Deus conta contigo

  • Mensaxe do bispo de Mondoñedo-Ferrol con motivo do Día da Igrexa Diocesana 2026

No marco do Día da Igrexa Diocesana invítasenos a revisar o noso sentido de pertenza para coa nosa comunidade cristiá. Formamos parte de moitos grupos e realidades que van configurando a nosa propia identidade. Desde o propio país, aos propios sentimentos máis próximos provocados por afeccións, intereses, gustos… O ser humano necesita cultivar a súa dimensión de pertenza que lle permite crecer e desenvolverse persoalmente, que lle proxecta cara ao futuro, que lle posibilita o encontro con outros semellantes, que lle axuda na súa necesidade de relación.

Sen dúbida todos sentimos algunha vez a tristeza do illamento e o rexeitamento. E, pola contra, a alegría de que alguén pense en nós e nos invite a colaborar na súa propia obra. Neste caso, sentímonos importantes, necesarios, descubrimos que alguén conta connosco. Pois ben, Deus conta contigo: El quéreche vincular con outros nun proxecto que cambia a vida e chea de esperanza e amor o teu corazón e o corazón do mundo.

A Igrexa é esa comunidade de crentes que nos vincula a todos os que seguimos a Xesús, aos que queremos vivir o proxecto do Reino nos nosos días. Non é unha comunidade etérea, senón un grupo concreto de homes e mulleres que necesitan atoparse para animarse, celebrar, comprometerse no mundo, mostrarse como luz e sal. Somos moitos os que estamos ilusionados e esperanzados desde o Evanxeo. Somos moitos os que, unidos e traballando xuntos, podemos facer realidade os valores de Xesús. Somos moitos os que fomos enfeitizados pola invitación de Cristo a seguir cumprindo a súa misión.

A recente viaxe do papa León XIV a España demostróunolo: sentimos, nos encontros e nas rúas, a alegría de vincularnos ao redor dun mesmo amor e misión de Deus. Os cristiáns descubrimos a pertenza a un todo maior que nos fortalece e anima.

Pertencer á Igrexa hanos de encher de orgullo pola súa inmensa obra ao longo dos séculos e tamén no tempo presente. Pertencer á Igrexa hanos de levar a coñecela, amala e valorar o que facer e serve. Pero pertencer á Igrexa débenos interrogar sobre como podemos ser nós hoxe construtores corresponsables na misión. A Igrexa, á que pertencemos, facémola entre todos; e todos somos imprescindibles. Hai moitas tarefas e compromisos nela. Hai moitos lugares que ocupar. Hai moitas accións nas que participar. Hai moitos plans nos que implicarnos xuntos. Tamén entre todos debemos financiar os seus proxectos e accións.

Nesta revista atoparás unha pequena memoria da nosa Igrexa diocesana de Mondoñedo-Ferrol, esta Igrexa que se realiza nesta terra concreta e neste tempo que vivimos. Son números, pero sobre todo son persoas que expresan o orgullo de ser invitados por Deus a traballar con El e para El na única misión de Cristo. Unha misión que se fai caridade, esperanza, festa, celebración, proxecto de xustiza… Invítote a unirche e a vincularte connosco.

O voso irmán e amigo,

+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas