Begonte homenaxea á alma máter do belén electrónico nos últimos 37 anos

“O belén de Begonte naceu en 1972 polo empuxe de José, que era todo carácter. Cando morreu no 86, pensamos que isto podía esmorecer, pero afortunadamente estaba Jesús, que tomou tan a peito a herdanza moral do seu irmán de seguir tirando polo belén de Begonte que durante 37 anos foi o seu impulsor. El é o rei do belén. É o noso primeiro Rei Mago”. Con estas verbas introduciu onte o acto de clausura da quincuaxésimo segunda edición do Nadal en Begonte Xulio Xiz, o novo presidente do Centro Cultural José Domínguez Guizán, entidade da que é agora presidente de honra Jesús Domínguez Guizán, irmán do creador do emblemático nacemento electrónico chairego.

O peche dos actos asociados ao belén begontés tivo nesta ocasión un ambiente especial, que xiraba en torno á figura de Jesús, quen deixou a presidencia da entidade a petición propia para dar paso a unha nova directiva, formada por 16 persoas, que tivo a súa presentación en sociedade neste evento.

Público asistente. M. ROCA

“O primeiro acordo que se tomou foi nomear presidente de honra a Jesús, que foi a alma máter desta casa 37 anos. Porque quixo e pola herdanza do seu irmán, gardando todo o que el fixo e potenciándoo”, recordou Xiz sobre un home do que destacaron noutras intervencións o seu “traballo calado e humilde”.

O homenaxeado, moi emocionado en varios momentos, agradeceu este recoñecemento e tamén o apoio de “colaboradores” que lle axudaron “a organizar, a idear” todo o que houbo ao redor do belén begontés nos últimos anos. “Eu fun o secretario do belén, por así decilo. Nunca estiven ao fronte mentres estivo meu irmán. Despois, fixen o que puiden”, afirmou Jesús Domínguez.

Tamén recibiu a felicitación do alcalde de Begonte, José Ulla, que destacou do presidente de honra do centro cultural local “todo o traballo feito”. “Imaxino que non debeu ser doado recoller a testemuña, o relevo dos fundadores e manter e incluso aumentar o seu legado”, manifestou, ao tempo que destacou que, cando unha persoa se achega a Begonte e contempla o belén, “a súa beleza e a súa singularidade a asombra e a engaiola de forma que ano tras anos ten que volver a velo e pasa a formar parte del”.


Outras homenaxes

O nomeamento de Jesús Domínguez Guizán como presidente de honra do centro cultural que leva o nome do seu irmán non foi o único momento emotivo do acto, xa que tamén se entregaron tres recoñecementos de socios de honra da entidade, dous a título póstumo.

Un deles foi a Pilar Gómez Rodríguez, viúva do creador do belén, José Rodríguez Varela, falecida o pasado mes de marzo. “Hai décadas nomeámola “Señora do Belén, pero nunca lle dimos algo que a acreditara como tal e queremos solventar iso hoxe”, explicou Xulio Xiz sobre unha muller que “o foi todo no belén”.

Familia de Manuel Guntín. M. ROCA

“O belén ulía a caldo galego, o que ela facía para poñer na ola dunha das figuras. Estas tiñan o pelo de Pilar e a súa casa estaba chea delas todo o ano mentres as cuidaba Varela”, recordou Xiz antes de que os fillos da homenaxeada, Pilarita e Josiño, recolleran unha figuriña de Sargadelos.

A mesma que se lle entregou á familia de Manuel Gulín, finado en setembro e membro do certame de pintura nos últimos 30 anos. O terceiro nomeamento de socio de honra foi para José Manuel Zas, director de Erimsa, en agradecemento á colaboración desta empresa co nacemento begontés.

No acto tamén se fixo entrega dos correspondentes galardóns dos catro certames que convoca cada ano o Centro Cultural José Domínguez Guizán. O lucense José Manuel Peña Romay gañou o de pintura, onde Santiago Lago recibiu unha mención de honra.

O XLVIII Certame Nacional de Poesía sobre o Nadal tivo a Soledad García como gañadora, a Xosé Otero Canto como segundo clasificado e as mencións de David Corral Díaz e Manuel Laespada, mentres que na convocatoria de xornalismo gañou Luis Latorre Real e Xoán Neira foi segundo. Ademais, 16 escolares foron premiados no certame de debuxo infantil.


Trámites para ser Fiesta de Intgerés Turístico Nacional

Un dos principais obxectivos da nova directiva do Centro Cultural José Domínguez Guizán e do Concello de Begonte é que o mítico belén chairego acade a distinción de Fiesta de Interés Turístico Nacional. Así, ambas entidades atópanse actualmente na fase de recompilación de documentación e de analizar os requisitos que se solicitan para poder optar a este recoñecemento. Apoio O rexedor begontés apuntou que a Xunta terá «un papel fundamental» para acadar este nomeamento. “Cónstame que o vai apoiar”, dixo.

Fonte: El Progreso – A Chaira

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas