nun territorio como é o galego, marcado pola dispersión e o envellecemento. Compartirán a súa experiencia Jesús Fernando Ramos, párroco da Unidade Pastoral Virxe do Carme de Tordoia-Cerceda, e Isidoro Fernández, fregués de San Miguel de Calvelle, na Diocese de Ourense.


Unha mirada compartida cara ao Ano Santo 2027

O tramo final do acto estará dedicado ao Ano Santo Compostelán de 2027. Unha breve entrevista ao arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto, e a proxección dun vídeo promocional achegarán o horizonte desta celebración e a acollida que a Igrexa quere ofrecer aos peregrinos.

O bispo de Ourense, monseñor Leonardo Lemos, clausurará o encontro en representación dos bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago.

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas