Celebramos este domingo o Día do DOMUND. Un día que a Igrexa nos regala para tomar conciencia da dimensión misioneira esencial que conleva a nosa vocación bautismal e o noso ser eclesial. Tamén hoxe seguimos escoitando o mandato de Xesús: “Ide ao mundo enteiro”.
Ese imperativo e ese destino, nunca alcanzados suficientemente, ecoan permanentemente no noso corazón. Estamos chamados a saír: a saír de nós e das nosas seguridades, a saír das nosas comunidades e dos nosos templos, a saír dos nosos territorios xeográficos e existenciais… Somos enviados polo Señor. O noso destino? O mundo enteiro na súa vasta extensión: o mundo xeográfico certamente, acudindo a lugares e recunchos onde o evanxeo aínda non foi escoitado nin proclamado. Pero tamén ao mundo existencial, quizais máis próximo a nós e sempre cambiante e novo, que necesita ser transformado: o mundo dos mozos, o mundo do lecer e o tempo libre, o mundo da sexualidade e o amor, o mundo da exclusión e das periferias existenciais, o mundo da soidade, o mundo da economía e as finanzas, o mundo do traballo, o mundo da política e o ben común, o mundo da cultura…
Para cumprir este mandato e poder chegar a este destino o Señor necesita brazos, mans, corazóns, persoas entregadas… O noso Deus é un Deus que che necesita: a súa acción realízase sempre a través de mediacións, de interlocutores que o achegan e visibilizan no hoxe que vivimos. Un Deus tan grande e un Deus tan pequeno que se achega á túa vida, esténdeche a súa man e solicítache a súa axuda.
Esta é a chamada que escoitaron esas persoas que chamamos hoxe “misioneiros”. Da nosa diocese de Mondoñedo-Ferrol son actualmente quince as mulleres e homes que, nacidos nas nosas parroquias, descubriron a grandeza de entregarse a unha misión que enche de alegría e de sentido as súas vidas. Eles están, enviados por nós, en lugares tan diversos como Venezuela, Tailandia, Mozambique ou Australia. Como sacerdotes, relixiosos e laicos, descubriron a grandeza da misión. E coa súa presenza e quefacer son tamén motivo de esperanza e gozo para as comunidades e territorios onde se inseren e que se converte xa en fogar propio.
Que fermoso é descubrir que a nosa Igrexa diocesana chega ata onde están os nosos misioneiros! Que fermoso é sentirnos parte dunha familia eclesial que envía a membros das súas comunidades a outros lugares máis necesitados! Que alegría e orgullo dá o descubrir o traballo impagable que realizan os nosos misioneiros en tarefas evanxelizadoras, sociais e de promoción!
O seu traballo, sen dúbida, está apoiado pola nosa admiración. Pero tamén o debe de estar pola nosa oración e polo noso apoio económico que hoxe solicita a Igrexa en forma de donativo. E tamén, como non, polo coñecemento e a relación directa con estes misioneiros que saíron da nosa terra. Como me gustaría que se establecese unha relación estreita e próxima (en forma de cartas, encontros, coñecemento mutuo) entre estes fillos da nosa Igrexa e as comunidades que lles viron nacer! Sen dúbida que ese intercambio nos permitiría renovar, alentar e descubrir a universalidade e a catolicidade da nosa Igrexa desde o paradigma misioneiro.
Pero esa chamada de “ide ao mundo enteiro” tamén se dirixe hoxe a nós que permanecemos aquí. Porque ser misioneiro non é algo opcional, ou algo para uns poucos máis valentes ou lanzados. Todos estamos chamados a ser misioneiros, ou se o preferimos, como di o lema deste ano, a “ser as miñas testemuñas”. Onde nos atopemos, onde vivimos, habemos de ser discípulos misioneiros como nos convida o Plan Diocesano de Pastoral que acabamos de aprobar. Fermosa e suxestiva misión.
O voso irmán e amigo.







Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















