- Grupos de traballo deseñaron en Santiago novas liñas de pastoral vocacional para as comunidades cristiás galegas
- A eucaristía final, presidida polo arcebispo, suposo unha chamada a vivir en plenitude a propia vocación bautismal e os diversos ministerios na Igrexa
Preto dun centenar de persoas das cinco dioceses galegas participaron na Asemblea Interdiocesana de Vocacións, que tivo lugar no Seminario Maior Interdiocesano «Apóstolo Santiago», o sábado 29 de novembro. Baixo o lema «Para quen son?», as delegacións de Pastoral Vocacional de Galicia organizaron este encontro, froito e prolongación da experiencia vivida no Congreso Nacional de Vocacións —celebrado en Madrid o pasado mes de febreiro, baixo o lema «Para quen son? Asemblea dos chamados para a misión»—.

Tras a benvida e oración inicial, o irmán de La Salle, Jorge Sierra, impartiu a conferencia «Camiñando cara a unha “nova cultura vocacional”», ofrecendo algunhas claves para crear un contexto para axudar a calquera persoa, especialmente aos mozos, a descubrir cal é o seu lugar no mundo, cal é a súa vocación dentro do proxecto de construción do reino de Dios, do servizo da Igrexa e da mellora da sociedade en favor dos máis desfavorecidos. Para crear esta cultura vocacional, explicaba Sierra, é necesario a colaboración de toda a comunidade cristiá —familias, sacerdotes, membros de vida consagrada, catequistas, profesores…—.
Coas palabras do irmán Jorge Sierra ecoando, os participantes dividíronse en seis grupos para compartir experiencias, testemuños e propostas que poidan suscitar unha auténtica cultura vocacional nas comunidades cristiás de Galicia. A partir desta reflexión grupal, os responsables da Pastoral Vocacional elaborarán un documento coas conclusións co obxectivo de desenvolver novas liñas de traballo conxunto.
A xornada rematou coa celebración da eucaristía no templo parroquial de San Fructuoso, presidida polo arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto, e concelebrada polo bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, e sacerdotes das diferentes dioceses galegas. Durante a súa homilía, o prelado compostelán convidou a «vivir a vocación á que estamos convocados, para que despois vaia tomando, a partir do nome propio de ser fillos de Deus, ese nome propio ao que somos chamados nese ministerio que se nos confía, nunha vocación que se nos dá, nunha tarefa que se nos entrega».
Con esta iniciativa, as dioceses galegas reafirman o seu compromiso con o acompañamento vocacional e a promoción dunha pastoral que axude aos fieis a discernir e vivir a súa chamada nos diversos ámbitos da vida cristiá.








Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.



















