As dioceses galegas ofrecen unha visión conxunta da súa misión, presenza social e xestión de recursos

  • Presentada en Santiago a Memoria de Actividades da Igrexa en Galicia, un exercicio de transparencia e unha radiografía da súa presenza na sociedade

As dioceses de Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Mondoñedo-Ferrol e Tui-Vigo presentaron este martes a súa Memoria de Actividades correspondente ao ano 2025, nun acto desenvolvido no Hotel Oca-Porta do Camiño de Santiago de Compostela. O encontro, que alcanza este ano a súa terceira edición, permitiu dar a coñecer o traballo que as comunidades cristiás desenvolven no territorio galego, explicar con claridade o destino dos recursos recibidos e agradecer a colaboración de quenes sosteñen a misión da Igrexa.

Ao acto asistiron, ademáis dos bispos de provincia eclesiástica— monseñor Francisco José Prieto, de Santiago de Compostela; monseñor Alfonso Carrasco, de Lugo; monseñor Leonardo Lemos, de Ourense; monseñor Fernando García, de Mondoñedo-Ferrol; e monseñor Antonio Valín, de Tui-Vigo—, numerosas autoridades eclesiais, académicas, militares e civís, así como profesionais dos medios de comunicación.

A redactora xefa de COPE Galicia, Paula Pájaro, foi a encargada de conducir o acto e o apartado musical foi interpretado pola artista Icía Varela, quen estivo acompañada por Juanjo Fernández e Elena Domínguez.

Por parte da Diocese de Mondoñedo-Ferrol, a delegación estivo composta, xunto co bispo, polo ecónomo diocesano, Xoán Xosé Fernández; a directora de Cáritas, María Victoria González; os delegados de Pastoral da Saúde, José Luis Fernández, e Peregrinacións e Camiño de Santiago, Chema Pérez; o responsable da Comisión PROTEXE, Jesús Iglesias; a responsable diocesana de Acción Católica General, Luzma Pousa; o presidente da Xunta de Confraría da Semana Santa de Viveiro, José Veiga, xunto con responsables de la Real Confraría da Nosa Señora de Valdeflores de Viveiro; e membros das comunidades relixiosas das Hijas del Divino Celo, Hijas de la Virgen de los Dolores e Misioneras de Acción Parroquial. En representación dos ámbitos académico, militar e civil, asistiron a vicerreitora do Campus Industrial de Ferrol (UDC), Ana Isabel Ares; a directora da Cátedra Diocese-Universidade da Coruña, Rocío Ameneiros; o xefe do Órgano de Xefatura do Arsenal Militar de Ferrol, Manuel Aguirre. Do ámbito comunicativo, acompañaron ao equipo diocesano de comunicación os directores das emisoras de COPE Ferrol/COPE Ribadeo, Javier Molleda, e de COPE Galicia-Asturias, Daniel Otero.

Representación da Diocese de Mondoñedo-Ferrol


A achega da educación católica e a pastoral xuvenil

En canto ao desenvolvemento do acto, que se dividiu en tres apartados temáticos, o primeiro estivo dedicado á transmisión da fe e á achega da educación católica ás familias e á sociedade. Nel interviron Gadea González, voluntaria da Pastoral Universitaria de Santiago de Compostela; Manuel Constenla, director do colexio diocesano María Inmaculada de Silleda; e Francisco Barros, representante de Escolas Católicas.

Os tres interlocutores destacaron que a fe se transmite de xeito máis eficaz cando se vive e se comparte en comunidade. Gadea González louvou o papel da pastoral universitaria e xuvenil no acompañamento dos mozos, subliñando que “a fe non se vive en solitario, senón cos demais”. Manuel Constenla defendeu que educar supón “acompañar o alumnado no seu desenvolvemento humano e espiritual, presentando a Xesús como unha presenza cercana que camiña no día a día”. Pola súa banda, Francisco Barros, puxo en valor a función social da escola católica galega, que garante o dereito a educar en valores e nos fundamentos do humanismo e do Reino de Deus, e subliñou que “detrás dos números hai persoas”, defendendo o carácter universal da escola concertada.


O acompañamento aos enfermos nos centros hospitalarios

O segundo bloque centrouse no acompañamento ás persoas enfermas nos hospitais, e contou coas intervencións de María Dolores Mascaró, voluntaria de Pastoral da Saúde de Mondoñedo-Ferrol, e José Antonio Campos, médico psiquiatra no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

María Dolores e José Antonio coincidiron en que este labor busca facer presente o amor de Cristo entre os que máis sofren, contribuír a humanizar a atención sanitaria e reafirmar a dignidade da persoa. Mascaró subliñou a importancia de sentirse arroupado nos momentos de fraxilidade e de despedida, agradecendo ás familias que acollen a proximidade do voluntariado e dos capeláns, que levan a Xesús e a súa luz a quenes afrontan a enfermidade. Campos, pola súa banda, defendeu que a morte é un momento de máxima dignidade humana e que é necesario que esa mirada estea presente nos hospitais.


A realidade das parroquias no rural

A vida parroquial e o papel dos laicos no sostemento das comunidades rurais centraron o terceiro bloque. Nun territorio marcado pola dispersión poboacional e o envellecemento, compartiron a súa experiencia Jesús Fernando Ramos, párroco da Unidade Pastoral Virxe do Carme de Tordoia-Cerceda, e Isidoro Fernández, fregués de San Miguel de Calvelle, na Diocese de Ourense.

Ambos coincidiron en presentar a parroquia como un lugar de encontro, de loita contra a soedade e de pertenza. Jesús F. Ramos subliñou que, aínda que o sacerdote é o punto de conexión, a unidade da comunidade conséguese entre todos. Isidoro Fernández, na súa intervención, defendeu que nas vilas e aldeas pequenas “con unidade, ilusión e diálogo conséguese todo”.


O Xacobeo 2027

O encontro pechouse cunha referencia ao próximo Ano Santo Compostelán, que se celebrará no 2027 baixo o lema «Ao veren a estrela enchéronse dunha inmensa alegría»: dunha parte, cunha breve intervención do arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto; doutra coa proxección do vídeo promocional do Xacobeo 2027.

O arcebispo destacou o traballo conxunto das cinco dioceses galegas na preparación do Ano Santo. Segundo sinalou, trátase de “dispoñerse a vivir a hospitalidade, algo que define a alma galega e a alma das comunidades e parroquias que reciben aos peregrinos”, afirmando que “todas están xa preparadas para esta acollida”. Monseñor Prieto lembrou tamén que “Santiago segue esperando a Pedro” (en referencia á posible visita do papa León XIV), unha esperanza que, nas súas palabras, “pasiño a pasiño vai tomando forma”.


Todo o que estamos a facer xuntos

O bispo de Ourense, monseñor Leonardo Lemos, clausurou o acto en representación dos bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago, agradecendo a organización deste “festival da memoria” e a todas as persoas que fixeron posible a súa celebración. Recordou que esta terceira edición se celebra de xeito conxunto porque “é moito o que nos convoca a toda a Igrexa en Galicia”, e agradeceu aos medios de comunicación o seu labor por facer chegar “a vida da Igrexa a tanta xente”. Para rematar, monseñor Lemos definiu o documento da Memoria como “unha expresión sinxela, pero moi significativa de todo o que estamos a facer xuntos”.

DESCARGA Memoria de Actividades da Igrexa en Galicia 2025 (PDF)

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas