- Unha eucaristía solemne o 4 de outubro reunirá á familia franciscana e á comunidade cristiá para conmemorar 800 anos do legado do santo de Asís
A Terceira Orde Franciscana de Viveiro celebrará o vindeiro domingo 4 de outubro, ás 20:00 horas, na igrexa de San Francisco, unha solemne eucaristía con motivo do VIII Centenario do Tránsito de San Francisco de Asís. A celebración estará presidida polo bispo diocesano, monseñor Fernando García Cadiñanos, e será animada musicalmente polo grupo Escolma de Meus.
Oito séculos de presenza franciscana en Viveiro
A historia franciscana de Viveiro remóntase aos comezos do século XIII, coa chegada dos frades franciscanos á vila. Xunto a eles foi medrando tamén a Terceira Orde, formada por seglares que fixeron súa a espiritualidade de san Francisco e a incorporaron á súa vida familiar e social. Esta presenza franciscana mantense en Viveiro ao longo de oito séculos. Cando no século XIX, como consecuencia da Desamortización, os frades tiveron que abandonar o convento, os terciarios franciscanos continuaron mantendo vivo o espírito de san Francisco, dando continuidade a unha historia da que xa formaban parte.
A actual Orde Franciscana Seglar forma parte da gran familia franciscana e reúne a homes e mulleres que, permanecendo na súa realidade familiar, profesional e social, se senten chamados a seguir a Xesucristo segundo o exemplo de san Francisco de Asís. A fraternidade, a sinxeleza, a oración, a paz, a proximidade aos máis necesitados e o coidado da creación son algúns dos trazos que caracterizan esta vocación.
VIII Centenario do Tránsito
Neste ano cúmprense 800 anos do Tránsito de san Francisco de Asís, falecido en 1226 na Porciúncula, en Asís. O centenario constitúe unha ocasión para achegarse de novo á súa figura e redescubrir a actualidade do seu testemuño e do seu xeito radical e sinxelo de seguir o Evanxeo. Viveiro únese así a esta conmemoración desde unha historia profundamente vinculada ao franciscanismo e cunha Terceira Orde que segue facendo presente hoxe esta espiritualidade.










Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















