- Mensaxe do bispo de Mondoñedo-Ferrol con motivo do inicio do tempo de Advento
O ambiente empeza xa a transformarse nestes días. Os adornos do Nadal comezan a copar as principais rúas das nosas cidades, os escaparates engalánanse para atraer o consumo e os anuncios comerciais envólvense de reclamos cálidos e sentimentais. O Nadal chama, un ano máis, ás portas.
O mundo ten o seu xeito de preparar o Nadal. A pedagoxía da Igrexa é ben distinta. Antes do acontecemento, exhórtasenos a desexalo, a esperalo e a preparalo para vivilo en profundidade. Talvez o noso tempo de présas e de inmediatez, onde todo se quere ao instante e sen esforzo, atrofiou a nosa capacidade de agardar e de ter esperanza. E, por iso, o Nadal corre o risco de perder o seu sabor, o seu sentido e o seu misterio.
O Advento, en cambio, edúcanos na arte paciente da espera. Non é unha paréntese baleira nin unha simple antesala das festas: é un tempo de xestación. Como a terra no inverno garda en silencio a semente ata que brota, así o crente aprende a confiar en que Deus xa está a actuar no escondido, malia que os nosos ollos aínda non vexan o froito.
Para iso son estas catro semanas: para axudarnos tamén a nós a provocar un nacemento, formulándonos preguntas profundas. Ti, que esperas? Mellor aínda: a quen esperas? Tes un corazón que desexa algo grande ou un corazón adormentado? Conserva a inquietude polo esencial ou está sufocado polo material e a satisfacción inmediata? Desexas deixarte salvar e recibir unha vida nova que Alguén pode e quere regalarche?
No Advento ensánchasenos a mirada, o horizonte, a meta, o sentido. A nosa vida ten un fin e Alguén que ao final a encherá de plenitude. Por iso, espértasenos á esperanza, a virtude que abre ao ser humano a horizontes de plenitude. No medio de tantas incertezas, a esperanza que Deus regala nos sostén e nos permite camiñar ergueitos nun mundo complexo.
No Advento sándasenos tamén a memoria, pois miramos cara atrás e admiramos a chegada daquel que cambiou a historia e a habita desde dentro. Por iso invítasenos a descubrir como estamos, que necesitamos e que buscamos. Co anhelo do pobo de Israel e dos profetas, recoñecemos a nosa fraxilidade e clamamos para que o Señor veña a darnos vida. Urxe prepararmos os camiños ao Señor que vén: entrar no noso interior, limpar o que nos dana e abrirnos á novidade coa que Deus sempre recrea a nosa existencia.
No Advento úrxesenos á vixilancia e á escoita para estar espertos e atentos ao paso de Deus que camiña xunto a nós. Neste tempo chámasenos a ensanchar a mirada para descubrir o rostro de Cristo en quen agarda sen esperanza. Preparar o Nadal non pode quedar nun exercicio intimista, e moito menos consumista; esixe saír ao encontro dos que viven na soidade, a precariedade ou o descarte. Quen espera de verdade ao Señor na pobreza de Belén aprende a recoñecelo hoxe nos máis vulnerables das nosas rúas e comunidades.
Invítovos a vivir este tempo con intensidade. Busquemos cada día uns minutos de silencio, abramos o Evanxeo para que a súa Palabra ilumine as nosas rutinas e acheguémonos ao sacramento da Reconciliación para alixeirar a equipaxe do corazón. Desarmemos tamén as nosas palabras para sementar fraternidade; antes de falar, fagámonos tres preguntas sinxelas que preparan novos camiños: É verdade? É necesario? É amable?
Que o Señor, que vén ao noso encontro, nos atope espertos, vixiantes e cheos de alegría. Feliz e santo tempo de Advento para todos.
O voso irmán e amigo,
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol









Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















