A diocese doa ao concello de Ribadeo catro vivendas para alquiler social

O concello de Ribadeo fíxose coa propiedade de varias vivendas en estado ruinoso en Cabanela. O obxectivo é dedicalas ao alugueiro para a xente nova. Catro deses inmobles eran propiedade da diocese de Mondoñedo-Ferrol.

O alcalde, Fernando Suárez, e a concelleira Mónica Freire reuníronse nas últimas horas co titular da diocese, Fernando García Cadiñanos.


Recuperar o patrimonio

O rexedor dixo que “desde o concello queremos dar un novo impulso á recuperación do noso patrimonio, da nosa historia e poñela ao servizo da nosa xente. E todo isto facémolo co diálogo e coa leal colaboración daquelas persoas ou entidades que responden á nosa chamada para buscar o ben común”.

Suárez Barcia contou que “nestes días frutificaron os acordos nos que levamos tempo traballando con discreción para seguir facendo da nosa zona vella un modelo de recuperación. Queremos recuperar o barrio de Cabanela. Este barrio foi un das orixes medievais do que hoxe se coñece como Ribadeo, pero lamentablemente leva decenios en total abandono”.

O alcalde indicou que “para iso, falamos cos lexítimos propietarios desas vivendas para que nolas vendesen. Houbo unha compravenda a unha familia, á que lles estamos moi agradecidos. E tamén houbo cesións. Neste caso doutra vivenda por parte doutra familia e logo a entrega de catro edificacións por parte do bispado de Mondoñedo-Ferrol por ser da súa propiedade. E vaia tamén o noso agradecemento”.

O rexedor sinalou: “estamos convencidos de que este expediente que hoxe iniciamos, será unha auténtica revolución á volta dun tempo con ese emprazamento tan simbólico, tan histórico e tan útil. Tomar o pasado e proxectalo cunha potencia tremenda para o futuro. Iso é o que levamos anos facendo desde o goberno municipal de Ribadeo”.


Agradecemento á diocese

E engadiu: “Por iso queremos reiterar o público agradecemento a todas as persoas e institucións que colaboraron neste proceso, e especialmente ao bispo de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos, por aceptar desde o primeiro momento esta proposta que lle fixemos desde o concello”.

Termina o alcalde dicindo “sabemos que a Igrexa e o concello somos institucións totalmente diferentes. Pero o caso é que por camiños relixiosos ou laicos, as dúas partes puxémonos de acordo para chegar a un mesmo destino: traballar polo ben da nosa xente. Así o fixemos, e o resultado verase máis temperán que tarde”.

Segundo o convenio entre as institucións, a diocese doa ao concello tres casas (Baixada A Cabanela, 19; Baixada a Paseo Marítimo, 8 e 12) e unha parcela sen edificar, co compromiso de que, unha vez rehabilitadas, sexan destinadas a vivendas de alugueiro para xente nova.

Fonte: COPE de la Costa-Ribadeo/Diocese

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas