Advento, a arte de esperar

  • Mensaxe do bispo de Mondoñedo-Ferrol con motivo do inicio do tempo de Advento

O ambiente empeza xa a transformarse nestes días. Os adornos do Nadal comezan a copar as principais rúas das nosas cidades, os escaparates engalánanse para atraer o consumo e os anuncios comerciais envólvense de reclamos cálidos e sentimentais. O Nadal chama, un ano máis, ás portas.

O mundo ten o seu xeito de preparar o Nadal. A pedagoxía da Igrexa é ben distinta. Antes do acontecemento, exhórtasenos a desexalo, a esperalo e a preparalo para vivilo en profundidade. Talvez o noso tempo de présas e de inmediatez, onde todo se quere ao instante e sen esforzo, atrofiou a nosa capacidade de agardar e de ter esperanza. E, por iso, o Nadal corre o risco de perder o seu sabor, o seu sentido e o seu misterio.

O Advento, en cambio, edúcanos na arte paciente da espera. Non é unha paréntese baleira nin unha simple antesala das festas: é un tempo de xestación. Como a terra no inverno garda en silencio a semente ata que brota, así o crente aprende a confiar en que Deus xa está a actuar no escondido, malia que os nosos ollos aínda non vexan o froito.

Para iso son estas catro semanas: para axudarnos tamén a nós a provocar un nacemento, formulándonos preguntas profundas. Ti, que esperas? Mellor aínda: a quen esperas? Tes un corazón que desexa algo grande ou un corazón adormentado? Conserva a inquietude polo esencial ou está sufocado polo material e a satisfacción inmediata? Desexas deixarte salvar e recibir unha vida nova que Alguén pode e quere regalarche?

No Advento ensánchasenos a mirada, o horizonte, a meta, o sentido. A nosa vida ten un fin e Alguén que ao final a encherá de plenitude. Por iso, espértasenos á esperanza, a virtude que abre ao ser humano a horizontes de plenitude. No medio de tantas incertezas, a esperanza que Deus regala nos sostén e nos permite camiñar ergueitos nun mundo complexo.

No Advento sándasenos tamén a memoria, pois miramos cara atrás e admiramos a chegada daquel que cambiou a historia e a habita desde dentro. Por iso invítasenos a descubrir como estamos, que necesitamos e que buscamos. Co anhelo do pobo de Israel e dos profetas, recoñecemos a nosa fraxilidade e clamamos para que o Señor veña a darnos vida. Urxe prepararmos os camiños ao Señor que vén: entrar no noso interior, limpar o que nos dana e abrirnos á novidade coa que Deus sempre recrea a nosa existencia.

No Advento úrxesenos á vixilancia e á escoita para estar espertos e atentos ao paso de Deus que camiña xunto a nós. Neste tempo chámasenos a ensanchar a mirada para descubrir o rostro de Cristo en quen agarda sen esperanza. Preparar o Nadal non pode quedar nun exercicio intimista, e moito menos consumista; esixe saír ao encontro dos que viven na soidade, a precariedade ou o descarte. Quen espera de verdade ao Señor na pobreza de Belén aprende a recoñecelo hoxe nos máis vulnerables das nosas rúas e comunidades.

Invítovos a vivir este tempo con intensidade. Busquemos cada día uns minutos de silencio, abramos o Evanxeo para que a súa Palabra ilumine as nosas rutinas e acheguémonos ao sacramento da Reconciliación para alixeirar a equipaxe do corazón. Desarmemos tamén as nosas palabras para sementar fraternidade; antes de falar, fagámonos tres preguntas sinxelas que preparan novos camiños: É verdade? É necesario? É amable?

Que o Señor, que vén ao noso encontro, nos atope espertos, vixiantes e cheos de alegría. Feliz e santo tempo de Advento para todos.

O voso irmán e amigo,

+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas