Levo xa un tempo entre vós. En numerosas ocasións compartimos celebracións, encontros e momentos de oración, de reunión, de formación e de fraternidade. Ao longo destes máis de dous anos que levo entre vós fómonos coñecendo e querendo. Chegado este momento, considerei oportuno comezar a visita pastoral á diocese. E facelo polo arciprestado de Ferrol.
A visita pastoral é unha oportunidade para que o bispo coñeza a comunidade diocesana pero, sobre todo, unha ocasión para reanimar e revitalizar a vida cristiá tanto individual como comunitaria. Vivimos tempos complexos e difíciles, onde é máis necesario que nunca crecer en experiencia e en comunidade e animarnos mutuamente no camiño de fe. Como Xesús aos seus apóstolos, gustaríame reforzar a nosa vocación para ser discípulos misioneiros, que descubran a beleza da fe, que non teñan medo a vivila e a compartila co noso mundo, contribuíndo así á súa transformación. Como tantas veces nos di o Papa, necesitamos unha “Igrexa en saída”.
A visita pastoral é tamén unha oportunidade para agradecer e visibilizar tantos esforzos evanxelizadores que se realizan nas nosas parroquias, arciprestados, comunidades… Constitúe, ademais, un momento adecuado para entrar en relación con persoas, institucións e realidades que participan na construción do ben común da nosa sociedade, e coas que a Igrexa está chamada a tender pontes. É un tempo oportuno para o encontro persoal e comunitario, para escoita mutua sobre o que nos preocupa, para acoller o que o Espírito queira dicirnos. Sen dúbida, é un tempo de graza.
Ademais, fundamentalmente ha de axudarnos a crecer en comuñón como Igrexa diocesana, sentíndonos parte dun mesmo pobo de Deus diverso e complementario. A miña visita quere axudar a levar adiante os proxectos que nos traemos entre mans como Igrexa de Mondoñedo-Ferrol no presente curso pastoral: crecer en sinodalidade e en comuñón a través das estruturas de comuñón; fortalecer comunidades vivas e comprometidas cun exercicio dos diferentes ministerios e o funcionamento das unidades pastorais (UPA); animar a experiencia de fe na vida de mozos e familias; acompañar situacións de especial fraxilidade; espertar o primeiro anuncio e o acompañamento…
Sinto, nese sentido, que continuamos unha práctica de séculos: tamén Paulo e Bernabé, nos inicios da Igrexa, foron visitando as comunidades nas que previamente anunciaran a palabra do Señor (cf. Feitos 15, 36). Tamén hoxe, como sucesor dos apóstolos, achégome a vós para confirmarvos na fe, animarvos na esperanza e alentarvos na caridade.
Grazas por acollerme e camiñar xuntos sinodalmente. Pidamos que o Espírito acompañe os nosos encontros. Oremos para que os froitos da visita sexan os máis oportunos. Que a Virxe de Chamorro, patroa de Ferrol, interceda por nós.
O voso irmán e amigo.
Fernando García Cadiñanos
Bispo de Mondoñedo-Ferrol
Para descargar
Visita pastoral: Recursos para a catequese
Oración ante a visita pastoral







Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















